“O suicidio varía en proporción inversa ó grao de integración dos grupos sociais ós que pertence o individuo.”
Emile Durkheim
“O comunismo non priva a ninguén do poder de apropiarse produtos sociais; o único que non admite é o poder de usurpar por medio desta apropiación o trabalho alheo”.
Karl Marx
“A morte do meu pai foi o éxito do seu obxectivo”
Noémie Louvradoux, filha dun trabalhador de France Télécom
“Hai unha guerra de clases, certo, pero é a minha, a dos ricos, a que está a facer esa guerra, e imos ganhando“
Warren Buffett

Aforcarse, provocarse unha sobredose, inmolarse… Entre 2007 e 2010, trinta e cinco empregados segundo a versión oficial, poida que preto do dobre segundo os seus propios companheiros, decidiron quitarse a vida tras verse acosados, sinalados e totalmente acurralados por diversos directivos do outrora monopolio francés France Télécom, actualmente Orange. Cando en plena revolución tecnolóxica global e inmersos na ardua tarefa de tentar alcanzar a reestruturación da empresa tras a súa privatización, a dirección da empresa pretendeu custe o que custe forzar a saída voluntaria de preto de 22.000 dos 120.000 trabalhadores, unicamente co obxectivo en mente de conseguir maiores beneficios para atraer a futuros accionistas para unha empresa que aspiraba a ser líder no seu sector, a situación laboral, o día a día para moitos dos seus trabalhadores, pasou a ser directamente insoportábel. Diversos altos representantes, entre os que se atopaban Didier Lombard, conselheiro delegado, o seu número dous, Louis-Pierre Wenès, e o director de recursos humanos, Olivier Barberot, todos eles altos cargos, decidiron entón que coa finalidade de poder alcanzar os obxectivos fixados previamente na súa estratexia empresarial, as medias drásticas e o acoso moral ós seus empregados, suponhían sen dúbida unhas difusas e insignificantes linhas vermelhas que ben valía a pena exceder en sacrificio ó altar do neoliberalismo e o suposto progreso da companhía que dirixían aparentemente de forma exitosa con man de ferro.
Os testemunhos dos empregados da companhía e especialmente as voces dos familiares e amigos máis próximos a aqueles que baixo unha constante e extrema presión víronse obrigados a renunciar ás súas vidas, suponhen unha década despois de todo aquilo un duro golpe de realidade acerca dunha maquinaria humana totalmente refugábel para o sistema capitalista. Meros nomes moldeables e dirixidos ó colapso definitivo desde o cadro de mandos dunha multinacional inmersa na axenda neoliberal que durante décadas dirixe o rumbo e a realidade diaria do sistema capitalista no que nos vemos inmersos e que apenas repara nas traxectorias vitais e as necesidades daqueles que se ven obrigados a sacrificar o seu tempo, a súa forza de trabalho e en demasiadas ocasións, mesmo as súas vidas. Orange, a que durante moito tempo foi primeira empresa do CAC40, non é unha excepción inhumana a un marco de xogo moral e empresarialmente impecábel no que as ganancias e a responsabilidade son repartidas con equidade entre diferentes pezas dun mesmo quebracabezas, non nos enganemos, tenhamos polo menos neste momento un chisco de decencia en honra á verdade e a todos aqueles trabalhadores que decidiron quitarse a vida afogados por un ritmo de trabalho excesivo e uns plans corporativos nos que nunca chegaron a ter voz, nin voto. As tácticas cainitas, as empresas depredadoras e a contorna de guerra interna entre empregadores e empregados, supón unha constante irrefutábel nun sistema no que o sacrificio nunca é suficiente, no que as contas de beneficios nunca chegan a contentar ós deuses do mercado de valores, no que os pequenos emperadores que dirixen as grandes multinacionais, sempre van necesitar maiores esforzos por parte dos seus exércitos de escravos asalariados para lograr sobrevivir ó duro inverno da competencia capitalista desapiadada e no que ninguén nesa xungla na que se converteu a propia sociedade, excepto os seus máis achegados, adoitan preocuparse por un trabalhador que se mostra incapaz de seguir un ritmo físico e mental desenhado para converter a unha persoa nun mero boneco roto. En todo momento prescindíbel polo beneficio duns poucos, por unha décima máis nas pantalhas bolsistas de medio mundo.
Aqueles que sentaron no banco dos acusados, sinalados por un cainismo homicida que levou a moitos dos seus empregados a querer arrebatarse as súas vidas, non son máis que a punta de iceberg deste sistema capitalista, non son máis que pequenos individuos representando a un liderado capaz de empuxar ós seus ó suicidio
Cando unha década despois os directivos de France Télécom sentaron no banco dos acusados imputados por hostigar a moitos dos seus empregados ata o punto de obrigarlhes a quitarse a vida, sen dúbida asemelhaban máis envelhecidos, acurralados pola situación e expectantes ante unha responsabilidade que probablemente nunca pensaron ver depositada sobre os seus ombreiros. Sexamos sinceros, de xeito evidente resultan escasas as ocasións nas que a xustiza ou o destino fai pagar a xente como eles pola vida de meros suxeitos anónimos pertencentes ó mundo do trabalho sobre o que reinan. Son milhóns os sacrificados no mercado laboral cada ano e apenas existe xustiza para eles, polo que nada facía pensar que naquela ocasión fose resultar diferente. Aínda que en certa medida non estea demasiado publicitado, aí fóra existe unha guerra polos recursos, unha guerra polo control absoluto dos medios de produción, unha guerra que normalmente queremos obviar e que desgraciadamente para nós, membros da desposuída clase trabalhadora, vencen por agora de xeito evidente as clases dirixentes, a burguesía, o tecido empresarial supranacional que sobrevive e medra por encima do ben e o mal. Non nos equivoquemos, o castigo e o reproche do sistema a estes altos cargos non vén tanto pola súa ínfima humanidade ou a súa perversa lóxica das relacións grupais coa que reamataron por reducir a mero sufrimento o funcionamento interno das súas empresas. O castigo céntrase na súa torpeza para deixar que tan crueis actos saísen á luz pública e servisen como punta de lanza a unha sociedade hastiada e esgotada por un modelo produtivo capaz de sacrificar as súas vidas por un novo iate en Porto Banús, outro banho en auga de manancial natural de Evian no Hotel Victor en Miami Beach ou a experiencia de rozar o asfalto cun Rolls- Royce Boat Tail por apenas 23 milhóns de euros nun mundo no que milhóns de persoas sobreviven con apenas un euro ao día. Non foron por tanto castigados pola súa crueldade e inhumanidad, senón pola torpeza de facela patente sen apenas molestias nun mundo no que os desherdados son milhóns e os explotadores suponhen apenas os nomes necesarios para saldar as nosas contas.
As praxes desenhadas e finalmente postas en práctica por Didier Lombard, o seu número dous, Louis-Pierre Wenès, e o director de recursos humanos, Olivier Barberot, tinhan como obxectivo socavar as relacións humanas entre os seus empregados e con iso ó fin lograr establecer un clima diario plenamente asfixiante nos corredores da maior operadora de telefonía de Francia. Con suma paciencia, pero sen pausa no seu labor, os directivos da companhía estableceron as directrices propicias para avanzar no obxectivo de lograr que miles de trabalhadores se quitasen do medio fose do modo que fose para lograr un clima económico máis propicio para o novo rumbo de France Télecom na descarnada disputa polo podio do capitalismo global. Os outrora imprescindíbeis empregados que ó longo dos anos achegaran o seu conhecemento e esforzo para o continuo crecemento dun proxecto común, agora simplesmente eran vistos como un mero lastre, rémoras inservíbeis para os novos obxectivos e como tal debían ser contempladas no trato diario. Desvalorizacións, humilhacións, desplantes, tácticas próximas, se non directamente enmarcadas no acoso laboral e persoal, todo resultaba entón válido con tal de poder arrinconar ás pezas sobrantes dese novo proxecto desenhado e executado para outorgar os máximos beneficios económicos en pouco tempo para lograr impresionar ós novos accionistas.
Aínda queda esperanza para seguir loitando, aínda resulta urxente atopar novas causas, novos liderados e novas formas de relacionarnos.
Joel Peron de 59 anos, companheiro de Rémy L, quen decidiu quitarse a vida queimándose ó bonzo no estacionamento da comisión de Mérignac, relata como dende a companhía eliminaron sen aviso previo aviso o seu posto de trabalho, ofrecéndolhe recolocarse nun moito inferior como teleoperador como forma de degradalo e como tras iso relegaron a un despacho no que pasaba os días só, sen tarefa algunha, listo para soportar anos de desprestixio diario e acoso por parte dos seus superiores co único fin de conseguir dinamitar as súas resistencias ata lograr apartalo da companhía.
“Soportas desvalorizacións e humilhacións constantes. Nas reunións déixanche en ridículo en público, facéndoche preguntas para pilharche e tendéndoche trampas. O meu superior dicíame que todo estaba mal e cando facía algo ben sempre era mérito doutro”
France Télecom ihlaba ós seus empregados, rompía o posíbel companheirismo e trabalhaba ós poucos para desmoralizarlos, humilhalos e destruír as súas posíbeis defensas ante as novas pretensións dos seus directivos para as súas vidas. Pronto un individuo ilhado comeza a notar os efectos dunha constante humilhación e desvalorización do seu trabalho, cedo, ante a incapacidade para comunicarse cos seus companheiros e poder focalizar en contexto o que está a suceder, comeza a dubidar do seu propio valor como trabalhador, pero tamén como ser humano. Día tras día, durante longas xornadas de trabalho na que non existe tarefa ou motivación algunha para a túa propia persoa, as palabras que che fan sentir como un inútil, como unha peza que sobra no taboleiro ou mesmo entorpece a evolución e progreso do grupo de trabalho, comezan a traspasar o laboral, para impregnarse na propia intimidade dos empregados. As persoas comezan a asumir que son un estorbo, as enfermidades fan a súa aparición en escena e ás depresións e os infartos súmanse as tentativas de suicidio e os casos que logran neste sentido alcanzar o éxito en diferentes departamentos e seccións rexionais. Nun principio nomes sobrantes, postos finalmente liberados, traxedias anónimas que a ninguén importan entre as paredes da oficina, pero co paso do tempo esa negra sombra é demasiado extensa como para poder tapala, pronto os focos apuntan ás vítimas, o escándalo fíltrase e aqueles que seguramente eran encomiados polos accionistas polas súas excelentes tácticas á hora de conseguir reducir as cargas salariais debidas ó número de empregados, atópanse finalmente sentados no banco dos acusados, imputados pola súa responsabilidade á hora de prender a chama que levou a Rémy L e a moitos outros a explotar e renunciar ás súas propias vidas froito do desprezo, o acoso e a tolemia desatada por Fance Télecomo sobre gran parte do seu persoal. Todo iso en honra ó altar bolsista, fin único de semelhante alarde de falta de cordura e humanidade.
As praxes desenhadas e finalmente postas en práctica por Didier Lombard, o seu número dous, Louis-Pierre Wenès, e o director de recursos humanos, Olivier Barberot, tinhan como obxectivo socavar as relacións humanas entre os seus empregados e con iso ó fin lograr establecer un clima diario plenamente asfixiante nos corredores da maior operadora de telefonía de Francia
O suicidio segue sendo un tabú nas nosas sociedades, algo do que non se fala, algo do que non se escribe, algo do que non queremos saber nada, pero que a día de hoxe segue copando as causas de mortes non naturais ó longo de gran parte do planeta. O conhecido efecto Werther, denominado así pola novela publicada en 1774 “As penas do novo Werther” de Johann Wolfgang von Goethe e na que o seu protagonista sofre de tal forma os efectos do desamor que chega a decidir finalmente arrebatarse a vida, vén sinalarnos que a difusión da noticia de que un individuo decidiu arrabatarse a vida, asóciase comunmente con novos intentos doutros individuos por proceder con idénticas decisión. A propia novela á que este efecto debe o seu nome, chegou no seu momento a estar prohibida polo profundo temor das autoridades ante unha previsíbel onda de mozas imitando ó seu protagonista e decidindo ponher fin á dor que esta existencia mundana lhes provocaba por moi diferentes razóns. Por iso o mutismo ante o suicidio consistiu sempre a totalidade da defensa da nosa sociedade fronte aqueles componhentes vitais que por imitación ou mera desesperación provocou que moitos dos nosos conxéneres decidisen arrebatarse a vida e renunciar a unha existencia infestada de dor e desdichas. Poida que o componhente pecaminoso desa decisión para sociedades aínda demasiado impregnadas dos postulados relixiosos de maneira máis ou menos pública, sexa o que nos levou a preferir o silencio e as sombras ó proceso curativo da reflexión e a luz sobre os motivos e as causas que levan a diferentes individuos a renunciar ás súas vidas. Certo é que autores como Émile Durkheim e a súa soada obra “O suicidio” lanzaron o peso da ciencia social sobre tan desconhecida realidade para o gran público, pero non menos certo é que resultan necesarios maiores esforzos no estudo e que casos como o de France Télecom seguen sendo silenciados e ocultados á opinión pública ata que o dano é xa demasiado evidente e irreparábel como para poder ocultalo durante moito máis tempo.
En realidade o suicidio supón un fracaso colectivo, un erro continuo na concepción da vida e dos obxectivos e fins realmente importantes nesta. Supón a constatación evidente de que os nosos olhos a día de hoxe continúan focalizando unha senda totalmente errada e que mentres o dinheiro, o prestixio, a fama ou a fortuna suponhen a día de hoxe razóns e motivos innegociábeis para gran parte da poboación e os seus dirixentes, a soidade, o abandono vital, o rancor, o odio e o desprezo absoluto de moitos dos nosos congéneres en aras deses prezados motivos, segue lanzando ó altar do capitalismo miles de vidas humanas arrebatadas pola súa propia iniciativa ou pola doutros en firme decisión de exceder calquera impedimento que lhes obstaculice alcanzar o que a día de hoxe consideramos como éxito para as nosas vidas. Estamos liderados por individuos ou institucións capaces de renunciar incluso todo o máis básico da nosa humanidade, incluso a raíz da nosa existencia como seres sociais, unicamente por constatar cifras de resultados ilusorias, por meros abelorios cada día máis ostentosos e inalcanzábeis na soidade do seu reinado sobre o ben e o mal. De xeito evidente, o problema de France Télecom non é un caso ilhado, non é un erro descontextualizado que liquidar para que todo volva funcionar compasado nas nosas sociedades, velo así resultaría realmente cínico e infrutuoso para lograr solucionalo con éxito.
Coa finalidade de poder alcanzar os obxectivos fixados previamente na súa estratexia empresarial, as medias drásticas e o acoso moral aos seus empregados, suponhían sen dúbida unhas difusas e insignificantes linhas vermehlas que ben valía a pena exceder en sacrificio ó altar do neoliberalismo e o suposto progreso da companhía que dirixían
Aqueles que sentaron no banco dos acusados, sinalados por un cainismo homicida que levou a moitos dos seus empregados para querer arrebatarse as súas vidas, non son máis que a punta de iceberg deste sistema capitalista, non son máis que pequenos individuos representando a un liderado capaz de empuxar ós seus ó suicidio, a desesperación e o ocaso con tal de que a ostentación e o poder siga medrando para o un por cento da poboación, eses que a día de hoxe suponhen a cabeza de máquina dunha locomotora que se dirixe ó desastre. Quen hoxe se enfrontan a esa condena xudicial, moral e social, tan só son sinalados por executar as regras do xogo dunha forma tan evidente, descarnada e descoidada, que logrou expoñer ante o conxunto da sociedade as consecuencias da nosa existencia no discorrer deste sistema económico e social. Hoxe xulgámolos por ponhernos cara a cara fronte ó noso propio reflexo no espelho. Non nos enganemos, uns cantos nomes nun banco, non van depurar a responsabilidade social que nos envolve, nin debería tampouco poder expiar os pecados dun liderado capaz de medrar mesmo pagando o prezo do sangue dos seus empregados.
A adicción ó crecemento custe o que custe, a submisión ante o poder e a demencia desta elite sustentada polas súas ansías de consolidar o seu actual status social e económico custe o que custe, incluso dilapidando ós seus propios conxéneres se resultase preciso, lévanos ó desastre, encáranos a unha senda na que malgastar recursos, vidas e mesmo esperanzas na construción duns moáis regados co sangue dun pobo que unicamente deixará deserto e pedra para as futuras xeracións. Quizais a cegueira das nosas puntas de lanza social, os nosos líderes e a falta de esperanza, a firme crenza en que chegamos ó ocaso como sociedade, sexa o verdadeiro motivo para baixar os brazos. Quizais non sexa tanto un efecto contaxio, como unha constatación de que require moito esforzo tan só vivir. Sexa como sexa, aínda queda esperanza para seguir loitando, aínda resulta urxente atopar novas causas, novos liderados e novas formas de relacionarnos.