«Soy español, nada más. Soy una persona a la que le gusta que gane la selección española»
Josué Estébanez de la Hija, militar e militante fascista responsábel do asasinato do mozo Carlos Palomino.
“Ao fascismo non se lle discute, destrúese.”
Buenaventura Durruti
O 11 de novembro de 2007, o mozo e militante antifascista Carlos Javier Palomino, era asasinado na estación de metro de Legazpi de Madrid mentres se dirixía ó barrio de Usera para tentar impedir unha manifestación que a organización fascista Democracia Nacional convocaba contra a emigración e a favor de Espanha, manifestación convocada nun barrio proeminentementeobreiro e inmigrante.
O menor de tan só 16 anos, atopaba a morte na linha 3 do metro de Madrid tras recibir unha certeira punhalada de mans do soldado do exercito espanhol e conocido militante fascista Josué Estébanez de la Hija. A ferida, provocada coa navalla que o soldado ocultaba mentres se dirixía á concentración fascista, afectou á beira esquerda do tórax e ó corazón do mozo militante de esquerda, provocándolhe finalmente a morte pouco despois por un shock hipovolémico. O nome de Carlos Palomino sumábase dese modo a longa lista de crimes fascistas no noso país, a mesquindade nin tan sequera respectaría o seu duelo.
Apenas escasas horas tras o asasinato fascista en pleno corazón de Madrid, os grandes editoriais e os vistosos minutos de televisión, comezaban a afanarse por tentar converter un crime fascista nunha liorta entre grupos radicais. O infecto xogo mediático para equiparar fascismo e antifascismo non dubidou nin tan sequera por un intre á hora de mergulhar na vida dun mozo de 16 anos para tentar desa forma tachalo de violento ultraesquerdista e elemento profundamente radical. As fotos subidas ás redes sociais ou a difusión de material propagandístico de esquerda, chegaron a ser usados pola dereita patria como van intento destinado a ocultar na mera violencia entre mozos radicais un asasinato cun claro detonante político.
O suadoiro da marca “Three Stroke” habitualmente usada entre militantes fascistas e os berros de «Sieg Heil» que o militante «patriota» ou «espanhol – el mesmo chegou a definirse desa forma– Josué Estébanez proferiu ás súas vítimas, apuntaba de xeito evidente a un crime por motivos ideolóxicos. A pesar diso, non foron poucos os medios que decidiron normalizar iste asasino, á vez que victimizaban ó estamento militar fronte unha suposta reacción da esquerda radical que finalmente nunca chegou. A pesar da condena final a 30 anos de reclusión e a terse en conta a agravante do artigo 22.4 do Código penal en relación á discriminación por motivos ideolóxicos, a sentenza final non podía evitar deixar unha sensación xeral na esquerda de desprotección por parte do sistema fronte ó fascismo.
Os fascistas e neonazis transfórmanse en Barcelona, Madrid ou Valencia en ultras, patriotas ou radicais do mesmo xeito que os rebeldes en Siria tórnanse en terroristas en Londres ou Paris
O lixo mediático, a negativa por parte do Partido Popular a situar ideolóxicamente ó agresor ou o uso partidista do asasinato, especialmente por parte da dereita espanhola, mostraban unha vez máis a cara oculta dunha Espanha que non rematou nunca de desprenderse, supostamente pese a estar xa nunha democracia plena, dos velhos tics autoritarios do fascismo. Como sucedese co asasinato de Guillem Agulló, cuxo asasino confeso Pedro J Cuevas pasaría a incorporarse ás filas da ultradereita espanhola como candidato nas listas de Alianza Nacional ou coa covarde execución de Lucrecia Pérez, considerada a primeira vítima por un crime xenófobo en Espanha, o asasinato de Carlos Palomino pasaría simplesmente a suponher un recordo indeleble e unha profunda cicatriz no corazón da esquerda espanhola. Nada mudou entón na actitude dos políticos e os medios espanhois cara ó fascismo, nin nada parece mudar co tempo.
Aínda hoxe podemos observar claramente as dificultades que atopan gran parte dos medios maioritarios á hora de tachar como agresións fascistas ou nazis actuacións que claramente se engloban baixo esa ideoloxía. Os fascistas e neonazis transfórmanse en Barcelona, Madrid ou Valencia en ultras, patriotas ou radicais do mesmo xeito que os rebeldes en Siria tórnanse en terroristas en Londres ou Paris. Unha postura no terreo das palabras que nin moito menos debemos considerar inocente.
Non podemos esquecer, nin debemos perdoar a afrontq a quen baixo actuacións denominadas «a favor de Espanha» exercer a violencia fascista nas nosas rúas con total impunidade. Xornalistas, activistas LGTB, militantes de esquerda, sindicalistas, estudantes, persoas sen fogar, emigrantes, persoas de diferentes razas, seareiras de futbol… A lista dos afectados pola violencia fascista no estado espanhol alóngase cada día baixo o paraugas dunha sociedade que pretende ver patriotas ou novos descarriados nun movemento político que se afianza en Espanha do mesmo xeito que o fai no resto de Europa.
Non debemos tomar como referencia os resultados electorais dunha sociedade onde organizacións como Vox, Hogar Social Madrid, Democracia Nacional ocupan espazos públicos. O simple lavado de cara ou o apoio directo a estas organizacións, leva consigo impresa a mancha de sangue dos seus crimes. Unha realidade que farían ben en tratar de lembrar aqueles xornalistas ou militantes políticos que por distintos fins deciden hoxe achegarse a eles.