«Traio nunha man a rama de oliveira e na outra a arma dos que loitan pola liberdade, non permitan que deixe caer a oliveira«.
Yasir Arafat
Imaxínese por un momento que durante décadas o seu fogar é unha fronte de batalha contra un agresor insaciábel, pense na violencia do día a día, a tensión acumulada nas xeracións que creceron privadas de calquer tipo de liberdade e a rabia que aumenta nos seus corazóns por iste motivo. Imaxínese ser considerado un leviatán na súa propia terra, vivir diariamente baixo unha ocupación militar que goza de velo humilhado, faiche ver que a túa vida non vale nada e en non poucas ocasións decide arrebatarcha sen motivo, nin consecuencias. A vida dos teus e a esperanza de todo aquilo que te rodea non vale nada para eles. Logre imaxinar por un instante todo isto e estará relativamente preto de chegar a comprender a inhumana realidade diaria dos habitantes de Sheij Jarrah, un barrio palestino de Xerusalén Este.
Como oportunamente lembraba esta o portavoz da Alta Comisión de D. H. da ONU, Robert Colville, segundo as leis internacionais, Sheij Jarrah forma parte dos territorios palestinos ocupados, polo que as continuas agresións dos colonos ultraortodoxos contra as familias palestinas do barrio, enmárcanse no contexto dunha extensa campanha de ocupación ilegal, levada a cabo polo sionismo ante o vergonhoso e cómplice silencio de gran parte da comunidade internacional, encabezada polas potencias capitalistas e o indubidábel liderado estadounidense nesta prolongada ignominia.
As provocacións e as campanhas de agresión desenfreada por parte dos colonos israelís durante o ramadán, mes sacro para a poboación musulmá, provocaron o pasado ano segundo informes da Media Lúa Vermelha, máis de 600 palestinos feridos de diversa consideración e numerosos detidos polas forzas de ocupación sionistas. Entre acusacións de corrupción e dificultades para a formación dun goberno estábel, o fanatismo dos nacionalistas relixiosos e a súa punta de lanza encarnada nos colonos israelís, pareceron ganhar terreo para a definitiva consolidación dunha teocracia apenas camuflada na que o apartheid e a violencia contra o pobo palestino xustifícase ante a comunidade internacional a crédito do despropósito nazi contra a Estrela de David e a necesidade estadounidense da supervivencia dun monicreque cada vez máis rebelde e autónomo na rexión.
As 38 familias que aínda sobreviven no barrio de Sheij Jarrah, forman parte da memoria dos 750.000 refuxiados desprazados durante a Nakba de 1948. Suponhen parte vital da resistencia da poboación palestina fronte ó avance dos colonos xudeus no estratéxico distrito próximo á Cidade Velha de Xerusalén. Tras o reconhecemento do expresidente estadounidense Donald Trump de Xerusalén como capital de Israel e a decisión de Joe Biden de manter o devandito reconhecemento e a presenza da embaixada estadounidense na cidade, a potencia ocupante israelí usou unha lexislación feita a medida para conseguir desaloxar a residentes palestinos e deste xeito poder substituír á poboación local por colonos israelís. A pesar da clara violación do Cuarto Convenio de Xenebra e a que esta actuación pode chegar a constituír un novo crime de guerra do réxime sionista, o silencio ou a equidistancia dos medios internacionais e os diferentes gobernos, parece de novo deixar sen resposta á desesperada poboación palestina.
Imaxine vostede por un momento que o expulsan da súa casa, bombardean a súa nación, asasinan os seus mozos, rouban as súas terras e aplican contra o seu pobo unha política de apartheid que no medio dunha pandemia mundial lhe priva de acceso a vacinas, atención sanitaria, alimentos, enerxía ou auga potábel. Imaxine por un momento medio século de loita de resistencia, as súas mans espidas esgrimindo pedras ó ceo fronte á munición de guerra dun exército profesional e os carros blindados que derruban os fogares do seu barrio. Logre ponherse nesa situación se é que a súa imaxinación é tan prolífera e nin tan sequera así poderá achegarse nin remotamente ó abandono e a dor no que o pobo palestinos se afixo a vivir e a loitar. Porque a pesar de todo, Palestina será libre.