«Los Estados Unidos parecen destinados por la providencia para plagar la América de miseria en nombre de la libertad.»
Simón Bolívar, El Libertador
«Buscamos la solidaridad no como un fin sino como un medio encaminado a lograr que nuestra América cumpla su misión universal.»
José Martí
«Patria, socialismo o muerte. Si queremos patria y vida, vámonos por la vía socialista. La vía capitalista nos lleva directos a la muerte de la patria, a la muerte de la esperanza, a la muerte de la dignidad, a la muerte de la especie humana incluso»
Hugo Chávez

Que non che vendan a fábula dos dereitos humanos ou da loita contra o narcotráfico, que non che conten a mentira! Que non te enganen co fume espeso da propaganda, esa cortina que o imperio teceu para ocultar a súa propia barbarie e o regueiro de sangue que debuxa un camiño desapiadado desde os recursos naturais do Sur global ata as metrópoles occidentais. Diran que en Venezuela hai contrabando e pintaran o cadro de sempre: cocaína empaquetada na selva, lingotes de ouro ilícitos cruzando a fronteira, litros de gasolina fuxindo como sangue por unha ferida aberta. Diran que os líderes políticos e sociais dese país só trafican coa desesperación e o vicio. Pero nada máis lonxe da realidade.
A mercadoría máis subversiva, a máis perigosa que hoxe se traslada desde as veas abertas da patria bolivariana, a que se comparte libremente coa furia calada da resistencia e se espalla como pólvora entre os pobos oprimidos, non é o que figura nos informes da DEA nin nos titulares da CNN. O que Venezuela exporta ao mundo, baixo o asedio e o escarnio, é o exemplo dunha patria digna, dun pobo que resiste e dunha soberanía que non se vende. Exemplos que queiman na retina dun Imperio en decadencia. Unha revolución que, malia os continuos obituarios prematuros, négase teimudamente a morrer.
Se un escoita os telexornais de Washington ou aos editorialistas madrileños que, ao ditado, falan de Venezuela como quen fala dun planeta remoto, rematará crendo que nese país caribeño non hai máis que caos, desesperación e sombras. Pero abonda con poñer un pé en calquera barrio de Caracas ou atender aos relatos dos seus habitantes para comprender que si, hai contrabandistas en Venezuela, claro que si: contrabandistas de dignidade, deses que ante cada sanción, cada decreto estadounidense, cada insulto e cada ameaza, responden cun exemplo que non debería cruzar fronteiras.
Porque Venezuela está traficando con algo moito máis perigoso ca calquera droga: está traficando soberanía. E iso é o tipo de mercadoría que máis teme o imperio.
Washington pode tolerar a cocaína, a corrupción, os ditadores que ten no peto. Pode tolerar mesmo un xenocidio con centos de miles de nenos palestinos mortos ou a pobreza extrema no seu propio seo. O que non pode tolerar, o que xamais tolerou ningún imperio, é que un país pequeno, escuro nos seus mapas mentais, se atreva a dicir “aquí hai un pobo que se respecta”. Que decida por si mesmo. Que produza, que resista e que exista sen precisar a tutela de ninguén.
Cando un mira cara atrás, descobre que este contrabando vén de lonxe. Vén de Simón Bolívar, ese tolo visionario que se atreveu a dicir que un pobo pode ser libre aínda que todos os imperios digan o contrario. Vén dunha guerra de independencia que incendiou todo un continente, non só con exércitos, senón tamén con imaxinarios novos e poderosos. En Venezuela non comezou a liberdade latinoamericana, pero si comezou a súa resistencia e unidade. A independencia non brotou de súplicas nin de dádivas dun país afastado, senón de insurxencias. E esa memoria non se borra con editoriais de El País nin con sancións do Departamento do Tesouro.
Pensádeo. A historia, esa mestra que os imperios tentan silenciar co ruído das metrallas, coa propaganda e coas moedas de prata, ensinounos unha e outra vez que nada pode derrotar un pobo decidido a resistir. Houbo un tempo no que o Vietnam de Ho Chi Minh non era máis que un pequeno punto no mapa, un país de campesiños que ousou erguer a cabeza fronte á maquinaria de guerra máis sofisticada que o mundo coñecera ata entón. Con que contrabandearon aqueles vietnamitas? Cal foi o seu pecado para liberar os xinetes do Apocalipse imperial? A súa exportación era a mesma que hoxe reborda as fronteiras venezolanas para impregnar un continente: a idea, explosiva e contaxiosa, de que a autodeterminación é un dereito innegociable. A idea de que un pobo pobre, pero unido, pode dobrarlle o brazo a un Imperio. Igual que fixo Alxeria. Alxeria, cuxo pobo, coas uñas e cos dentes, arrincou a súa independencia ao imperio francés, demostrando que a liberdade non se mendiga: conquístase.
E esas foron as leccións interiorizadas por un pobo que, a finais do século XX, cando América inteira parecía resignada á receita neoliberal, decidiu volver erguer a man. Chávez, ese mozo cadete insolente que o 4 de febreiro de 1992 deixou escrito un “por ahora” que a historia soubo abrazar, chegou á presidencia cos vellos pantasmas oligárquicos aínda mordéndolle os talóns. Pero non foi un presidente: foi un terremoto no corazón do continente.
Mentres os tecnócratas predicaban privatizacións, el falou de pobo. Mentres os bancos esixían sacrificio, el falou de soberanía. Mentres a oligarquía chupaba o sangue dos desfavorecidos, el chamou a expropiar a eses vampiros. Mentres a historia oficial dicía que os pobres nacían para obedecer, el convidounos a gobernar. E aquela revolución supuxo un crime imperdoable.
Non o perdoou a burguesía crioulla, que soñaba con volver a un país no que os cerros non tivesen voz. Non o perdoou Washington, que non pode tolerar que un país petroleiro faga política por e para o pobo. Non o perdoaron as transnacionais, porque Chávez cometeu a herexía máis grave: poñer os recursos de Venezuela nas mans das venezolanas e dos venezolanos.
E daquela desatáronse as furias de Washington. Había que impedir por todos os medios que o “mal exemplo” venezolano se espallase. Primeiro, chegaron os intentos de golpe de Estado. O secuestro fugaz de Chávez en 2002, orquestrado pola CIA e pola oligarquía local, pero que o pobo, descalzo e enfurecido, reverteu coa súa poderosa presenza nas rúas. Logo chegou o asasinato. Si, o asasinato de Chávez, non cunha bala, senón cun cancro fulminante e sospeitoso, sobre o que aínda pairan sombras que a historia, se realmente é xusta, algún día revelará. Porque os imperios non só matan con mísiles: tamén matan coa ciencia, coa asfixia económica, coa guerra cultural, coas sancións e cos bloqueos criminais.
Tras a partida física do Comandante Eterno, a agresión intensificouse coas “guarimbas”. Esas escenas de violencia financiadas desde o norte, buscaban incendiar o país e sementar o caos para xustificar unha intervención “humanitaria”. E por riba de todo, as políticas criminais de sancións e bloqueo económico: unha guerra destinada a afogar un pobo, a provocar escaseza en medio da abundancia, a converter a fame no verdugo silencioso que levara a xente ás rúas para pedir clemencia ao imperio. Negóuselles acceso a medicinas, repostos, tecnoloxía e mesmo ao seu propio petróleo. Roubáronlles miles de millóns en activos, conxelados en bancos estranxeiros, mentres os piratas occidentais actuaban e nenos venezolanos morrían por falta de tratamento. Foi unha guerra económica, un xenocidio de baixa intensidade, a máis absoluta barbarie disfrazada de “axuda humanitaria”.
E malia todo, Venezuela segue en pé. Contra todo prognóstico, o país comezou a producir máis alimentos, reanimou os seus sectores industriais, estabilizou a economía e reconstruíu os seus mecanismos de distribución. A pesar dos vaticinios de colapso total, dos titulares catastrofistas e dos votos servís dos países sipaios do Imperio, Venezuela contrabandea hoxe outra verdade incómoda: a súa soberanía inquebrantable. Mentres o mundo agarda o seu colapso, Venezuela produce, xera riqueza, adáptase, resiste, constrúe desde as bases. Os seus campesiños cultivan, os seus obreiros producen, os seus científicos desenvolven solucións propias. É un milagre de resistencia, un testamento da indomabilidade dun pobo.
E iso, para o imperio, é inaceptábel. Porque Venezuela demostra algo intolerábel: que un país sancionado, asfixiado e demonizado pode erguer a cabeza. Peor aínda: pode seguir soñando cun proxecto socialista do século XXI, inserido nun mundo multipolar que xa é unha realidade.
Ante o despregue militar imperialista ás portas do Caribe, só unha advertencia: un eco de Vietnam, un recordo de Arxelia. Se o imperio, na súa arrogancia cega, decide cruzar a liña que separa a cordura da prepotencia dun fantasma decadente, se intenta pisar coa bota do invasor a terra sagrada de Bolívar, atoparase con algo máis que un exército regular disposto a defender o seu chan. Atoparase coa furia dun pobo armado, con milicias populares organizadas, cun exército bolivariano imbuído de conciencia patriótica. Venezuela non será un paseo militar. Será un pantano, unha selva, unha montaña onde cada pedra, cada árbore, cada pinga de sangue venezolana se alzará contra o invasor.
Será un novo Vietnam, forxado na resistencia indomable dun pobo que prefire morrer de pé antes que vivir de xeonllos. Un pobo que aprendeu que a liberdade non é un regalo, senón unha conquista diaria. E esa é a mercadoría máis valiosa que Venezuela contrabandea ao mundo: a certeza de que a dignidade, a soberanía e a revolución non se renden. Un exemplo de esperanza para os corazóns dos oprimidos deste planeta. Que o saiban en Washington, que o saiban en Wall Street, que o saiban nos salóns do poder europeo:
«Bastante montaña hay aquí, bastante montaña hay aquí. Yo les voy a decir algo, bastante sabana hay aquí, bastantes islas hay aquí, bastante selva hay aquí, bastante tierra hay aquí. Y Saben una cosa, bastante pueblo hay aquí. Y saben otra cosa, bastantes cojones hay aquí. Para defender esta tierra, para defender esta patria, de cualquier intruso que pretenda venir a humillar, la dignidad de estas tierra sagrada de la Venezuela de todos nosotros ¡carajo!.».