Unha vez máis, gran parte dos militantes do nacionalismo revolucionario galego atopámonos ante os cotiás e complexos análises en torno aos límites inherentes ao parlamentarismo, á organización popular e ás ferramentas precisas para a construción nacional. Cal Sísifo, embárcamonos de novo nunha campaña electoral na que compaxinar os nosos obxectivos estratéxicos coa inmediatez da disputa parlamentaria burguesa.
Pero quizais, nunha certa medida, nesta ocasión as cousas sexan lixeiramente diferentes. Estes cambios percíbense no ambiente, na efervescencia da campaña electoral liderada por unha parte significativa do nacionalismo no ámbito parlamentario. Tamén se evidencian no compromiso palpable de moitos dos nosos compañeiros e compañeiras, que están entregando o mellor de si mesmos nestes últimos días de loita contra a maquinaria mediática e caciquil. Ademais, faise palpábel no temor destes sectores, que esbozan un horizonte no que as despotas redes clientelares e o sistema de poder colonial establecido na nosa terra poderían comezar a desmoronarse debido á mobilización popular e á vontade expresada nas urnas.
Non deben malinterpretar a miña postura. Aínda que recoñezo que a democracia burguesa pode ser un terreo de loita política ineludíbel, non podo ignorar que o mesmo está inherentemente vinculado ás estruturas de poder capitalistas. Os parlamentos burgueses están deseñados para preservar e perpetuar o statu quo, beneficiando con iso ás elites económicas e políticas.
Participar nestas eleccións pode considerarse unha táctica lexítima para promover os intereses da clase traballadora e das nacións oprimidas. Porén, é crucial recordar que os límites que sufocan a nosa construción nacional non poden ser superados exclusivamente desde os asentos parlamentarios. A presión mediática, a batalla xurídica, o desmedido poder das forzas capitalistas e a represión policial ou militar directa seguirán estando controlados por unha estrutura de dominación nacional e de clase que de ningún xeito representan os intereses do proxecto popular do nacionalismo galego. Este escenario deixa claro que o obxectivo de conquistar o control da Xunta de Galicia está moi lonxe de equipararse coa toma efectiva do poder que moldeará o destino do noso pobo.
Non obstante, debemos encarar estas eleccións como outro espazo de loita política onde promover políticas que beneficien ás persoas traballadoras e marxinadas da nosa nación, sen renunciar de forma algunha á acumulación progresiva de forzas que nos permita romper coas ataduras impostas por este sistema económico e as dinámicas de dominación arraigadas neste enclave neocolonial xestionado desde Madrid. Somos plenamente conscientes de que este sistema non permite máis que xestionar a miseria, a opresión e a dor. Pero no ineludíbel camiño á nosa liberación nacional e á emancipación do noso pobo traballador, non renunciaremos de ningún xeito a aliviar no maior grao posíbel o sufrimento dos nosos, utilizando para iso todas as ferramentas das que dispoñamos.
Recoñecemos claramente os límites deste sistema e negámonos rotundamente a volver a acomodarnos neles, sexa cal for o resultado desta disputa electoral. No entanto, tamén somos conscientes do contexto histórico no que nos atopamos, o que nos leva a rexeitar de maneira deliberada as ideas que consideran o sufrimento dos nosos compatriotas como un medio cara á futura redención. En cambio, estamos firmemente comprometidos a enfrontar os desafíos sen renunciar a paliar a penuria e o desamparo daquelas persoas que agora mesmo agardan largas listas para recibir atención médica en hospitais cada vez máis precarios e abandonados, acosados pola ameaza constante da privatización total da atención sanitaria.
Non podemos, nin debemos, aceptar a desatención dos nosos maiores debido á falta de recursos para o seu coidado ou a case inexistencia de residencias públicas. Avogamos por unha educación pública de calidade que promova a cultura, a ciencia e o noso idioma desde a máis tenra infancia. Cremos na nosa capacidade para comunicarnos como galegos, sen renunciar á nosa propia tradición, pero mantendo de igual xeito abertas todas as portas que nos permitan conectarnos con outros pobos do mundo.
Apostamos por unha Galiza fortemente industrializada, apoiada no coñecemento científico e no valor inesgotábel que supoñen as nosas universidades, os nosos laboratorios, os nosos centros de formación, as nosas e os nosos artistas e deportistas. Apoiamos sen ambaxes de ningún tipo a igualdade, o respecto ás minorías, a solidariedade internacionalista e a aposta firme por un mundo novo nacente que poña fin á opresión imperialista e á rapina á que este desnortado Occidente someteu durante séculos ao Sur global. Miramos aos pobos como irmáns, potenciando o xusto intercambio cultural, económico e político.
Conscientes de que a democracia parlamentaria en realidade agocha a verdadeira natureza da sociedade capitalista, perpetuando a ilusión de participación política e representación igualitaria, mentres as relacións de explotación e opresión seguen intactas, dispoñémonos a liderar, desde todas as frontes posibles, a implosión que logre instaurar entre os nosos a necesidade de abolir o sistema capitalista na súa totalidade e establecer unha nova forma de organización social baseada nos principios do socialismo.
Compañeiros, compañeiras, o próximo 18 de febreiro, únicamente debe ser contemplado como un paso adiante na toma de conciencia nacional do pobo galego. Un punto de non retorno, unha oportunidade, pero tamén un serio desafío e o inicio de numerosas tensións fronte a aqueles que contemplan as institucións galegas como un mero Ministerio de Colonias ao servizo de Madrid. Se esta tarefa é emprendida por aqueles que decidiron avanzar na construción dun proxecto nacional galego, sen renunciar á ferramenta do parlamentarismo, todos os nosos esforzos na ágora popular deben apoiar e complementar o seu traballo.
No entanto, se os asentos no goberno galego son vistos como un fin en si mesmos, para ser defendidos a toda costa, en lugar de ser considerados como un paso para tensionar e resquebraxar os resortes dun sistema que nos oprime, entón a nosa tarefa ineludible é avanzar na loita por consolidar o sentido revolucionario do nacionalismo galego.
“Não coloqueis poréns à obra enquanto não se acabe. Quem pensar que vai mal que trabalhe nela; há lugar para todos.“
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao