Existen asuntos prioritarios para unha sociedade aos que, sen embargo, a maioría dos seus membros deciden darlle incomprensiblemente as costas. Existen males intrínsecos ao ser humano, agochados na parte máis recóndita das nosas sociedades, que se repiten xeración tras xeración, sen que o silencio social logre acougar os berros daquelas persoas que sofren na súa pel o constante peso da desigualdade. O racismo, como a máis profunda estupidez humana, non é un asunto propio do fútbol. Aínda que de forma lamentable, pode que efectivamente dita actitude se reproduza especialmente nos seus estadios. Amparados na particular atracción que o anonimato produce para os especímenes máis covardes do Homo sapiens, os berros racistas, as consignas segregacionistas ou os sons evocando un parente animal –en certa forma, moralmente máis evolucionado que gran parte dos nosos congéneres– reprodúcense como mostra do profundo desprezo que estes miserables senten polo que consideran diferente. Os racistas sempre ven no outro a un inimigo, a alguén que non merece o mesmo respecto e consideración que eles mesmos esixen.
En moitas ocasións, tratar de razoar con aqueles que apoian a discriminación, a segregación ou mesmo o exterminio dos seus semellantes humanos, baseándose en ideas acientíficas ou relixiosas, é en gran medida absurdo. A historia mostranos claramente como o racismo foi utilizado polos Estados para desviar o descontento social, xustificar o fracaso dunha gran parte da poboación e converterse no obxecto da ira daquelas persoas que non se atreven a buscar ao verdadeiro culpable. A barbarie nazi, a segregación e persecución racial en Estados Unidos, o réxime do apartheid en Suráfrica ou o profundo racismo contra os indíxenas, presente en maior ou menor medida en toda América Latina, son exemplos claros disto.
A única cura posible para o racismo é a educación. Un pode viaxar a lugares diferentes e seguir sendo un racista intolerante que mira con desprezo aos traballadores locais. Un pode traballar xunto a compañeiros de diferentes razas ou etnias e seguir tratándoos como inferiores. Pero cando un crece e se desenvolve nunha sociedade que fomenta a igualdade e non ve a discriminación nos apelidos, no barrio onde vive, na cor da súa pel ou no seu lugar de orixe, entón é máis probable que aprenda a tratar aos demais como iguais. A educación é a clave para erradicar o racismo, un modelo social xusto e igualitario é a mellor vacina contra a intolerancia. É importante que a sociedade fomente a igualdade e ensine ás persoas a valorar e respectar a todos, independentemente da súa raza, xénero, etnia ou relixión. Só así poderemos construír unha sociedade máis xusta e equitativa para todos.
O racismo é un problema que se orixina principalmente polo odio, a frustración, a falta de educación e a cobardía. Moitas persoas buscan sentirse superiores ou especiais utilizando calquera motivo, como a cor da pel, os trazos, a raza, entre outros detalles insignificantes. Con todo, estes detalles nunca poderán explicar a honradez de Mandela, a valentía de Thomas Sankara, o enorme talento de Ray Charles, a rebeldía de Rosa Parks, a rapidez de Jesse Owens, a pegada de Muhammad Ali, o talento de Ha Jin, a poesía de Angélica Ortiz ou a visión de Albert Namatjira. Non poderán explicalo, porque pretenden estruturar divisións nunha humanidade que camiña de forma conxunta na base do seu traballo e talento.
Na actualidade, o fútbol é un fenómeno de masas que move milleiros de millóns de euros cada ano e é coñecido como o deporte rei no noso país. Atrae a centos de milleiros de persoas aos estadios cada semana, proporciona audiencias televisivas impresionantes e monopoliza os soños de milleiros de nenos e adultos que o ven como un referente para seguir.
Os futbolistas son hoxe en día auténticos referentes sociais para gran parte da nosa poboación e moitos nenos queren seguir os seus pasos. Con todo, Allan Nyom, Diakhaby, Eto’o, Umtiti, Kameni, Ronaldo, Wilfred Agbonavbare, Iñaki Williams, Paulao, Marcelo, Vinicius… Todos eles sufriron nas súas propias carnes o racismo por parte de espectadores e unha sociedade que considera que os comportamentos discriminatorios son un dereito adquirido coa súa entrada. No fútbol español, comparar a un xogador cun mono, chamar ao compañeiro ou rival negro de merda ou mesmo cantar e usar símbolos racistas nunca foron suficientemente importantes para que o espectáculo se detivese por un instante. O balón debe seguir rodando pase o que pase, e quen intente impedilo é considerado un loco, a pesar de soportar insultos racistas por parte dun gran número de espectadores, como lle sucedeu a Samuel Eto’o en La Romareda.
É importante que tomemos medidas para acabar co racismo no fútbol e na sociedade en xeral. Temos que ser conscientes de que o racismo non ten cabida no deporte e que debemos traballar xuntos para erradicalo. Os xogadores, os espectadores e os organizadores do fútbol teñen unha responsabilidade neste sentido. Debemos traballar xuntos para educar ás persoas e fomentar a igualdade e o respecto cara todas as persoas, independentemente da súa raza, xénero, etnia ou relixión.
É crucial que se tomen medidas efectivas para previr e sancionar os actos de racismo no fútbol, incluíndo a suspensión do partido se é necesario. Ademais, os xogadores e os clubs deben tomar unha posición clara contra o racismo e ser modelos a seguir para os fans. É importante que os espectadores comprendan que o racismo no fútbol non é aceptable e que deben respectar a todos os xogadores, independentemente da súa orixe ou cor da pel.
Pero isto non resultará posible mentres lexitimen posicións políticas de ultradereita, financien grupos ultranacionalistas no estranxeiro, permitan a entrada aos estadios de bancadas neonazis e miren para outro lado ante o xenocidio no Mediterráneo e eses campos de concentración chamados CIEs. O racismo no estado, os insultos racistas contra o xogador do Real Madrid, Vinicius Junior, supoñen a cara máis visible dunha sociedade profundamente racista. Pero por baixo desa superficie mediaticamente analizada, escóndese o racismo diario, o sufrimento de amplas minorías e un problema ao que urxe buscarlle solución.
A actitude valente e decidida de Vinicius Junior, debe supoñer un punto e aparte na nosa forma de enfrontar o racismo no estado español. Non serven as escusas, nin os actos cínicos e oportunistas que non aportan solucións á raíz do problema. Hoxe precisamos unha actitude activa e antirracista, o resto é poñerse do lado do odio, poñerse do lado dos racistas. Suporá seguir ocultando as actitudes racistas e,por tanto, seguir sendo unha sociedade racista. Porque aínda que a moitos lles poida molestar: España é hoxe un país racista.