“Non é o mesmo falar de revolución democrática que de democracia revolucionaria. O primeiro concepto ten un freo conservador; o segundo é liberador”
Hugo Chávez
“Quen renuncia á loita polo socialismo, renuncia tamén á mobilización obreira e á democracia.”
Rosa Luxemburgo
Apenas unhas horas despois das eleccións municipais e autonómicas, que supuxeron un duro golpe para o tradicionalmente considerado espazo progresista español, atopámonos de novo inmersos na ensimesmante enaxenación electoral á que os réximes burgueses occidentais nos acostumaron, illándonos cada vez máis de calquera proceso de cambio real ou deliberación democrática revolucionaria.
Nun escenario poselectoral no que os socialistas perden gran parte do seu control territorial e mentres a marea conservadora avanza imparable en gran parte do país, a decisión do presidente do goberno español de poñer fin á lexislatura e adiantar as eleccións xerais ao 23 de xullo de 2023, supón un arriscado movemento de dobre fío. Neste contexto, Sánchez non só aposta unha vez máis todo o seu capital electoral á enésima alerta antifascista que pretende poñer freo ao Partido Popular e aos seus futuribles pactos con Vox, senón que, á súa vez, se aventura a propiciar a estocada final aos seus actuais socios parlamentarios e aos restos políticos da breve e facilmente encamiñada indignación española filla do 15M.
Inmersos en inextinguibles loitas fraticidas e guiados únicamente por liderados baseados no tamaño do ego das súas cabezas visibles, pouco tardaron as formacións da chamada esquerda española á hora de servir en bandeixa de prata ao PSOE a escusa perfecta para lograr sacrificar no altar da gobernabilidade e o sentido de estado a todas as voces minimamente discordantes co seu proxecto nacional. Un proxecto depredador plenamente comprometido coa salvagarda dos restos do réxime do 78 e o proxecto imperialista comandado por Washington, mediante o seu brazo armado da OTAN.
Non nos enganemos: as tediosas disputas entre os restos do progresismo centralista, non son a enfermidade, senón tan só un síntoma da mesma. Cativa e desarmada desde a derrota militar fronte ao franquismo e a traizón política do carrillismo e os fillos do quintacolumnismo alemán, a esquerda española queda hoxe en mans dunha burguesía con sede en Madrid que parece ter alcanzado finalmente os seus últimos obxectivos.
Independentemente de que nos refiramos ao partido comandado na sombra por Pablo Iglesias ou ao novo experimento posmoderno encarnado por quen o propio Pablo elixira persoalmente para substituílo na torre de marfil do parlamentarismo español, o certo é que décadas de cesións, malmenorismos, traizóns e profundo arribismo, remataron convertendo á suposta esquerda española nun ente intensamente alienado, cínico, individualista e especialmente inan.
Sexamos precisos, durante esta lexislatura, o voluntarismo progresista de Unidas Podemos non puido ocultar os preto de 39.000 desafiuzamentos durante o pasado ano, os máis de 13 millóns de persoas en risco de pobreza, o 45% dos “españois” que chegan con dificultade ao final de mes, o feito de que un de cada oito traballadores subsiste con rendas inferiores aos 10.000 euros brutos anuais ou a marca histórica de disolucións mercantís, superando as 26.000 e agudizando deste modo unha desindustrialización que parece imparable.
Totalmente allea á cruel realidade diaria da clase traballadora do estado, a mal chamada esquerda española enfrascouse no mero marketing político, pretendendo diferenciar os seus argumentos e programas dos da dereita unicamente no espazo identitario. Todo iso, despois de ter aceptado plenamente a senda capitalista, levando a que se abandonara calquera expectativa de cambio ou ruptura coas estruturas de poder herdadas do franquismo e coa industria da morte da que o estado español forma parte pola súa integración na OTAN.
A ausencia de autocritica, os frenéticos ritmos políticos que impiden a reflexión, os continuos chantaxes aos seus votantes ou o voraz discurso infantilista co que se pretende mobilizar unha poboación contemplada como mero gando electoral, demostran a urxencia dunha formación ideolóxica e unha deliberación colectiva totalmente allea aos marcos impostos polo sainete das chamadas democracias burguesas.
A pesar das esperanzas depositadas no cambio democrático propiciado por estas estruturas de dominación de clase, a abrumadora abstención, o resurxir do vello fantasma do fascismo e as cíclicas crises capitalistas que ameazan con arrasar ata o último refuxio do público e o común, fai que sexa urxente admitir e recoñecer que a realidade non pode ser transformada desde as atalaias universitarias ou mediáticas, totalmente desconectadas da realidade material e política dos barrios obreiros, as fábricas e o conflito de clase sumamente candente nas nosas rúas.
A incapacidade da esquerda española para asumir as súas propias derrotas, traizóns e falsidades parece abocala a un ciclo sen fin de transformacións aparentes nas que todo muda para que todo siga igual. Chámese Sumar, Unidas Podemos, Izquierda Unida ou Partido Socialista Obrero Español, os cambios de siglas, liderados e programas políticos pre-electorais desbotables non veñen máis que a esconder a incapacidade do reformismo capitalista para encauzar os cambios políticos necesarios para reverter décadas de privatización dos servizos públicos e a depauperación da clase traballadora do estado. Non existe posibilidade algunha de reforma do marco español nin futuro para os pobos do estado baixo a bota xenocida do imperialismo estadounidense.
E é aí, na senda do rupturismo co réxime do 78 e o marco capitalista, na que calquera alternativa realmente á esquerda debe buscar o contacto e o apoio das masas traballadoras do estado. Afastarse da esquerda progresista, moderada ou de centro, supón un imperativo ineludible para comezar a exercer a rebelión práctica e a verdadeira democracia revolucionaria que nos conecte coas resistencias de outros pobos no mundo e nos permita, deste xeito, deixar atrás o voluntarismo inane do progresismo español. O obxectivo inmediato é avanzar na firme defensa do noso estado de benestar, a nosa soberanía e a pacífica convivencia dos pobos traballadores do estado.
A alternativa e a disputa real debúxase nestas coordenadas, por moito que hoxe o balbordo mediático pretenda entreternos con sainetes de taberna acerca do futuro das formacións e personalidades políticas dos novos oportunistas do parlamentarismo español, encadren estes en Sumar ou Podemos.
Socialismo, autoorganización ou barbarie.