«Váianse ao caralho ianquis de merda que aquí hai un pobo digno, aquí hai un pobo digno, ianquis de merda, váianse ao caralho 100 veces, aquí estamos os filhos de Simón Bolívar, de Guaicapuro e de Tupac Amarú. Nós estamos resoltos a ser libres«.
Hugo Chávez
«É claro, público, notorio e conhecido que Venezuela é centro dunha guerra mundial do imperialismo norteamericano e os seus satélites, pero quédanos forza para moitos anos«.
Nicolás Maduro
«Todos os pobos do mundo que lidaron pola liberdade exterminaron ao fin aos seus tiranos».
Simón Bolívar

27 de xunho de 2017: un grupo de membros da policía venezolana, liderados polo terrorista Óscar Pérez, lanzan varias granadas desde un helicóptero policial contra o edificio do Tribunal Supremo de Justiza de Venezuela. Óscar Pérez e a súa célula terrorista rematarían sendo abatidos o 15 de xaneiro de 2018 no transcurso da Operación Gedeón.
O 4 de agosto de 2018: durante o acto pola conmemoración polos 81 anos da creación da Guardia Nacional Bolivariana ( GNB) prodúcense varias explosións mentres Nicolás Maduro, presidente de Venezuela, daba un discurso na Avenida Bolívar en Caracas. A seguridade presidencial reacciona rápido e escuda ao mandatario con chalecos de kevlar. Sete cadetes da GNB resultan feridos no ataque. Mentres, Nicolás Maduro e o seu gabinete saen ilesos do atentado con drons. A Operación “Yunque-Martillo” resulta un fracaso, o intento de magnicidio é condenado timidamente por diversos países occidentais, mentres que os seus medios de comunicación apenas dan cobertura ao intento de magnicidio en Venezuela.
23 de febreiro de 2019: o autroproclamado Juan Guaidó co respaldo político de Colombia, Estados Unidos e a Unión Europea, tenta atravesar a fronteira entre Colombia e Venezuela cun suposto cargamento de axuda humanitaria que unicamente estivo coordinado polo multimilhonario británico Richard Branson. En paralelo, un macroconcerto ten lugar do lado colombiano da fronteira animando á inxerencia política contra o goberno venezolano. As autoridades de Caracas son obrigadas a rexeitar a grupos de guarimberos violentos que rematan por prender lume aos camións con alimentos. Durante estes feitos, un número indeterminado dos membros das forzas de seguridade venezolanas deciden desertar das súas obrigacións cruzando a fronteira a Colombia. Actualmente sobreviven nas rúas colombianas sen respaldo algún das autoridades daquel país ou decepcionados co sonho das democracias otanistas decidiron regresar a Venezuela. “Washington traditoribus non praemiat”
A Venezuela nunca lhe van poder perdoar ser a revolución dos desherdados, a terra que dignificou a figura do liberador Simón Bolívar e plantou cara ó proxecto do imperialismo estadounidense en América Latina
30 de abril de 2019: unha insurrección de líderes opositores e tropas militares levántase coa intención de derrocar ao goberno de Nicolás Maduro. No medio da crise política que vive o país e tras meses continuados de violencia nas rúas, desenvólvense focos golpistas en varias cidades. O levantamento é dirixido por Juan Guaidó e ás súas ordes atópanse contados efectivos militares e policiais que logran liberar a Leopoldo López. Tras a “sorpresa” inicial do levantamento, as forzas opositoras comprenden o claro fracaso do mesmo e tanto Guaidó como López foxen buscando refuxio no contorna OTAN. Quizais neste punto Mike Pompeo e as autoridades estadounidenses decátanse de que apoiaron ó sector máis inepto da oposición venezolana, o maior favor a Nicolás Maduro chámase Juan Guaidó.
10 de maio de 2020: o goberno venezolano incauta varias lanchas militares pertencentes a un intento de invasión do país desde Colombia. Durante os seguintes días prodúcense enfrontamentos e especúlase coa posibilidade da chegada de tropas inimigas a territorio venezolano. Finalmente nada diso sucede, as autoridades e o pobo de Venezuela continúan o seu proxecto social baixo o embargo de activos, os boicots, as sabotaxes, a presión mediática e política internacional, as sancións e a violencia nas rúas alimentada pola oposición.
A economía sofre paus cada semana, escasean produtos e xeopolíticamente as cousas complícanse coa onda reaccionaria que vive o continente. A pesar diso a cobertura social segue presente no país. As autoridades manobran para facer fronte á guerra económica para garantir o sustento do día a día dos seus cidadáns e misións como a Gran Misión Vivienda Venezuela (GMVV) exceden os 3 milhóns de fogares construídos e entregados con todo o seu equipamento aos sectores máis desfavorecidos do país. Tampouco a actual pandemia golpea a Venezuela como si o fai con Brasil, Colombia, Ecuador ou mesmo Estados Unidos. A Revolución Bolivariana utiliza a súa experiencia coa eterna crise imposta que padece o país para organizar á cidadanía e atender rapidamente calquera ameaza froito do virus. Mentres tanto, no campo internacional colabora con países como Cuba, China ou Rusia, demostrando que existe vida máis aló dun occidente capitalista que sofre nas súas propias carnes a peor cara do coronavirus.
16 de outubro de 2021: O Goberno de Cabo Verde decide extraditar a Estados Unidos ao empresario e diplomático venezolano Alex Saab. Saab fora detido de forma ilegal o 12 de xunho de 2020 cando o avión no que viaxaba facía unha parada na súa viaxe entre Teherán e Caradas, naquel momento non pesaba orde internacional algunha de captura na súa contra. O obxectivo de Washington é lograr que o empresario e diplomático venezolano achegue información contra o goberno do seu país. Alex Saab denunciou torturas físicas e psicolóxicas por parte do goberno estadounidense.
Tras todos estes intentos de inxerencia e directamente golpismo contra Venezuela, o vindeiro domingo 21 de novembro os venezolanos volverán elixir o seu destino político. Non o farán as armas como en Bolivia, nin os tribunais ou as traizoes partidistas como en Brasil ou Ecuador, farano milhóns de venezolanas e venezolanas afeitos a resistir todas as presións imaxinables para seguir apoiando un proceso político iniciado hai décadas, conducido valerosamente por Hugo Chávez e herdado de forma valente e precisa por Nicolás Maduro.
As eleccións rexionais e municipais suponhen un novo pulso para medir o sentir político de Venezuela, unha vez gran parte da dereita venezolana decidiu abandonar, polo menos de xeito momentáneo, a estratexia golpista para participar nestes comicios. A política máis próxima aos barrios, as comunas e os proxectos revolucionarios é a que esta mesma semana decantará o futuro inmediato da revolución bolivariana.
Hoxe en Venezuela séguese loitando por un mundo melhor, por un horizonte máis aló da imposición capitalista
Resulta sinxelo por estas latitudes atopar reproches contra a revolución bolivariana, uns acúsana de ditadura castrochavista, mentres que outros resaltan o seu suposto abandono ó capitalismo e o seu pouco rigor revolucionario. Uns e outros falan de Venezuela sen entendela. Nada saben eles dos milhóns de venezolanos que ata a chegada de Hugo Chávez nin tan sequera eran considerados como tal. A conquista da identidade na Venezuela chavista consistiu en converter en cidadáns a milhóns de homes e mulheres que ata ese momento vivían á marxe do seu propio estado. A súa identidade forxouse entón co acceso á sanidade, a educación, as prestacións sociais e á democracia. Non se traba de loitar por ser máis diversos, senón dunha loita pola igualdade no medio da diversidade humana. O acceso ás universidades, a auga corrente, a dignidade dos indíxenas, as razas, os sexos, ese era o horizonte da revolución en Venezuela e ségueo sendo a día de hoxe: unha revolución ilustrada e baseada no amor. Non nos equivoquemos, hoxe como onte o pobo venezolano está preparado para repeler calquera invasión, pero é o amor a unha causa xusta o que fai ata hoxe irredutíbel o espírito bolivariano. Por isto, farían ben os seus inimigos en lembrar que a ameaza dun novo Vietnam xamais deixará de estar presente, vive xunto ó recordo de Hugo Chávez en cada palma do terreo da patria de Bolívar.
A Venezuela nunca lhe van poder perdoar ser a revolución dos desherdados, a terra que dignificou a figura do liberador Simón Bolívar e plantou cara ó proxecto do imperialismo estadounidense en América Latina para abrir a porta á posibilidade dun continente novo. Nunca lhe perdoarán á revolución de Chávez lograr transformar a vida dos trabalhadores e trabalhadoras venezolanos e demostrar con iso que os proxectos de transformación á marxe do capitalismo son posibeis, por iso e non por outra cousa nunca cesarán nos seus ataques a este pobo tal e como vimos no inicio destas mesmas páxinas. Pero esquecen que por esa mesma razón nunca o pobo venezolano dará o seu brazo a torcer. Nunca abandonará a unha revolución que é a súa, construída coas súas bágoas e o seu sangue. Non sei o que sucederá o domingo, aínda que confío nunha vitoria do pobo de Venezuela, unha nova vitoria chavista, unha vitoria da revolución bolivariana. Non o oculto. Pero suceda o que suceda, sei que non cesarán os ataques imperialistas, como tamén sei que se redobrará a forza revolucionaria dun pobo digno e valente. Hoxe en Venezuela séguese loitando por un mundo melhor, por un horizonte máis aló da imposición capitalista. Por unha revolución chamada a transformar a realidade dun pobo.