“Se a prostitución se chega a considerar un trabalho, iso ten efectos sobre o imaxinario simbólico que ten a sociedade acerca das mulheres. É enviar a mensaxe de que, dunha forma ou outra, todas somos prostituibles.”
Rosa Cobo
“Que te babexe e te manosee un estranho esnaquízate como persoa”
Amelia Tiganus
“A prostitución é a máis horrible das aflicións producidas pola distribución desigual dos bens do mundo.”
Flora Tristan
«A prostitución é unha relación que afecta non só á prostituta, senón tamén ao prostituiente, cuxa ignominia é aínda maior»
Karl Marx
Sen dúbida o de escravista é o oficio máis antigo do mundo. E só tras a aparición e o exercicio desta bárbara profesión ó servizo do patriarcado, puido xurdir a prostitución.
Novamente, ábrese no estado espanhol o bronco debate acerca da prostitución. Nesta ocasión, o balbordo retómase con renovada vitalidade a teor da enconada admisión parlamentaria da proposición de lei socialista que busca avanzar cara á abolición da mesma, mediante a persecución do proxenetismo non coactivo, as sancións ós clientes de prostitución e a recuperación da tercería locativa. Esta última figura recóbrase do Código penal de 1973 –que o goberno de Felipe González despenalizou en 1995– outorgando as ferramentas legais necesarias para lograr establecer penas de prisión de dous a catro anos, multas de 18 a 24 meses e a posibilidade de clausurar os establecementos de todos aqueles propietarios de locais nos que se exerza a prostitución. Nunha primeira olhada, todas elas medidas que suponhen unha firme aposta polo avance en materia abolicionista e que dificilmente poderían causar malestar algún no seo da esquerda e o feminismo.
Quedan moitas cousas por mudar, moito por avanzar e moito percorrido para poder facelo. Por iso resulta vital comezar a dar pasos firmes na senda da abolición da prostitución.
Pero enmarcado este debate na resaca das disputas políticas e ideolóxicas entre os socios de goberno –froito da tramitación parlamentaria da lei do “só si é si”– e apenas transcorridas 24 horas desde que os socialistas decidisen presentar a súa propia proposta de lei, alternativa e á súa vez perfectamente complementaria ó texto insignia do Ministerio de Igualdade, a discusión acerca da abolición da prostitución cobra de novo un cariz con altas doses de cinismo, un claro matiz de oportunismo e non poucas pinceladas de ultraliberalismo burdamente camuflado entre formacións políticas aparentemente progresistas. Admitámolo, certamente resulta complicado chegar a confiar na boa vontade do PSOE para encarar firmemente unha tarefa como a abolición da prostitución, cando todas somos conscientes de que ademais dunha flagrante violación dos máis mínimos dereitos humanos, a explotación sexual supón á súa vez un lucrativo negocio que tan só no estado espanhol move máis de cinco milhóns de euros ó día, mediante a coacción de máis de 45.000 mulheres. Obviamente, somos perfectamente conscientes de que o Código penal na actualidade xa persegue o proxenetismo coactivo e que mesmo existen vías para castigar legalmente a quen se lucren coa prostitución doutra persoa, a condición de que medien condicións gravosas e desproporcionadas. Non se preocupen, sabémolo, tal e como tamén somos perfectamente conscientes de que nesa mal chamada Piel de Toro na que existe un campo de concentración para mulheres explotadas sexualmente en cada estrada xeral e na que catro de cada dez homes admiten ser violadores previo pago, apenas se persegue a policial ou legalmente a explotación sexual.
Non nos enganemos, as leis parlamentarias nunha democracia burguesa son totalmente incapaces de conseguir por si mesmas a abolición da prostitución. Debemos ser plenamente conscientes diso e depositar nos preceptos alí xurdidos unicamente a esperanza dunha utilidade momentánea capaz de outorgarnos unha vantaxe, quizais definitiva, no inmenso trabalho social que sen dúbida requirirá o longo caminho ata a abolición da explotación sexual. Quizais esta lei sacada adiante con 232 votos a favor, 38 en contra e 69 abstencións, non tenha utilidade á hora de conseguir o peche de todos eses campos de concentración para mulheres transformados en clubs de recreo para os novos bárbaros do patriarcado, poida que resulte complicado chegar a focalizar e responsabilizalos mediante sancións económicas e que mesmo resulte sumamente complicado facer entender entre nosas propias filas que o consentimento á explotación sexual previo pago, non deixa de suponher unha violación. Poida que no peor dos casos esta lei non sirva para nada de todo isto, pero nas súas mínimas posibilidades xa logrou evitar a normalización da visión da prostitución como un simple trabalho máis, impedindo con iso a posta en marcha dunha nova lóxica regulacionista por parte da chamada nova esquerda, que en última instancia unicamente pretende avanzar mediante o pacto co proxenitismo na elaboración dun marco laboral e social para a suposta funcionalidade da explotación sexual no noso tecido social.
Poucas poderán sorprenderse a estas alturas contemplando como desde Podemos tentan avanzar na vía da normalización da explotación sexual. O partido morado, liderado ideolóxicamente na sombra por quen tras o Salón erótico de Barcelona decidiu ponher “xeonlho en terra” coa actriz porno Amarna Miller e hai apenas unhas semanas manipulou as intencións dunha multitudinaria concentración abolicionista para tentar desprestixiala, xogou sempre á equidistancia e ó deixarse querer coa industria da explotación sexual, cando non a abrazou firmemente da man da súa filial catalá comandada pola extremadamente cínica autoproclamada feminista Ada Colaou. Tampouco nos debe sorprender a estas alturas a postura do ultraliberalismo de Ciudadanos capaz de apoiar o alugueiro de ventres ou mesmo a venda de órganos humanos se resultase necesario para o correcto desenvolvemento do mercado capitalista, pero a ignominia do quintacolumnismo máis atroz comeza a facer acto de presenza no triángulo da Jonquera parlamentario, no que as formacións catalás escusan ou directamente apoian a explotación sexual. Especial mención chegados a este punto ás palabras da deputadas das CUP, Mireia Vehí, quen inexplicabelmente desde o marco da esquerda chegou a asegurar que non existe consenso internacional acerca de que a prostitución sexa igual á violencia machista…
E iste é o marco real no que se xoga a tímida baza da lexislación do parlamentarismo burgués por parte dun partido tan pouco fiábel como o PSOE. Unha situación política e social na que determinadas formacións pretenden ganhar rédito electoral normalizando a industria do porno, incluso catalogando a unhas das súas subcategorías como “porno feminista”, pero nada che din esas mesmas formacións políticas dos numerosos suicidios na industria da violencia sexual televisada, nin se atreven a cotexar en público a lista de tendencias desas páxinas web pornográficas nas que a violencia con mulheres racializadas, embarazadas ou mesmo refuxiadas políticas, excita ei inicia na vida sexual a xeracións de raparigos que ven apoiados eses actos pola gracieta en redes sociais do líder político progresista de quenda. Un parlamento no que políticas levantadas á vida acomodada polo voto de miles de companheiros e companheiras de esquerda, dedícanse agora a defender o trabalho sexual para outras, para as obreiras. Nunca unha parlamentaria alugando o seu corpo como orificio de entrada do patriarcado máis brutal, nunca unha Ministra de Igualdade exercendo como campo de experimento para que un putero tras outro perfeccionen a última práctica de sadismo aprendida na súa páxina porno favorita. A liberdade para ser putas defendida para aquelas que non chegan a final de mes, para as máis novas e influenciábeis, para aquelas que vítimas da violencia sexual alimentada polo porno deciden polo menos ponher prezo ó seu sufrimento. E tampouco veremos a moitos parlamentarios deses partidos que din defender a prostitución destaparse como puteros. Porque obviamente nun estado no que catro de cada dez homes son explotadores sexuais, o progresismo defende a idea dunha prostitución sen puteros. Eles sempre permanecerán ocultos, sempre na sombra. Só así resulta asumíbel vender os teus principios e regularizar a escravitude da mulher.
Nesa mal chamada Piel de Toro na que existe un campo de concentración para mulheres explotadas sexualmente en cada estrada xeral e na que catro de cada dez homes admiten ser violadores previo pago, apenas se persegue a policial ou legalmente a explotación sexual.
E que pretenden exactamente aqueles que avoga por regularizar a prostitución no estado espanhol? Ofertas de sexo, cervexa e cachorro quente por 55 euros como en Alemanha? Escaparates da vergonha como en Amsterdam? Dereitos para os consumidores no caso de que unha manda non sexa o suficientemente satisfactoria? Poder acudir a Facua? Ofertas na oficina do paro para que as mulheres precarias ou novas e sen experiencia poidan engancharse ó mundo laboral? Pretenden que aproveitemos a nosa crise migratoria para importar trabalhadoras “cualificadas” capaces de satisfacer ós nosos puteros por un permiso de residencia? Que pretenden cando din pensar nas vítimas da explotación sexual? Perpetuar a mera redución de milhóns de mulheres a meros obxectos de consumo?
Porque ese é centro real do debate. Non, a prostitución non é un trabalho. Non supón vía de autorrealización algunha para as mulheres que ven impelidas a exercela, nin tampouco supón a venda da forza de trabalho da mulher, senón que esta vese apartada desa posibilidade e abocada por tanto a alugar o seu propio corpo por horas como mera mercadoría en mans do putero. E iso é o que nunca se atreve a mencionar un regulacionismo totalmente alienado nas máis cínicas e profundas lóxicas do capitalismo, avanzar cara á regularización da prostitución, normalizar a concepción da mulher como mero obxecto de consumo para os homes e enmascarar a explotación sexual mediante unha lóxica laboral, abre a porta á normalización e reprodución social de todas esas preguntas que fai apenas segundos deberon escandalizar a calquera persoa cun mínimo respecto polos dereitos humanos. Institucionalizar as relacións de dominación presentes na prostitución supón deixar definitivamente en mans das dinámicas do mercado o futuro das vítimas de explotación sexual.
Aínda que é certo que a tercería locativa sen un escudo social forte e unha política de vivenda adecuada pode causar disfuncións sociais forte no acceso á vivenda entre as mulheres vítimas da prostitución, non o é menos que esa suposta regularización pode someter a dinámicas de explotación extrema a mulheres precarias que poden verse arrastradas a alugar o seu corpo por unha habitación ou a converter a procura de vivenda nunha condena permanente nun piso convertido en prostíbulo. Do mesmo xeito que a abolición da prostitución, sen encarar unha renda básica universal ou a derrogación da lei de extranxería poden tensionar a vida de moitas mulheres, tampouco a regularización da prostitución daría alternativa algunha para esas mesmas mulheres máis aló de alugar o seu corpo por un permiso de residencia ou un salario froito do sexo sen desexo, sexo por tanto enmarcado na violencia. Debemos por tanto ser conscientes de que a abolición da prostitución é unha longa senda que vai intrinsecamente ligada á abolición do sistema capitalista, pero do mesmo xeito que ningunha persoa no seu san xuízo se opondría ás diferentes lexislacións laborais progresistas por verse inmersas no marco do trabalho asalariado ou tampouco dubidariamos á hora de negarnos en redondo á hora de retomar a concepción do ser humano como mera mercadoría en mans da burguesía mediante a rehabilitación do sistema escravista, hoxe resulta indigno escudarse nun suposto regulacionismo para defender a vixencia e normalización da explotación sexual da mulher no sistema prostitucional.
Quedan moitas cousas por mudar, moito por avanzar e moito percorrido para poder facelo. Por iso resulta vital comezar a dar pasos firmes na senda da abolición da prostitución.