“A agricultura vese fácil cando o arado é un lapis e estase a mil millas do campo de millo.”
Dwight Eisenhower
“A terra é para quen a traballa.”
Emiliano Zapata
![Resultado de imagen de lucha agraria españa](https://m.eldiario.es/clm/Muchas-agrarias-posibilidades-titularidad-compartida_EDIIMA20171103_0589_21.jpg)
Prezos polas nubes na sección de alimentación dos nosos supermercados e explotacións agrícolas familiares que pechan ante a imposibilidade de conseguir prezos competitivos. O conflito agrario que actualmente revive a política estatal, afunde as súas raíces nunha sociedade con claros desequilibrios de poder e escasos intentos reformistas. Quizais a máis recente, dáse durante a Segunda República, cando o novo goberno promulga a Lei de Reforma Agraria de Espanha, inspirada na defensa do modelo de pequena explotación para lograr impulsar un crecemento económico sostido no sector agrícola e a estabilidade de rendas baixas para o arrendatario. O que foi un dos proxectos máis ambiciosos da Segunda República, pretendía resolver o problema histórico da desigualdade social, especialmente enquistado no sur do estado, onde grandes latifundios de «nobres» familias, convivían con dous millóns de xornaleiros que desposuídos de terras, sobrevivían en condicións miserábeis. O método escolhido para levar a cabo dita reforma, foi a expropiación con indemnización de parte dos latifundios que serían entregados en pequenos lotes de terra ós xornaleiros.
Pese ao discreto lugar que a reforma agraria republicana ocupa entre as levadas a cabo noutras latitudes naquel mesmo século, pronto as voces que acusaban ó novo goberno de pretender traer a anarquía ao campo e imitar o colectivismo marxista, alzáronse dende unha patronal que reaccionou cunha inusitada radicalización ante unha intervención sen precedentes do Estado nas súas propiedades. A actuación dos dereitistas no campo durante o segundo semestre de 1935, supón un dos principais determinantes da Guerra Civil, levando a moitos terratenentes a participar de forma activa no golpe de estado como vía para rematar cun intento de reforma que apenas lograra expropiar unha moi pequena parte do máis de medio milhón de hectáreas que detentaban.
O pouco que se logrou avanzar, foi rapidamente desandado tras o golpe de 1936. A Guerra Civil supón a restauración da velha orde agraria. Os terratenentes, base social fundamental para o réxime de Franco, asegúranse mediante unha cruenta represión e o apoio incondicional ó novo réxime, que nunca máis o estado poida intervir na forma de xestionar as súas propiedades. Os agricultores que co apoio republicano htinhan reclamado os seus dereitos sobre a terra, convértense dese modo en inimigos do Movemento Nacional, proba diso son as cifras da represión en paraxes como Bodonal de la Sierra, Badajoz, no que o 80% da represión tivo como obxectivo a campesinhos, 43% dos fusilados naquela pequena localidade, serían yunteros beneficiados pola reforma agraria.
A contrarreforma agraria durante o primeiro franquismo, basearase nunha política de reinstauración dos velhos poderes latifundistas e o retorno de favores ás familias que contribuíran co seu apoio á vitoria franquista. Unha actuación caciquil, que perviviu durante o franquismo beneficiando ós grandes terratenentes coas melhores terras. A pesar diso, os intentos da ditadura por colonizar novas terras e melhorar a produción agraria das mesmas, reamataron fracasando. Tan só a emigración masiva logrou finalmente paliar o problema da desocupación e a fame no campo.
Europa, semente danada
O proceso de reforma pactado desde a velha legalidade dun réxime ditatorial a un sistema político parlamentario, dáse co beneplácito da “camarilla franquista” mediante a aprobación por referendo da Lei de Reforma Política de decembro de 1976, a Constitución de 1978 e as eleccións de xunho de 1977. Con todo, non supón isto para o sector agrícola do estado grandes cambios.
Familias como os Mora Figueroa, os Domecq ou os Roig, seguirían beneficiándose das próximas relacións co poder tecidas durante a ditadura franquista e que seguen intactas durante o período que se deu en chamar Transición. Todo a pesar de que as numerosas situacións de monopolio ou oligopolio, resultaban desaconselhábeis para os intereses económicos do estado. É así como Espanha encara a súa adhesión á CEE.
A política agraria comunitaria (PAC), adoptada a partir da entrada na UE, determinará a política agraria espanhola. Pronto se comprobou que tras a PAC escondíase un instrumento das grandes familias europeas para perpetuar os seus propios intereses. A política agraria Europea profunda nun modelo de produción intensiva, soportado por milhonarias axudas que premian ós grandes terratenentes e á agroindustria en detrimento do pequeno campesinado que coida e trabalha a terra. Unha política económica que provoca importantes distorsións no equilibrio agrario dos estados da Unión e nos mercados internacionais, damnificando principalmente ós países en desenvolvemento.
É un secreto a voces, a pesar de que diferentes partidos e medios espanhois se empenhen en negalo, que a maioría de axudas agrarias da UE son acaparadas polos grandes terratenentes. Non en balde, nalgunhas zonas do estado espanhol, chegan a atoparse niveis de acaparamento de terras similares ós de Brasil, Sudáfrica ou Colombia.
Segundo datos do Fondo Espanhol de Garantía Agraria (FEGA), desde o inicio da crise económica, 60 das maiores fortunas espanholas recibiron máis de 250 milhóns de euros en subvencións agrícolas europeas. Trátase de Pastas Gallo, Adegas Osborne, Nestlé, Campofrío, Mercadona, El Pozo, a Casa de Alba…
O modelo Wal-Mart
A gran distribución comercial experimentou na última década un forte proceso de expansión e concentración empresarial, unha tendencia de concentración empresarial que outorga un poder excesivo ás grandes distribuidoras á hora de fixar as condicións de mercado. Actualmente, a maior parte da nosa cesta da compra, entre un 68 e un 80%, adquirímola en supermercados e hipermercados, fronte so ó 1,5% que adquirimos na tenda tradicional. No estado espanhol, a maior parte das compras levase a cabo unicamente en seis cadeas que controlan o 60% do mercado: Mercadona, Carrefour, Eroski, Dia, Alcampo e El Corte Inglés.
Mentres por unha banda atopámonos a miles agricultores trabalhando por baixo do prezo de produción ou no melhor dos casos baixo uns marxes de rendibilidade supervisada e moi limitada, dado que as grandes superficies néganse a pagar un prezo xusto polo produto de orixe, polo outro, atopámonos a tan só unas poucas empresas da gran distribución, capaces de determinar a que prezo se pagan os produtos a un agricultor de xeito evidente indefenso e a que prezo atoparanse finalmente os consumidores o produto no supermercado. Nunha clara situación de oligopolio, calquera produtor ou asociación de produtores, non tenhen outra saída que aceptar as súas condicións se queren acceder ós consumidores. O poder de negociación dos produtores nesta situación, é practicamente nulo. Tal e como tarde ou cedo pasará baixo este sitema coa capacidade de elección do consumidor.
Galiza canibal
«Dende 2009, uma redução do 40% -17.933 solicitações menos- da PAC, 42% menos de povoação ativa agrária, 40.000 hectares de Superfície Agrária Util (SAU) perdidas… A situação da atividade agropecuária na Galiza pode-se qualificar de preocupante» A radiogragia que desde a Federación Rural Galega se fai da agricultura galega tras unha lexislatura que o propio presidente da Xunta, Nuñez Feijoó, cualificou como «a lexislatura do rural», é unha boa mostra de todo o que se fixo mal.
A falta de investimento económico, a total apatía política e a eterna dilación dun proxecto destinado a revivir o medio rural galego e as súas actividades agrogandeiras, provocou o abandono dun rural galego que ve como os seus servizos públicos son recortados en beneficio duns núcleos urbanos que ós poucos concentrán ó exilio rural do país. A día de hoxe, a pesar de ocupar máis do 75% do territorio, o medio rural galego non é habitado nin pola cuarta parte da poboación.
Na última década, Galiza perdeu a décima parte das súas terras de labranza, nun claro declive que se ninguén o remedia, conducirá irrevocablemente a un próximo colapso do seu medio rural. Unha situación que a pesar das escusas duns e o silencio doutros, ten culpables e responsables.
Galiza precisa un medio rural do século XXI, non podemos seguir confiando en heroes e heroínas para manter o noso medio rural vivo, á conta dunha existencia precaria. Precisamos un plan de xestión e apoio a un modelo de agricultura de pequena escala que garanta o acceso ás familias á explotación dos recursos produtivos propios, á vez que promove un consumo sostíbel e a consolidación das numerosas redes de mercado local tradicionais. Precisamos escoitar a organismos como a FAO e ponher en marcha un modelo agrícola que por outra banda, xa é o tradicional na nosa terra, a diferenza do que poida suceder no estado espanhol.
Galiza non pode permitirse perder máis de 30.000 hectáreas de terras dedicadas ó cultivo de cereais, legumes e hortalizas, á vez que esa produción agrícola é substituída por importacións de menor calidade que unicamente favorecen grandes distribuidoras que imponhen un modelo de produción e consumo que fai perigar a nosa soberania alimentaria, atandonos a unha crecente dependencia exterior. Galiza, debe retomar a súa soberanía alimentaria, á vez que recupera a viabilidade económica do seu medio rural.