“
“Ademais, para abolir o beneficio empresarial haberá que expropiar ós patróns, cuxos beneficios provenhen precisamente de que monopolizaron os medios de produción.”
Vladímir Ilich Uliánov

Case ás portas dun novo inverno, e encarando sen solución algunha diversas subidas históricas do prezo da luz no estado espanhol, vémonos na obriga de reflexionar acerca de como en poucos anos a nosa sociedade debe reformularse de novo absolutamente o que en conxunto debemos engobar como pobreza. Desde que Clarence D. Russell esbozase o seu xa famoso “Pete the Tramp”, como o arquetipo de vagabundo desarroupado e totalmente excluído do tecido social, froito da gran depresión, a pobreza foise transformando paulatinamente, pero de forma incesante, en algo moi afastado deses velhos tópicos de marxinados que caminhan polos nosos barrios ante as miradas desconfiadas dunha vecinhanza de familias trabalhadoras. Hoxe, nos nosos días, a pobreza pode darse xa de formas tan diferentes como caras chegou a ter o vaporoso sonho esquecido da clase media.
Socialmente, a pobreza pasou a “agocharse” á vista de todos nos colexios, acazapada na realidade diaria dun número cada día maior de nenos que acoden acotío a clase sen almorzar. Entre as nais e pais que se mostran incapaces de chegar a fin de mes, a pesar de posuír un trabalho remunerado dentro da legalidade, pero non acorde coa dignidade humana. E tamén de forma alarmante, comeza a facelo cada vez en maior medida tras as portas de miles de fogares incapaces de encarar as facturas eléctricas que puntualmente chaman ás súas portas, para maior honra e gloria do oligopolio eléctrico espanhol e a tradicional burguesía parasitaria que o detenta.
A pesar de que o conxunto dos fogares galegos gastan unha media anual de 1.101 euros en enerxía, media lixeiramente por enriba dos datos do conxunto do estado espanhol, que se sitúa en 1.099 euros, actualmente preto do 8% dos fogares galegos atópanse en situación de pobreza enerxética. Máis de 300.000 persoas atopan por tanto serios problemas para pagar as súas facturas e preto de 600 morren cada ano no noso país, froito da incapacidade para facer fronte aos gastos derivados das facturas eléctricas. O incremento disparatado dos prezos da electricidade, supón hoxe para moitas persoas a diferenza entre lograr desenvolver unha vida digna e a condena á miseria vital, incluso a morte.
Trata-se tan só de reverter a liberalización do sector enerxético do estado espanhol, que supuxo a renuncia á premisa básica de que a enerxía supón unha necesidade vital para os cidadáns
Pode que agora mesmo, tras as paredes da habitación nas que vostede está a ler atentamente este artigo, se esconda unha desas realidades que agonizan en silencio, froito da insaciábel avaricia do sistema capitalista e dun tecido eléctrico espanhol profundamente caciquil. Outra desas novas caras da pobreza que poden afectar a calquera, e que se converteron silenciosamente nun problema que no estado espanhol chega a cobrarse cada ano preto de 7000 vidas ante a incapacidade de moitas persoas para facer fronte ás súas crecentes facturas eléctricas.
Que se esconde tras esa inaccesibilidade de moitos fogares galegos a un consumo enerxético normalizado?
As causas son diversas. Dende a influencia doutros indicadores asociados á explotación laboral que impiden unha digna capacidade adquisitiva, mesmo dos bens e servizos máis básicos, a parte da poboación galega, os relativos á ineficiencia enerxética froito da infravivenda ou por suposto os indicadores específicos relativos ó nepotismo do mercado eléctrico espanhol que dan como resultado unha tarifa obxectivamente elevada en comparación coa contorna europea.
O recibo da luz chegou triplicarse nun só ano en Galiza e calcúlase que seguirá nese marco ascendente quizais ata finais de 2022 ou mesmo 2023. O que acompanhado ó descenso dos ingresos das familias galegas, rematou desembocando nunha grave situación de pobreza que impide que moitas persoas poidan garantirse un subministro enerxético básico.
Nunhas cidades repletas de neons que incitan o consumo e mentres alcaldes de falabarato compiten polo maior dispendio en luces de nadal, está situación abócanos de novo a ver como o discorrer de vítimas relativas á pobreza aumentará este ano no noso territorio. Persoas que perderán a súa vida polo frío, sacrificadas no altar do IBEX e as portas xiratorias das compañías eléctricas, abrazadas comunmente por gran parte dos partidos políticos.
Pero podería estar xustificado ese aumento da factura eléctrica?
En realidade non, para nada. Tras todos eses datos oportunamente escuros e espurios que se acazapan entre as nosas facturas eléctricas, e que logran que a electricidade sexa un 16% máis cara na Galiza que na media dos Estados centrais dá Unión Europea, sen que incomprensibelmente ardan as rúas por iso, atópase unicamente un incremento constante do beneficio empresarial, grazas á constante manipulación da oferta e a demanda por parte das grandes companhías eléctricas, e un incesante esforzo por parte destas mesmas companhías de cara a poder facerse co control absoluto do mercado. E se isto é así, é porque o sistema de regulación espanhol permítelho a todas elas.
No meio dun pulso entre o estado espanhol e as companhías eléctricas para tentar dilucidar quen pagará parte das enormes facturas relativas á transición enerxética que se avecinha, e que resulta indispensábel, os incrementos disparatados do prezo da electricidade parecen apuntar a que finalmente seremos os consumidores quen nos vexamos obrigados a facernos cargo das mesmas, mediante un incremente de nosas propias facturas da luz.
O estado espanhol supon para as eléctricas, Iberdrola, Gas Natural – Fenosa, Endesa, EDP e EON, un oligopolio perfecto que abarca no seu conxunto o 80 % da xeración de electricidade e o 90% de comercialización da mesma
Este incremento dos prezos na factura do consumidor ou mesmo as ameazas deste ninho de criminalidade para paralizar a produción de enerxía nas centrais nucleares, non se axustan a ningunha lóxica de mercado, nin ten tampouco relación directa cun aumento significativo da demanda de enerxía. Atopámonos directamente fronte un pulso totalitario por parte dun oligopolio eléctrico que non dubidou nin un momento en pretender tombar o brazo ó goberno electo por todos os cidadáns do estado espanhol. E o máis triste, é que ese goberno apenas decidiu responder o desafío.
A factura elécrca a día de hoxe reflicte o poder do oligopolio eléctrico, a súa capacidade para anteponher os seus beneficios ás necesidades sociais, a democracia ou a un mero sentido de humanidade. Non se pode asentar unha democracia sobre un sistema que propicia que 7000 persoas perdan a súa vida antes de tempo como consecuencia da procura do máximo beneficio por parte das empresas enerxéticas. Non se pode asentar unha democracia cando os seus representantes políticos temen a confrontación directa contra o gran capital, cando este pretende gobernar por riba deles.
E mentres os consumidores particulares e os pequenos autónomos axústanse de novo o cinto, vendo con preocupación como en niste escasean xa os buracos disponhíbeis, as companhías eléctricas aproveitan o desconcerto social para lanzar agresivas campanhas comerciais que logren atraer a novos consumidores lonxe do mercado regulado. Por suposto, sabendo a ciencia certa que esta decisión cedo afectará de forma negativa ás súas facturas.
Comportan-se como auténticas carrachas, vampiros dun capitalismo desatado que actúa coa complicidade do caciquismo institucionalizado na nosa terra. Só así podemos explicar que o baleirado dos encoros galegos en beneficio exclusivo dos intereses das eléctricas, queda-se practicamente impune tras previamente a Xunta ter reducido as sancións por estas prácticas irresponsábeis nun 90%. Mexan por Nós en pretenden que digamos que chove.
As mesmas eléctricas que obtiveron dous ríos galegos 4.049 milhóns nunha década, ocupan o noso territorio coa praga dos eólicos sen planificación algunha e somen á nosa paisaxe e os nosos recursos ecolóxicos a unha tensión insoportábel e continua, sen que isto apenas repercuta na poboación galega, son as principais beneficiadas dos partidos franquía madrilenhos que ocupan o noso arco político. Eses partidos que a día de hoxe, en plena escalada histórica do prezo da electricidade no noso país, votan en contra de establecer unha tarifa electrica galega, tal e como o Bloque Nacionalista propuxo ante o parlamento galego. Se non bastaba con que Partido Popular e Partido Socialista antepuxesen os tempos electorais do espanholismo ó beneficio do pobo galego, agora voltamos comprobar como tamén os grupos de presión das eléctricas gozan de prioridade fronte o futuro desta terra. O espolio de Galiza gozou sempre de demasiadas complicidades, incluso a daqueles que unha e outra vez se empenhan en votar a formacións políticas que participan directamente do mesmo.
Despois de todo, o estado espanhol supon para as eléctricas, Iberdrola, Gas Natural – Fenosa, Endesa, EDP e EON, un oligopolio perfecto que abarca no seu conxunto o 80 % da xeración de electricidade e o 90% de comercialización da mesma. Un xigante negocio de 35.000 milhóns de euros co que estas empresas conseguiron comprar as vontades políticas dos grandes partidos e dominar deste xeito os ditames políticos desa suposta democracia.
A pesar de que o conxunto dos fogares galegos gastan unha media anual de 1.101 euros en enerxía, media lixeiramente por enriba dos datos do conxunto do estado espanhol, preto do 8% dos fogares galegos atópanse en situación de pobreza enerxética
Con esa mesma ecuación, podemos explicar a inoperancia política actual, cando o prezo da electricidade encara un aumento imparábel que lanza a gran parte da poboación a unha existencia diaria inmersa na pobreza. Unha realidade nefasta ó non ter cabida unha reacción nun goberno espanhol aínda baixo o efecto das portas xiratorias que o converten nun mecanismo pouco interesado en asumir responsabilidades. Neste contexto a tardanza e ineficiencia no desenvolvemento dunha medida tan básica como a nacionalización do mercado enerxético, demóstranos unha vez máis que non pode existir xustiza e dignidade para o pobo trabalhador no seo das mal chamadas democracias burguesas.
Trata-se tan só de reverter a liberalización do sector enerxético do estado espanhol, que supuxo a renuncia á premisa básica de que a enerxía supón unha necesidade vital para os cidadáns. Un dereito irrefutábel que así debería estar recolhido e respectado pola constitución de calquera democracia avanzada, tal e como o recolhe por exemplo a constitución boliviana 2009. Non se pode asentar unha democracia sobre un sistema que propicia que 7000 persoas perdan a súa vida antes de tempo como consecuencia da procura do máximo beneficio por parte das empresas enerxéticas. Non se pode falar de democracia, mentres se producen sacrificios humanos en honra ó apetito insaciábel do capitalismo máis salvaxe.