Toureiro asasino

En demasiadas ocasións, pecamos ao debater sobre a abolición da tortura taurina –perdoen que non utilice o termo tauromaquia, pero xamais vou ser partidario de ensuciar desa forma á palabra arte– na utilización dos propios argumentos dos torturadores. Perdemos paciencia, enerxía e tempo en debates absurdos sobre a lexitimidade das subvencións, o arraigamento popular ou o grao de sufrimento do touro durante a tortura producida entre “banderillazos e estocadas“, cando o debate en esencia é moito máis sinxelo.

A disputa sobre a tortura taurina, debería centrarse unicamente na conciencia e a madurez dun pobo que non pode, nin por un segundo máis, seguir mantendo vivo o recordo máis negro do seu pasado. A memoria dunha época onde unha cantidade inxente de turistas, algún deles famosos artistas ou escritores, dirixíanse ao estado espanhol co sentimento propio de quen cruza a última fronteira antes de inmiscirse nunha sociedade metade civilizada, metade salvaxe. Un estado enfermo de barbarie e denodado tribalismo, onde belas mulheres bailaban ao ritmo de guitarras árabes e homes simples, pero en aparencia “valentes”, xogábanse a vida enfrontándose a un animal indómito, ó parecer, por un mero rito ancestral.

Como lograr perseguir eficazmente ós malos tratos animais cando se denomina mestre ao toureiro? Como protexer a nosa fauna cando se tortura e se asasina sen piedade todo un suposto símbolo nacional?

Unha sociedade ancorada en ritos ancestrais onde non reina a lóxica, nin a razón humana. Co simple feito de cruzar os Pireneos, un pode sentirse á vez marabilhado e moralmente superior ante tan lamentábel espectáculo. Un pode, a través da barbarie, sentir o exotismo dunha sociedade anacrónica para Europa. Todo iso, obviamente, si é que ao final da xornada, tras contemplar o sangue e a dor, un é quen de manterse en certa medida alheo a toda esa tolemia. A espectáculos como o de Tordesillas, onde o despropósito e a barbarie dan un paso máis cara á perturbación, ao delirio do sangue animal como entretemento e o zoquetismo patrio como aceno de identidade.

A tortura animal en Tordesillas simboliza o fiel reflexo dunha comunidade que di representar o sentir da Espanha medieval, un festexo, si é que á morte e tortura animal se lhe pode chamar festexo, que afunde as súas raíces na enfermiza relación entre home e animal, nun período histórico onde os animais non supunhan nada máis aló dunha fonte de alimento e recursos. Triste esa sociedade na que pese ao transcorrer da historia, a barbarie permaneza ancorada, prolongando os tan escuros tempos da sen razón. Triste sociedade a que é capaz de denominar cultura ao feito de que decenas de picadores e lanceiros persigan a un touro par alancealo ata a morte.

Aínda hoxe, libros, cancións e velhas películas, encomian o valor do toureiro como un heroe que se resiste ao paso do tempo. Chiscadelas antropolóxicas de aqueles que observan o noso delirio desde a máis absoluta equidistancia entre a fascinación e o noxo. Unha chiscadela poida que rebelde, lanzada en ocasións por pseudointelectuais afectados da síndrome de Peter Pan. Unha síndrome que os mantén ancorados nunha época xa pasada, na que artistas como Enest Hemingway, Federico García Lorca, Pablo Picasso ou Orson Welles, encomiaban a tortura animal como unha arte, no medio dun mundo onde moitas veces, a propia vida, non valía apenas nada.

A percepción cambia cando é un o que ten que convivir socialmente con esa tortura animal á que chaman arte, a vergonha do sangue nas súas rúas, nas súas prazas, a consciencia de quen sendo amante dos animais, reconhecendo os seus dereitos, ve como os seus propios impostos serven para fomentar e perpetuar aos asasinos e o seu negocio. Unha realidade que sen dúbida se torna kafkiana no noso século e que lamentabelmente ten eco na orixe de moitos dos nosos males.

Como lograr perseguir eficazmente aos malos tratos animais cando se denomina mestre ao toureiro? Como protexer a nosa fauna cando se tortura e se asasina sen piedade un suposto símbolo nacional? No fondo da nosa psique colectiva, a permanencia do toureo na nosa sociedade representa unha desas áncoras que nos retrotrae á realidade máis ancestral, esa sociedade que sen dúbida debe facernos sentir avergonhados, coa que sentirse culpábel e baixar a cabeza ante determinados temas.

A disputa sobre a tortura taurina debe centrarse unicamente na conciencia e a madurez dunha sociedade que non pode, nin por un segundo máis, seguir mantendo vivo o recordo máis escuro do seu pasado

O toureo fainos menos civilizados e á súa vez, tamén menos humanos. A persistencia dos malos tratos animais a un suposto símbolo patrio como é o touro no estado espanhol, fala máis desta sociedade do que quizais podería facelo un touro libre, un touro orgulhoso e salvaxe. Poida que no fondo o toureo trátese simplesmente diso, o recordo do que en realidade é o fracaso do proxecto nacional espanhol, unha sociedade prisioneira, aletargada e avergonhada de si mesma. Unha sociedade que chama arte a ver ao touro desangrarse na area.

Comparte

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *