“Un home de verdadeira fe nos ideaes que predica, e con coraxe para remediar as desventuras do pobo, vai cara ao triunfo cando se poida e como se poida.”
Castelao, “Sempre en Galiza”
Soberanía:
Carácter dunha nación ou organismo que non está sometido a outro.
Independencia:
Carácter ou situación do que é independente.

A XVIII Asemblea Nacional do BNG chegaba nun bo momento electoral para o nacionalismo galego, cunha indubidábel alta participación da súa militancia e acompanhada por unha das crises políticas máis profundas do estado espanhol, reforzada na súa escura deriva autoritaria pola inestabilidade da economía global e os seus nefastos efectos sobre a loita diaria da clase trabalhadora.
Nunha longa xornada de reflexión na cidade da Corunha na que o BNG se concretou finalmente como alternativa á gobernabilidade da nación galega e na que a importancia da militancia de base e o debate interno quedou firmemente reforzada pola dirección da casa común das expectativas parlamentarias do nacionalismo galego, a “polémica” ou a “carnaza” para o debate mediático, chegaba ó redor das declaracións que aparentemente desde o propio Bloque debuxaban ao BNG como un partido soberanista, pero non abertamente independentista.
E ben, a simple constatación de que á sexta feira segue a quinta, parecía abrir así para algúns, non moitos, quizais si os máis oportunistas, a caixa dos tronos coa que sempre parecen estar dispostos a entorpecer o avance común dunha alternativa propia para as galegas. Unha alternativa coa que avanzar firmemente para a constitución dunha república galega na que non debamos volver pedir perdón, nin tampouco permiso, pola nosa toma de decisións como pobo.
Podemos neste punto entender o soberanismo como unha moderación nas estratexias do Bloque Nacionalista Galego, podemos tamén facelo como un paso previo ou mesmo unha profundización do concepto de independencia, pero ante todo nunca debemos deixar que sexan outros os que marquen os nosos debates ou os nosos tempos.
Que en pleno 2021 algúns se sorprendan cando desde o BNG se asegura non ser unha alternativa política netamente independentista ten a súa graza, reconhézoo. Nunca, polo menos desde que o que aquí escribe ten uso de razón e memoria, o Bloque Nacionalista Galego foi ou pretendeu ser unha formación intrínseca ao independentismo. Agora ben, aínda que puidese gozar a relación con esta alternativa política de maiores ou menores apoios ou simpatías no seo do Bloque ao longo da súa historia, tampouco a vía independentista foi nunca excluída por norma da militancia activa no BNG.
A fronte común que debuxa o Bloque Nacionalista como ferramenta no proceso de liberación nacional que encara a nosa terra, supón sen ningunha dúbida algunha un xogo continuo de acordos, desacordos, loitas de poder, pactos estratéxicos, discusións teóricas, avances e retrocesos nun caminho que non sempre é recto e que ó longo da súa historia, logrou construír con maior ou menor acerto una certa conciencia nacional e unha alternativa política ampla, vital como xerme indispensábel para calquera futuro proceso de independencia na Galiza.
Na actualidade, apenas dous de cada dez galegos apoiarían abertamente un proceso de autodeterminación destinado a romper definitivamente co cárcere que para a nación galega supón o estado espanhol. Sete de cada dez oponheríanse por tanto de forma firme. Unhas cifras decepcionantes para algúns, poida que esperanzadoras co suficiente trabalho e a xusta insistencia para outros. Sexa como sexa, iste é a mostra da realidade concreta, que non inmutábel, na que niste mesmo momento navega políticamente o nacionalismo galego.
En vista a esta realidade que certamente nos moldea, debemos ter en conta que o esquerdismo é un caminho nefasto tamén nas loitas pola liberación nacional, pero non esquezamos á súa vez que a renuncia aos principios programáticos básicos en busca dun rápido rédito electoral, pode resultar mesmo máis prexudicial para a nosa causa común se o que se pretende é unha transformación real e substancial da sociedade.
Non existe independencia sen soberanía, nin existirá nunca soberanía nunha nación na que a metade das súas pensións de xubilación son inferiores ós 700 euros mensuais, na que 12,5% das persoas con emprego viven na pobreza ou na que a creación de empresas redúcese de forma continúa, caminhando cara a un auténtico deserto industrial, sen lograr a plena independencia nacional que rompa cos vínculos de sometemento e espolio que nos converten nunha mera colonia interior do estado espanhol.
Que en pleno 2021 algúns se sorprendan cando desde o BNG se asegura non ser unha alternativa política netamente independentista ten a súa graza, reconhézoo
Podemos por tanto enredarnos eternamente e perdernos en debates estériles e na importancia relativa dos termos políticos usados nesta disxuntiva na que debería sempre priorizarse un mesmo obxectivo final, pero a praxe real e realista indícanos que a casa común do soberanismo é hoxe a única estratexia viábel para lograr un marco político no que a acumulación de forzas e de conciencia nacional poida transformarse finalmente nun proceso de independencia que é a única alternativa posíbel para a consecución dunha república galega independente como primeiro e decisivo avance para a consecución definitiva da nosa plena soberanía.
Podemos neste punto entender o soberanismo como unha moderación nas estratexias do Bloque Nacionalista Galego, podemos tamén facelo como un paso previo ou mesmo unha profundización do concepto de independencia, pero ante todo nunca debemos deixar que sexan outros os que marquen os nosos debates ou os nosos tempos.
Quizais nesta ocasión, medorentos fronte o avance dunha alternativa de goberno real, fronte a construción dunha militancia de base trabalhadora e comprometida coa transformación social, sexa iso o que os nosos inimigos pretenden. Con todo, resulta curioso que apunten directamente a unha vía de ruptura na marxe esquerda deste nexo de unión do nacionalismo, quizais conscientes de que o trabalho material, a loita polas condicións laborais da clase trabalhadora galega, a defensa da nosa cultura común, a representación parlamentaria dos intereses do noso país e a digna marcha para conseguir unha democracia popular na Galiza, sexa en definitiva a vía máis directa para conseguir a nosa independencia e plena soberanía. Neste caminho compartido, debemos por tanto atoparnos como galegas e galegos.