“Os cataláns, os galegos e os vascos serían anti-espanhois se quixesen imponher o seu modo de falar á xente de Castela; pero son patriotas cando aman a súa lingua e non se conforman en trocala por outra. Nós comprendemos que a un galego, un vasco ou un catalán que non queira ser espanhol se lhe chame separatista; pero eu pregunto como se lhe debe chamar a un galego que non queira ser galego, a un vasco que non queira ser vasco ou a un catalán que non queira ser catalán? Estou seguro de que en Castela, a estes compatriotas chaman-lhes «bos espanhois», «modelo de patriotas», cando en realidade son traidores a si mesmos e á terra que lhes deu o ser. Estes si que son separatistas!”.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
“Permita Deus, casteláns,
casteláns que aborrezo,
que antes os galegos morran
que ir a pedirvos sustento.“
Rosalía de Castro
«Son espanhois… os que non poden ser outra cousa»
Antonio Cánovas del Castillo
“Este maldito país es una gran pocilga
Ministros, gobernadores, presidentes que se tocan los cojones
Este maldito país es una gran pocilga»
Maldito País – Eskorbuto

Ás portas do 12 de outubro, Festa Nacional de Espanha, que non xa Día da Hispanidade –por moito que isto pareza pesar entre os defensores do finiquitado proxecto imperial espanhol a dereita e esquerda da política castelá- un non pode evitar botar a vista atrás para facer un breve repaso dos acontecementos políticos xurdidos nos últimos anos nesta pequena parte da península Ibérica. Non fai falta ser moi agudo, nin tampouco facer grandes esforzos intelectuais, para decatarse de que tras o desafío que supuxo o proceso independentista catalán para as hostes centralistas –comandados inexorabelmente, pese ao paso dos séculos, polo seu monarca– reavivouse novamente con desatado despotismo o uso da hispanidade ou o patriotismo castelán como arma arroxadiza contra todo aquilo que cuestione minimamente a suposta unidade sacramental de Espanha.
A concepción da Hispanidade como algo excluínte, imposto e profundamente impregnada do etnocentrismo máis tradicional e noxento, serviu de novo ó espanholismo durante este período para menosprezar e reprimir a figuras políticas e sociais procedentes das mal chamadas periferias, sen importar en absoluto a xustiza das súas reivindicacións ou a forza revolucionaria das súas palabras e movementos políticos. Históricamente, ben fose un disoluto e corrupto monarca mandando calar ó presidente electo dunha nación liberada da súa coroa séculos atrás, un pequeno e sanguinario ditador «limpando» a golpe de sanguentos paseos e bombardeos o estado espanhol de roxos e separatistas ou un proxecto claramente reaccionario e violento impedindo que o pobo puidese expresar o seu sentir nas urnas, a dereita espanhola, pero tristemente tamén gran parte da esquerda, sempre se ten situado nunha postura de defensa cega da súa bandeira. A rojigualda e con ela o peso do proceso de imposición violenta que representa, supuxo ao longo dos séculos un símbolo innegociábel para a política de Madrid.
Tras o renacer como foco político dese imperialismo que supón o nacionalismo espanhol e o seu proxecto de hispanidade, un non poderá máis que volver sentir noxo e vergonha este 12 de outubro
Nos últimos anos, gran parte da sociedade espanhola, en gran medida estimulada por unha dereita con tics imperialistas e pola inacción da esquerda espanhola fronte a estes tics profundamente jingoístas, pretendeu establecer na figura da rojigualda un delirante proxecto político, supostamente común, entre o recordo de monarquía universal espanhola, as súas colonias hoxe libres e aquelas que seguen subxugadas baixo o colonialismo interno de Madrid. Por suposto, tal imperialismo de segunda clase baixo un disfrace supostamente progresista baseado na “hispanidade”, postulase sen ser consultado ou referendado nunca polos pobos sobre os que precisamente se pretende establecer tan reaccionario proxecto.
Nunha clara usurpación e manipulación do concepto de internacionalismo, incluso a mal chamada esquerda espanholista, mal chamada pola súa absoluta falta de valores propios do antiimperialismo máis básico, revive hoxe ese proxecto imperial baseado en reprimir as loitas democráticas que componhen o estado espanhol, menosprezar as loitas indixenistas dos pobos de América Latina, menosprezar aos seus dirixentes electos, sancionar aos seus gobernos da man de Washington ou a Unión Europea e mesmo celebrar como liberadores a xenocidas reconhecidos como Cortés, Pizarro, Valdivia, Quesada e tantos outros.
Non contentos coa sua equidistancia fronte á violencia sobre o independentismo galego, catalán ou vasco, estes esquerdistas de morrión oco, dedican-se nas xornadas previas ó seu día da raza, a defender sen concesións as bondades da conquista de América e as futuras posibilidades para unha suposta unión da esquerda espanhola e latinoamericana baixo a herdanza da mesma. Algo así como que Bruxelas pretendese establecer lazos de unión coa República Democrática do Congo baixo o recordo de Leopoldo II.
Dáse o curioso e delirante paradoxo de que o nacionalismo espanhol ignora completamente a día de hoxe a súa propia existencia
Ignorando completamente que alén do charco o que celebra manhá 12 de outubro a poboación trabalhadora é o día da resistencia indíxena, o espanholismo e o seu proxecto de hispanidade, dannos sobrada mostra coa súa actitude de que o seu non é un proxecto internacionalista, nin un diálogo entre pobos, senón os tristes ecos dun imperio derrotado, unha nación errada e unha esquerda o suficientemente desnortada para posicionarse ó lado do imperialismo cando comezan a soar de novo os ecos do fascismo e a imposición chauvinista en Europa.
Indiscutibelmente este proxecto político é visto dende unha esquerda racional como un elemento de sometemento que resulta preciso combater e derrotar dende América Latina e dende todas as nacións sen estado que aínda hoxe se ven subxugadas baixo un proxecto protoimperialista de segunda. A hispanidade, nunca foi, nin poderá ser, outra cousa que un sentimento imposto ó «outro», ó pobo conquistado, ó subxugado. Falar dun renacer da hispanidade, é por tanto establecerse simplesmente como inimigo dos pobos e ó servizo e interese dunha burguesía espanhola hoxe golpeada e ninguneada pola globalización.
Pero dáse o curioso e delirante paradoxo de que a pesar de todo isto, o nacionalismo espanhol ignora completamente a día de hoxe a súa propia existencia. Móstrase mesmo a mal chamada esquerda espanhola incapaz de identificar a crúa realidade do seu reflexo profundamente reaccionario, na resposta de resistencia nacional e social no seo dos pobos que a día de hoxe componhen forzosamente a realidade política interna do estado. Falan estes bochornosos personaxes do esquerdismo con sede en Madrid de revolución social, xustiza e mesmo se atreven a facelo de internacionalismo, á vez que negan e mesmo defenden contra vento e marea as repercusións da imposición da súa lingua, o seu modelo político e os seus símbolos sobre a realidade doutros pobos.
A concepción da Hispanidade como algo excluínte, imposto e profundamente impregnada do etnocentrismo máis tradicional e noxento, serviu de novo ó espanholismo durante este período para menosprezar e reprimir a figuras políticas e sociais procedentes das mal chamadas periferias,
Para aqueles que dentro de Espanha non viven inmersos nas dinámicas do que supón formar parte dunha colonia interior, a presenza da Estreleira, a Estelada ou a Ikurriña nun parlamento político, delirantemente pode chegar a suponher unha verdadeira ofensa ou ameaza á estabilidade da nación ou ós supostos intereses da clase obreira que eles din defender. Mentres, con total seguridade, esas mesmas persoas, ese mesmo rancio espanholismo, non dubidará en ver con bos olhos que a burguesía castelá e a propia represión estatal espanhola empunhe de forma ofensiva e ameazante a rojigualda nun debate no Parlament de Catalunya ou mesmo na celebración do Día da patria na Galiza. Tal e como tivemos que contemplar este mesmo ano en Compostela, cando peregrinos espanhois transformáronse ridiculamente en pretendidos “novos conquistadores” lanzando as súas bandeiras e insultos raciais contra familias galegas que simplesmente celebraban o día nacional da súa terra ou se comunicaban tranquilamente entre eles na súa lingua natal. Sen dúbida, todo un proxecto de convivencia iste.
E xa para rematar, sinto dicir-lhes queridos lectores, que tras o renacer como foco político dese imperialismo que supón o nacionalismo espanhol e o seu proxecto de hispanidade, un non poderá máis que volver sentir noxo e vergonha este 12 de outubro. Que como galego, socialista e internacionalista, sentirá tan só empatía con todos aqueles que celebran o día da resistencia indíxena. Porque o 12 de outubro, na xa de xeito evidente errada nación espanhola, moitos non temos nada que celebrar, excepto as nosas resistencias, a nosa infatigábel loita pola liberdade nacional e a xustiza social. Feliz día da resistencia indíxena, feliz día da resistencia daqueles pobos que non se resignan a someterse a unha bandeira manchada de sangue, senón que buscan construír un proxecto político común.