“O proletariado debe reivindicar a liberdade de separación política para as colonias e nacións oprimidas pola «súa» nación. En caso contrario, o internacionalismo do proletariado quedará nun concepto vazio e verbal; resultarán imposíbeis a confianza e a solidariedade de clase entre os obreiros da nación opresora e os da nación oprimida.”
“Os homes foron sempre, en política, vítimas necias do engano alheo e propio, e seguirano sendo mentres non aprendan a descubrir detrás de todas as frases, declaracións e promesas morais, relixiosas, políticas e sociais, os intereses dunha ou outra clase.“
Vladimir Ilich Uliánov, Lenin
“Imos visualizar o home seguro, e por este termo, refírome a un home que estableceu como meta na súa vida a seguridade financeira e persoal. En xeral, é un home que empuxou ao carón a ambición e a iniciativa e instalouse, por así dicilo, nunha aburrida rutina, pero seguro e cómodo para o resto da súa vida. O seu futuro non é máis que unha extensión do seu presente, e el acéptao como tal cun encolhemento de ombreiros compracente. As súas ideas e ideais son os da sociedade en xeral e que se acepta como un home respectábel, pero a media é prosaica.“
“O obxectivo xa non é para o “cambio” ou para o “progreso” ou para a “revolución”, senón simplesmente para escapar, para vivir no perímetro máis afastado dun mundo que podería ser.“
Hunter S. Thompson

Pelayo, huyendo de una patrulla musulmana, remonta el valle fluvial hasta su final en el monte Auseva y se refugia en el entorno de la cueva natural, la cova dominica o Covadonga….
Todos os pobos tenhen os seus mitos, os seus relatos compartidos, baseados en certa forma en pulsións meramente sentimentais, sobre os que nos albores da súa propia historia, paulatinamente dan comezo ao indispensábel proceso de tentar articular un certo sentido de pertenza e solidariedade, co que poder cimentar, non sen prolongadas dificultades, as bases dun proxecto que arroxe luz sobre os intereses comúns e así proceder á estruturación da produción da vida material, o proceso de vida social, política e intelectual da nacente colectividade.
De ningún xeito isto debería estranharnos, nin por tanto debería tampouco resultar rechamante ou representábel paras posíbeis análises, se non fose porque neste preciso momento histórico, atopámonos de novo inexplicabelmente sobre o taboleiro político do estado, cunha parte dese mesmo fantasioso, rancio e arcaico proxecto espanholista, baseado comunmente en extravagantes demencias historiográficas, aparentemente inmutábeis ao paso do tempo, acompanhadas nesta ocasión –como fiel escudeiro da alienación mental e figura tipicamente novelesca da chamada pel de touro– por unha facción da suposta esquerda espanhola, traxicamente inserta nunha fronte ampla do chauvinismo castelán de sempre, enmascarado nesta nova aventura quijotesca, mediante claras tinguiduras da ideoloxía esquerdista e unha praxe cultural netamente integrada en postulados marcadamente reaccionarios. A isto algúns quixeron denominalo tradicionalmente como fascismo de esquerdas, outros preferiron optar polos termos folclóricos “nazbol” ou “rojipardismo“. Permítanme que persoalmente, defínao simplesmente como a inacabábel perrencha dunha clase media, que viu de novo frustradas as súas aspiracións vitais, polas sempre tortuosas vicisitudes estruturais dun sistema capitalista ao que esa mesma clase inconclusa e indefinida non é quen de facer-lhe fronte desde posturas realmente revolucionarias. Non é quen ou quizais directamente non quere.
Debemos ter sempre en conta que o delicado proxecto espanholista repousa baixo a contradición dun estado que se mostra intransixente, brutal e represivo contra os movementos nacionais dos pobos que forzosamente o componhen, pero que á súa vez tamén se mostra submiso, impotente e servil fronte aos designios da esfera da OTAN baixo a que apenas pode actuar libremente
Tentarei neste texto evitar na medida do posíbel ponherme excesivamente serio ou enmarcar as minhas reflexións nun debate no seo da esquerda ou as posíbeis preocupacións da clase trabalhadora do estado espanhol. Sería isto sen dúbida un xeneroso agasalho para os refugalhos de UPyD, hoxe conhecidos como Jacobinos, os trileiros da Frente hoxhista de Twitch ou os últimos enxendros filosóficos do buenismo. Enxendros estes que a día de hoxe dedican a súa “participación política” a festexar as efemérides das numerosas conquistas ou masacres do seu estranhado imperio espanhol sobre pobos indefensos, á vez que comparten espazos e publicacións con membros da Fundación para la Defensa de la Nación Española (DENAES). Todo iso, mentres aseguran ferventemente que na ilegalización dos partidos e sindicatos da esquerda soberanista vasca, galega, andaluza ou catalá, atópase a verdadeira esencia da futura revolución socialista Hispana.
Non podemos por tanto tomarnos en serio a esta comparsa. Non debemos facelo, porque se non fose pola oportuna promoción e difusión dos seus postulados por parte de xornalistas e medios de comunicación sen dúbida cómplices de tal despropósito, estas castizas sandeces non atoparían acomodo algún na seriedade e serenidade do papel. A non ser claro, que este se traducise unicamente nun novo guión para algunha ronhosa e desprezábel obra da filmografía Santiago Segura. En tal caso, todo encaixaría seguro de forma máis natural. Non en balde, obviando o aparato marxista e as ínfulas intelectuais destes curiosos personaxes, tal desenvolvemento de espanholismo rancio, vacuas consignas e misoxinia interiorizada e desaforada entre litros de testosterona e bobagem, atopan maior acomodo sen dúbida ninguha entre os clubs de alterne e as tabernas propias do non pensamento torrentiano, que entre os argumentos de calquera foro de debate político que pretenda terse na máis mínima estima. Aínda que como precisamente sinalo ao comezo desta exposición dos feitos, a pesar do absurdo do asunto, non son poucos os profesionais da pluma que a estas alturas parecen empenhados en obviar tal despropósito para prestar o seu oportuno e oportunista auxilio a tan berlanguiana aventura. Tenho claro que os seus intereses particulares terán para isto.
Resulta con todo curioso que toda esta tropa de espanholazos participes ao seu modo da herdanza do “atado e ben atado“, baseen hoxe o amencer –e á súa vez máis que posible luscofusco-da súa andaina política, sen vergonha algunha e con altas doses de cinismo, nunha suposta unidade sen privilexios dentro da nación espanhola e a apaixonada oposición acérrima a todo tipo de nacionalismos. Do evidente absurdo de pregoar un suposto antinacionalismo desde unha especie de programa político baseado exclusivamente en enarborar a rojigualda e o “Unha, grande e libre” contra a dexeneración progresista e despois xa se verá, sinceramente prefiro non ter que verter opinión algunha. Xa contempla unha longa traxectoria ao reaccionario nacionalismo espanhol, e de xeito evidente este négase de forma algunha a identificar as súas propias miserias. Por tanto, non vai ser o que aquí escribe quen perda o tempo tentando facer ver a estes patriotas de mala calidade a prisión e o proxecto nacional errado que representa a bandeira que politicamente os arroupa.
En canto ao enganoso argumento da unidade sen privilexios, parecen esquecer estes trileiros sen talento que é o abuso económico de Madrid sobre pobos como o galego, o que precisamente dá pé aos movementos de reconstrución económica e moral das nacións colonizadas. Non se trata esta relación de sometemento simplesmente dunha discriminación político-cultural, senón que basea-se á súa vez nunha explotación económica que resulta fundamental comprender para lograr minimamente identificar o potencial revolucionario dos movementos soberanistas do estado. De xeito evidente, resulta por tanto imposíbel lograr a igualdade real que este espnholismo proclama se esta declaración de equidade non vén acompanhada polo apoio directo dos diferentes partidos proletarios á loita de liberación dos pobos oprimidos. Resulta imposíbel obter a igualdade entre os pobos que componhen actualmente o estado espanhol, sen liquidar previamente o efecto da superestrutura política e as institucións culturais de Castela sobre as nacións sen estado ás que subxuga baixo o actual réxime da monarquía borbónica.
Imperialismo político e explotación económica, resultan indisociábeis e é só mediante a liberación do xugo que somete aos pobos oprimidos do estado espanhol que poderemos establecer unha relación de verdadeira confianza entre o conxunto da clase trabalhadora. A cuestión da liberación nacional nunca pode suponher unha parte independente da cuestión xeral da revolución proletaria e só mediante o reconhecemento do dereito de autodeterminación dos pobos, podera-se establecer unha xusta relación futura de cooperación entre eles. Pretender someter ao designio arbitrario dun país dominante ao resto de pobos, non é outra cousa que un claro xesto de chauvinismo imperialista. Aderezado no caso espanhol cos traumas e as parafilias propias dun dominio global exánime que parece desatar contra os reos internos o seu proxecto nacional errado.
Un grupúsculo de arribistas da aristocracia obreira, que movidos polo profundo temor a perder os seus exiguos privilexios, decidiron mobilizar aos mecanismos mediáticos e ás súas sempre presentes alianzas entre parte da burguesía nacional, para tentar enganar a diferentes capas da clase trabalhadora nun proxecto suicida e irreflexivo
Debemos ter sempre en conta que o delicado proxecto espanholista repousa baixo a contradición dun estado que se mostra intransixente, brutal e represivo contra os movementos nacionais dos pobos que forzosamente o componhen, pero que á súa vez tamén se mostra submiso, impotente e servil fronte aos designios da esfera da OTAN baixo a que apenas pode actuar libremente. Así Madrid non dubidará nunca á hora de embarcar ás súas tropas en aventuras bélicas en Iugoslavia, Libia ou Afganistán, aplicar cruentas sancións contra Siria ou Cuba, perseguir ao goberno venezolano ou mesmo traizoar á causa saharauí, palestina ou ao seu propio pobo, a condición de que as altas esferas militares estadounidenses ou os conselhos de administración do verdadeiro poder oculto tras as multinacionais así lho indiquen. O estado espanhol carece absolutamente de poder ou capacidade de decisión algunha fóra das súas fronteiras e quizais debido a iso decide pagar as súas frustracións imperiais de portas cara adentro.
A pouco que se repare nisto, resulta certamente ridículo contemplar a submisión política ante os británicos por Xibraltar, o dominio que Rabat logra na política migratoria ou as alianzas políticas do estado espanhol ou como tras aceptar submisamente xogar un partido oficial contra o narcoestado de Kósovo, o búnker hipernacionalista espanhol continúa reaccionando con virulentos espaventos fronte a máis mínima proposta para que Galiza, Euskadi ou Catalunya, poidan disputar competicións deportivas internacionais baixo a súa propia bandeira. Resultaría sumamente ridícula e incomprensíbel tal mostra de bipolaridade e incoherencia, se non fose porque se trata do errado e lóxico discorrer histórico dun velho imperio en decadencia.
Non é de estranhar por tanto que a estrutura política deste torticero espanholismo, se construa hoxe sobre unha falsa historiográfica que lembra tempos máis gloriosos e a permanente anhoranza de lugares melhores que non son senón unha clara mostra da incapacidade de transformación social da que a día de hoxe adoece a esquerda espanhola. Mentres a contorna do 15 M decidiu abandonar a vía de transformación social propia do marxismo, para centrarse en loitas parciais que pretendían ilusoriamente disputar terreo ao capitalismo no campo da diversidade, algo claramente contraproducente e que rematou con diferentes militancias políticas e activismos totalmente asimilados polo sistema, o rojipardismo espanhol ou máis concretamente, a clase media nunca culminada e máis apegada a unha identidade nacional fortemente definida, decidiu executar un all in neste mesmo mercadeo identitario, para dedicarse a defender sen concesións uns supostos valores tradicionais aparentemente propios do pobo espanhol e que apenas resultan reconhecíbeis en Madrid e a súa periferia a condición de que nos abstenhamos de mirar cun mínimo sentido crítico ao noso pasado máis recente.
Falan nos seus supostos argumentarios estes gurús do cañí dun pasado no que os nosos pais podían acceder comodamente ao mercado inmobiliario, épocas economicamente sen dúbida máis estábeis e unha loita obreira unida e afastada das tentacións posmodernas e os cantos de sirena identitarios de Washington. Falan de todo iso obviando as barriadas de Barcelona previas aos Xogos Olímpicos, a desesperación do rural fronte a falta de expectativas e o abandono paulatino e efervescente das novas xeracións da súa terra natal. Deciden con iso obviar a reconversión industrial, as horas extra sen remunerar, as constantes privatizacións, a sinistralidade laboral, a inmigración forzada, os efectos da heroína entre a clase trabalhadora e os inusitados esforzos das nosas familias para encher as paredes dunha casa cun televisor, un par de mobles e unha enciclopedia destinada a que os filhos da clase obreira puidesen ao fin acceder á universidade.
Esquecen-se á súa vez dun tal Carrillo traizoando ao marxismo- leninismo en plena visita ao Imperio, a posterior renuncia ao marxismo ou a dexeneración dun eurocomunismo que sendo totalmente sinceros, non foi melhor para a clase trabalhadora que toda o veleno posmoderno que hoxe nos ocupa. Estranhan un tempo e unha realidade inexistente, unhas condicións de vida supostamente idílicas que nunca foron as da maioría da clase trabalhadora e fano porque tampouco hoxe eles sofren polos ERE, nin se atopan os seus códigos postais moi afastados do centro da capital ou eses locais de moda nos que o proletariado pasa a ser simplesmente un suxeito social co que experimentar e quizais rescatar para maior gloria académica e profesional dos que alegremente pretender redimilo. O 15 M ou o espanholismo esquerdista xurdido tras Colón, tan só son dúas identidades da mesma socialdemocracia impotente e gaioleira de sempre. Dúas expresións dun medo compartido a abrazar a revolución socialista como arma fundamental para a clase trabalhadora.
E resultan certamente perigosos estes cantos de serea para a clase trabalhadora, non o son menos para as minorías que segundo os seus criterios non encaixan na definición tradicional da sociedade que pretender redimir. Quedan así totalmente retirados das súas espurias formulacións diferentes colectivos que independentemente do seu acerto ou desacerto político á hora de organizarse, nunca deberían ver-se expulsados á periferia social ou mesmo tratados como entes ilexítimos deste tecido compartido. Referirse ao multiculturalismo ou o progresismo como inimigos acérrimos, á vez que son considerados a verdadeira cara do capitalismo financeiro e non consecuencias ou dinámicas propias desta estrutura que nos engloba, simplesmente demostra a estreiteza de miras daqueles que pretenden atopar no diferente un chibo expiatorio contra o que cargar a sua bile e a mediocridade dos seus postulados políticos e a súa existencia vital.
Xa contempla unha longa traxectoria ao reaccionario nacionalismo espanhol, e de xeito evidente este négase de forma algunha a identificar as súas propias miserias
Resulta por exemplo ridículo e preocupante contemplar como a esquerda dun país cun pasado recente como emisor de migrantes, aceptar, adapta e perfecciona no seu propio argumentario político os postulados racistas, xenófobos e intransixentes propios da ultradereita en materia migratoria. Mentres o xenocidio do Mediterráneo, os campos de concentración dos CIE’ s ou os crimes de estado como o sucedido no Tarajal, son contemplados con indiferenza ou interese minguante e transitorio por gran parte da esquerda espanhola, eses mesmos redutos políticos estruturan sen apenas recato un argumentario no que o migrante é visto simplesmente como un competidor no mercado laboral ou unha poderosa arma do capital para regular á baixa os salarios ou as condicións laborais dunha clase obreira autóctona. Nesa disputa entre oprimidos, nese enfrontamento entre faccións dunha mesa realidade, basea curiosamente o espanholismo toda a súa actuación política hoxe.
Resulta indecente ver aos mesmos cretinos que acusan a Castelao ou ao soberanismo galego de etnicista enarborando a nacionalidade espanhola como suposto garante do acceso a unhas condicións laborais dignas. Todo iso ao mesmo tempo que deslizan a necesidade de levantar maiores muros, dotar ás forzas armadas de melhores medios e en definitiva fortalecer as súas fronteiras para lograr evitar que a porta pola que diariamente acceden os recursos espoliados aos pobos africanos, poidan acceder á súa vez os filhos e filhas desherdadas pola política imperialista europea. “Building a big, beautiful wall” que diría Trump. E é que aínda que o racismo pínteno de roxo, non existe suficiente maquillaxe para tapar as miserias destes cretinos envoltos na bandeira de Espanha.
Non menos rechamante é observar entre os amigos e amigas de tan selecto club chauvinista a diferentes caras do feminismo espanhol ou da loita anticolonialista, rechamante porque non todos os días uno pode observar na mesma trincheira a quen considera ao feminismo unha aberración burguesa nociva para as masas proletarias e a aquelas persoas que polo menos ata hai pouco se definían como feministas. Nin resulta tampouco moi común observar ao imperialista abrazarse ao colonizado. Pero aquí sucede, sucede porque as serpes do espanholismo utilizaron a argucia de sumarse ao suposto combate á Lei trans, para así atraer á súa contorna a unha pequena parte do feminismo que decidiu perdoar a misoxinia tradicional e o desprezo masculino á loita pola igualdade entre homes e mulheres, para sumar supostos aliados á causa contra derívaa queer. Abrazadas á bandeira de España e a disputa identitaria, o morado e a racionalidade deron paso a unha travesía incerta na que unha irrisoria parte do feminismo tinguido de rojigualdo, decidiu cruzar o río con dous escorpións falócratas pelexándose sobre o seu costado. Aqueles que se negan a aceptar ao suxeito político do feminismo ou negan que a violencia machista exista, poden envolverse nunha ou outra bandeira, pero sempre deberían ser considerados inimigos acérrimos da loita da mulher contra a estrutura patriarcal. Quen se mostra incapaces de ver isto ante os cantos de sirena dun renacer imperial e unha posíbel aventura parlamentaria, deixa claro o interese individual acazapado tras as súas soflamas colectivas.
Á súa vez, pouco podería dicir sobre aqueles que deciden apoiar ou directamente sumarse a un proxecto con áurea imperial desde a anticolonialidad e a loita antiimperialista. Tal despropósito resulta complicado de entender, mesmo de lograr encarar sen un sabio diagnóstico profesional e quizais un par de receitas salvadoras para quen se suma inocentemente a tal disparate. Só aquel individuo cego ou manipulado polas promesas de repercusión social e mediática pode obviar a clara deriva á islamofobia e o racismo nuns argumentos que aínda no inicio da súa andaina xa sinalan ao “outro” como claro inimigo das tradicións e a convivencia no ámbito dunha suposta hispanidade.
O combate ao fundamentalismo, sexa da vertente que sexa, só se pode encadrar nunha reflexión racional, unha comprensión profunda e sincera das causas subxacentes no mesmo e unha posterior proposta seria e activa de políticas e actuacións sociais destinadas á integración nunha sociedade de iguais na diversidade. Nunca debemos por tanto compadrear con ideas que buscan ver no diferente un inimigo, unha rareza para asimilar ou en última instancia expulsar. Sen lograr atalhar as causas do fundamentalismo, sen lanzar luz sobre as disfuncións sociais de tradicións arcaicas e métodos de convivencia social xerárquicos e autoritarios, xamais lograremos ponher-lhe fin ao problema, tan só estaremos a encarar unha nova cruzada sen unha solución sinxela. Pero xa sabemos o que historicamente lhe gostou sempre ao espanholismo iniciar unha boa cruzada na que sempre existen intereses particulares que crecen co son da guerra e o discorrer do sangue inocente. Con todo, a bandeira espanhola aínda verte nos seus sangues o sangue inocente do pobo de Iraq ou Libia.
Debemos ter sempre en conta que o delicado proxecto espanholista repousa baixo a contradición dun estado que se mostra intransixente, brutal e represivo contra os movementos nacionais dos pobos que forzosamente o componhen, pero que á súa vez tamén se mostra submiso, impotente e servil fronte aos designios da esfera da OTAN baixo a que apenas pode actuar libremente.
En definitiva, para non alongarnos máis nunha empresa tan desprezábel: esta nova aventura espanholista filha de Colón non é outra cousa que o fanatismo tradicional da pel de touro, desatada en tempos convulsos. Outra expedición da irracionalidade, cínicamente baixo a suposta bandeira da ilustración. Un grupúsculo de arribistas da aristocracia obreira, que movidos polo profundo temor a perder os seus exiguos privilexios, decidiron mobilizar aos mecanismos mediáticos e ás súas sempre presentes alianzas entre parte da burguesía nacional, para tentar enganar a diferentes capas da clase trabalhadora nun proxecto suicida e irreflexivo. Algo que ante a súa patente falta de formación e talento, tan só poden lograr mediante un intento de enfrontamento desatado contra o inimigo externo.
Nesta definición de inimigo externo, atoparán acomodo as remesas de migrantes que como fixeron os nosos pais, avós e gran parte dos nosos amigos, simplesmente escaparon e escapan da miseria do sistema capitalista e a falta de oportunidades froito da axenda neoliberal, o colectivo LGTB, os progresistas, as feministas, os soberanistas e aos poucos todos aqueles que se saian dos estreitos parámetros do que eles consideran a orde natural das cousas e a tradición do estado espanhol. Sempre foi este reino bubónico moi propicio a abandonar o máis mínimo conato de revolución social en aras do fragor das lapas froito de calquer proceso inquisitorial de medio pelo. E pese ao paso do tempo, nesta mesma vicisitude nos atopamos hoxe. Sexamos por tanto cautos e decididos á hora de impedir o avance desta falsa esquerda do “Espanha, unha, grande e libre“. Por mera decencia e polo futuro dos nosos.
“… una india enferma, viendo que no podía huir de los perros, que no la hiciesen pedazos como hacían a los otros, tomó una soga y atose al pie un niño que tenía de un año y ahorcóse de una viga, e no lo hizo tan presto que no llegaran los perros y despedazaron el niño, aunque antes que acabase de morir lo bautizó un fraile.”