Mulher
Del lat. mulier, -ēris.
1. f. Persoa do sexo feminino.
«Non se nace mulher: chega unha a selo. Ningún destino biolóxico, físico ou económico define a figura que reviste no seo da sociedade a femia humana; a civilización en conxunto é quen elabora ese produto intermedio entre o macho e o castrado ó que se cualifica como feminino.»
Simone de Beauvoir
“A mulher casada, a nai que é obreira, súa sangue para cumprir con tres tarefas que pesan ó mesmo tempo sobre ela: disponher das horas necesarias para o trabalho, o mesmo que fai o seu marido, nalgunha industria ou establecemento comercial; consagrarse despois, o melhor posíble, ós quefaceres domésticos, e, por último, coidar dos seus filhos”
Alexandra Kollontai
“Xamais dominou na minha alma a esperanza da gloria, nin sonhei nunca con loureiros que oprimisen a minha fronte. Só cantos de independencia e liberdade balbuciron os meus beizos, aínda que ó redor sentise, desde o berce xa, o ruído das cadeas que debían aprisionarme para sempre, porque o patrimonio da mulher son os grilos da escravitude”.
Rosalía de Castro

Durante séculos a menstruación supuxo incomprensibelmente un tabú que situou a súa vivencia na superstición, o mito e o estigma social, que relega á mulher a un papel de submisión fronte ó home, unicamente sostido pola andrómena e o desconhecemento. O desprezo á realidade e á cultura propia de máis da metade da poboación supón, aínda a día de hoxe, un vestixio de irracionalidade demasiado presente para milhóns de mulheres en todo o mundo. Preto do 50% das nenas da India, desconhecen que é a regra cando lhes chega por primeira vez. Un país no que se cre que as mulheres que tenhen a menstruación son impuras e no que as sancións sociais que exclúen a estas mulheres da vida relixiosa, laboral e mesmo educativa, seguen suponhendo un motivo certo de discriminación e opresión por parte do arcaico patriarcado.
Tan só un 12% das mulheres tenhen acceso no país a compresas e panos hixiénicos e milhóns delas carecen de información adecuada sobre a hixiene menstrual, pero aínda en caso de poder seguir os conselhos máis básicos neste sentido, o 90% das mulheres hindús asegura carecer dun lugar para tirar eses refugalhos no seu centro de trabalho ou estudo. Debido a isto, moitas mulheres vense incapacitadas para poder levar a súa menstruación con privacidade e dignidade e desta forma terminan renunciando á súa formación ou os seus postos de trabalho. Isto non só supón un estigma para as mulheres, senón tamén unha traba para unha sociedade que sufrirá a longo prazo claras repercusións negativas en materia de integración e produtividade do país.
Resulta sumamente importante conhecer as vivencias das mulheres, pero para iso resulta vital de xeito evidente conhecer e reforzar o suxeito político do feminismo
Por mor do estigma asociado a menstruación, aínda na actualidade unha mulher hindú pode verse excluída das actividades relixiosas, ser sinalada e humilhada nos centros educativos ou directamente ser obrigada a apartarse das reunións da súa propia familia, mesmo poden chegar a negar-lhe actos tan triviais como cruzar un río ou simplesmente tocar unha xerra de auga polo medo a que esta resulte contaminada. Por desgraza, todas estas sancións non suponhen a parte máis irracional asociada á regra nun país no que 335 milhóns de mulheres tenhen a menstruación cada mes. Moitas delas, especialmente en contornas fortemente precarizados, son a miúdo forzadas a adoptar medidas irreversíbeis para a súa saúde a longo prazo. A dificultade para coidar da hixiene menstrual, o temor a un embarazo froito dunha violación e as complicacións que a menstruación provoca nas contornas laborais, fai que moitas mulheres na India sexan sometidas a histerectomías totalmente innecesarias e prexudiciais para as súas vidas.
Nos últimos anos, investigacións xornalísticas destaparon como no estado occidental de Maharashtra miles de mulheres foran sometidas a procedementos cirúrxicos coa intención de extirparse o útero para lograr ser empregadas como recolectoras da cana de azucre. As infeccións derivadas das pésimas condicións sanitarias das chozas nas que viven sen atención sanitaria preto dos cultivos e a común negativa dos empresarios dos distritos máis ricos no occidente do estado para contratar a mulheres, alegando que estas se ausentan durante varios días debido a complicacións relativas á súa menstruación, remata levando a miles de mulheres a tomar esta drástica decisión aconselhadas ou directamente presionadas por familiares ou doutores sen escrúpulos. Nestas condicións, a regra supón non só un estigma, senón tamén unha condena para moitas mulheres en todo o país. En tan só tres anos, no distrito de Beed producíronse máis de 4.605 histerectomías. Moitas delas exercidas contra mulheres de menos de 40 anos que desconhecían totalmente as posíbeis complicacións derivadas dun proceso tan agresivo como innecesario para os seus corpos.
En 2019 as denuncias por agresión sexual incrementáronse nun 10,5% pese ó caso “La Manada”, os multitudinarios 8 de marzo ou a forza política e institucional do feminismo
A falta de información, a práctica inexistencia de políticas desenhadas para a xestión da hixiene menstrual, a precariedade das infraestruturas e a irresponsabilidade médica aderezada coa mera superstición que pretende dar solución con agresivas cirurxías a problemas xinecolóxicos menores que en occidente poderían ser tratados con simples medicamentos, condenou a milhóns de mulheres a unha vida de dores persistentes e diversas síntomas con graves consecuencias sobre a saúde de mulheres e nenas que en demasiadas ocasións reamata incapacitadas para os duros trabalhos físicos que suponhen a súa única vía de acceso a un salario.
Por desgraza a discriminación e a superstición asociada á menstruación non supón unha actitude social circunscrita de maneira exclusiva á República da India. Desde o absoluto tabú que supón o tema en Malawi, pasando pola mera superstición que fai que en Tanzania aínda se siga crendo que unha persoa que vexa sangue menstrual quedará maldita ou que en Xapón se considere que a regra pode influír na preparación de alimentos, a menstruación segue suponhendo na actualidade uno dos grandes motivos polos que as mulheres de todo o mundo se ven sometidas a un trato discriminatorio e vexatorio. Tamén no suposto occidente capitalista e desenvolvido, o sangue procedente da matriz que todos os meses evacúan naturalmente as mulheres, segue suponhendo en moitos casos un motivo de vergonha e desconhecemento, ademais dun claro factor de desigualdade social e económica.
Non en balde, o maior prezo que comunmente se aplica a algúns produtos femininos, a conhecida como ‘taxa rosa’, pode facer que estes produtos cheguen a ser entre un 50 e un 60% máis caros que os seus homólogos masculinos. Un sobreprezo que ten tamén o seu efecto sobre os produtos de hixiene menstrual e que converte nun luxo o que sen dúbida supón unha necesidade. Segundo informes do Instituto da Mulher, as mulheres espanholas pasan uns 36 anos da súa vida coa regra, uns 13 períodos por ano, o que supón 468 períodos, catro días de media por cada un deles, un total 1.872 días. Máis de cinco anos da vida dunha mulher coa regra, o que equivale a unha media de 7.000 euros dedicados a produtos de hixiene que no noso estado están gravados cun 10%, o mesmo IVE que o caviar.
O tabú sobre a menstruación non só supón un control directo da experiencia social da mulher, senón que afecta tamén á súa capacidade reprodutiva e ó seu propio corpo. Lonxe de suponher meramente arcaicos remanentes culturais sen valor algún dos que non queren desprenderse certas sociedades «non tan desenvolvidas», o estigma máis ou menos directo sobre a regra vén responder simplesmente a diferentes etapas ou evolucións da mesma dinámica de opresión patriarcal sobre a mulher. Dinámicas de submisión que por outra banda son tan diversas entre si como o poden ser o matrimonio infantil ou a ablación do clítoris, aínda que todas elas comparten un mesmo obxectivo común: someter baixo o dominio masculino á mulher.
As formas de discriminación e opresión sufridas polo simple feito de ser muller, varían de forma sádica ao longo e ancho do planeta
O matrimonio infantil trátase aínda nos nosos días dunha práctica común en países como Chad, República Centroafricana, Bangladesh, Guinea, India, Somalia ou Nixeria. Un problema de amplas dimensións que ademais de suponher un flagrante atentado contra os dereitos humanos e impedir a liberdade física de miles de nenas, adoita esconder de forma xeneralizada o abuso sexual e a explotación de menores.
Milhóns de familias en todo o planeta, pero de forma máis focalizada en África Occidental e Central, ademais de en Asia Meridional, consideran a miúdo ás filhas como meras mercadorías ou cargas que soportar como consecuencia do sexismo xeneralizado e as tradicións que o cimentan. Debido a esta visión mercantilista e patriarcal, cada dous segundos unha nena contrae matrimonio no planeta antes de cumprir os 18 anos, preto de 15 milhóns de nenas que son forzadas cada ano para contraer matrimonio e a ver dese modo trastornado definitivamente o seu futuro. A miúdo, naquelas rexións nas que a noiva paga un dote á familia do noivo esta adoita ser menor canto máis nova é a futura mulher, polo que existe un claro incentivo nas familias para casar ás súas filhas sendo aínda nenas. Mentres que no caso de que sexa o pretendente home o que deba pagar un dote, as filhas adoitan ser vistas e utilizadas simplesmente como mercadorías facilmente intercambiábeis por dinheiro en tempos de necesidade.
Os homes adultos destas rexións adoitan facer uso desas tradicións para garantirse o acceso a mulheres moito menores que eles, en moitas ocasións directamente nenas. A crenza de que o matrimonio garante un futuro ás súas filhas ou o medo para sufrir un embarazo non desexado en contornas nos que resulta habitual a violencia sexual, supón á súa vez outros dos grandes motivos para que se produzan matrimonios infantís. Por desgraza, é eses mesmos matrimonios, a violencia sexual, física e emocional, adoita resultar habitual por parte do home.
O matrimonio infantil non só nega a posibilidade de decidir con quen casar e en que momento facelo a milhóns de mulheres, o claro aumento de probabilidades de quedar embarazadas, a falta de liberdade para relacionarse con persoas da súa mesma idade e a redución das oportunidades para recibir unha educación, condena a gran parte destas nenas a unha vida recluída ó trabalho doméstico e á explotación física e sexual por parte de quenes din ser os seus maridos, pero non son outra cousa que os seus posuidores.
A falta de información ou capacidade de decisión sobre a súa propia saúde sexual e reprodutiva, fai que aproximadamente 16 milhóns de nenas de entre 15 e 19 anos dean a luz cada ano, moitas delas terán o seu primeiro embarazo antes de que os seus corpos maduren, aumentando con iso considerabelmente o risco de morte e morbilidade materna e neonatal. Nos países en desenvolvemento o acceso ós servizos de saúde sexual e reprodutiva resulta practicamente inexistente, polo que as complicacións derivadas do embarazo ou o parto adoitan situarse entre as principais causas de morte entre as adolescentes. Tamén as infeccións de transmisión sexual suponhen unha das causas de complicacións médicas entre nenas que carecen da información acerca de como protexerse das mesmas ou mesmo de como reaccionar fronte abusos sexuais e relacións abusivas. O matrimonio infantil supón un claro mecanismo patriarcal en busca da negación do empoderamento da mulher e a imposición do rol de submisión a través das futuras xeracións.
Quizais non exista maior translación material da realidade social desta imposición irracional e sumamente violenta contra o corpo das mulheres que supón o patriarcado que a mutilación xenital feminina. Asentada en falsos estereotipos encaminhados a imponher unha clara e permanente disciplina de raíz falocrática sobre as mulheres e lograr así asentar unha estrutura discriminatoria para as nenas desde o seu nacemento, a ablación xenital consiste nun procedemento no que os tecidos dos órganos xenitais da mulher son lesionados ou directamente eliminados de forma parcial ou total, co único fin de poder chegar a controlar os desexos e as condutas sexuais das mulheres antes e durante o matrimonio.
Sen que nin moito menos tal arcaica e innecesaria práctica poida chegar a garantir eses irracionais obxectivos, a extirpación ou lesión dos seus órganos xenitais, por razóns non médicas, afecta na actualidade a máis de 200 milhóns de mulheres en todo o mundo. Este aberrante hábito cultural non só provoca graves problemas de saúde física e mental que incide nas vítimas de forma permanente, senón que ademais repercute nelas imposibilitando o normal desenvolvemento das súas relacións afectivas ou sexuais. A ablación xenital feminina converte ás mulheres mediante a mutilación en seres con serios problemas para poder chegar a experimentar desexo ou pracer. Na actualidade unha de cada 20 nenas sofren algunha forma de mutilación xenital feminina segundo as cifras achegadas por Nacións Unidas, cada ano tres milhóns de nenas menores de 15 anos son condenadas en todo o mundo mediante este cruel método a sufrir períodos irregulares, problemas de vexiga, recorrentes infeccións e en moitos casos para verse obrigadas a poder dar a luz unicamente a través dunha cesárea.
Para a mulher este mundo segue sendo un lugar perigoso e hostil debido á estrutura patriarcal e ós roles de xénero claramente desenhados para perpetuar a submisión da femia humana ós designios do machismo máis rancio
Pero non só o pracer está regulado pola violencia e a imposición cultural e física do patriarcado, cando se nace mulher, cando se é mulher, incluso a vida e a capacidade para reproducila atópase directamente ameazada. A pesar de que o aborto inseguro se sitúa como unha das principais causas de mortalidade e morbilidade maternas e a que segundo estudos do Instituto Guttmacher -organización sen ánimo de lucro do campo da saúde reprodutiva con sede en Estados Unidos– a taxa de abortos sexa de 37 por 1.000 persoas nos países nos que o aborto se atopa totalmente restrinxido ou se permite só en caso de risco para a vida da mulher e do 34 por 1.000 persoas nos países que o permiten en xeral –o que viría demostrar que a diferenza entre ambos os supostos é totalmente insignificante a pesar de aplicación de medidas restritivas– a lexislación sobre o aborto non supón aínda a día de hoxe unha realidade certeira no mundo e segue aplicándose nos diferentes estados de forma complexa e diversa. En pleno 2020 países europeos como Andorra, Malta ou O Vaticano e outros como Nicaragua, República Dominicana ou O Salvador, condenan ás mulheres por abortar mesmo en caso de sufrir unha violación. Sendo neste sentido O Salvador un dos países máis restritivos do mundo, con penas que poden chegar ata 30 anos de cárcere para as mulheres que deciden interromper voluntariamente o seu embarazo.
Segundo datos da Organización Mundial da Saúde, cada ano tenhen lugar preto de 22 milhóns de abortos inseguros e preto de sete milhóns de mulheres son atendidas en centros sanitarios por complicacións derivadas dunha interrupción voluntaria do embarazo considerada médicamente insegura. O que remata derivando en que entre 8 e 15 por cento da mortalidade materna se deba a causas que poderían ser facilmente evitábeis e están relacionadas directamente co embarazo ou o parto. As mortes e lesións causadas por abortos son moito máis comúns en países en vías de desenvolvemento nos que o acceso ó aborto está limitado ou prohibido por completo: nos países que dunha ou outra forma o aborto atópase completamente penalizado ou se permite unicamente para salvar a vida da mulher ou preservar a súa saúde física, só 1 de cada 4 abortos tivo lugar de forma segura, mentres que esta cifra aumenta de forma drástica a 9 de cada dez no caso de países nos que o aborto é legal en supostos máis amplos.
Nos estados nos que o aborto é legal, o risco de morte redúcese practicamente a cero, evidenciando de forma clara que unicamente garantindo que as mulheres poidan interromper o seu embarazo de formar libre, legal e segura, poderanse evitar no futuro as mortes relacionadas directamente co embarazo ou o parto. Tal e como demostran de forma clara os datos estatísticos, penalizar o aborto non impide que este se produza, só logra que este sexa menos seguro.
O primeiro país en que as mulheres conquistaron o dereito ao aborto baixo calquera circunstancia foi a Unión Soviética, en 1920. Como parte das conquistas da revolución socialista de 1917, o estado obreiro comprendeu as reivindicacións das mulheres neste sentido e reconheceu o dereito da mulher a non morrer por abortos clandestinos, converténdose nunha práctica que podía realizarse en calquera centro de saúde público. A revolución socialista marcaba un caminho que en 1965 seguiría Cuba como parte das conquistas da revolución comandada por Fidel Castro, pero habería que esperar décadas para que outros países de Europa e o mundo tomasen exemplo. Tan só 50 anos despois en plena segunda onda do movemento feminista, Estados Unidos e outros países de Europa avanzaron neste sentido, aínda que hoxe o aborto segue suponhendo un territorio de marcada guerra cultural, política e legal en Estados Unidos, un país no que sen dúbida este tema supón un asunto recorrente nas campanhas electorais e no que as mulheres ven a miúdo ameazados os seus dereitos neste sentido polas campanhas antiabortistas directamente dirixidas ás mulheres que acoden ás clínicas e polo peche estes centros abortivos debido á continua presión institucional dos estados máis conservadores.
A causa da dor, o sufrimento e a opresión sufrida por milhóns de mulheres cada ano no mundo, resulta agora ofensiva ou ferinte para quen non só parecen renegar da tradición feminista, senón que tamén o fan do propio suxeito do feminismo
Na Galiza, o aborto foi legalizado por primeira vez durante a Segunda República Espanhola, aínda que debido á guerra civil e á posterior ditadura fascista, este dereito veríase pronto revogado. Actualmente, a lei do aborto aprobada en 2010 durante o mandato de José Luis Rodríguez Zapatero, permite que unha mulher poida abortar no estado espanhol ata as 14 semanas de xestación –22 semanas en determinados casos por enfermidade– independentemente do motivo. A lei impulsada polo Partido Socialista, legalizaba tamén o aborto para mozos de entre 16 e 17 anos, pero unha modificación do Partido Popular en 2015 fixo obrigatorio requirir o consentimento parental. Non esquezamos que foron precisamente os conservadores os impulsores do proxecto de lei de Gallardón, o cal pretendía mudar o paradigma do aborto en Espanha para pasar dun suposto de prazos a un de supostos, concretamente dous: as mulheres poderían abortar se foran violadas ou se existía un «menoscabo importante e duradeiro» para a súa saúde física e psíquica ou a do feto. A pesar de considerarse un avance sólido e irreversíbel para as mulheres, non debemos de esquecer que en países como Chile o aborto segue suponhendo na actualidade unha das principais loitas para o movemento feminista no medio dunha onda reaccionaria de populismo.
As formas de discriminación e opresión sufridas polo simple feito de ser mulher, varían de forma sádica ó longo e ancho do planeta. Máis de cen escolas destruídas polos talibán no distrito de Swat, no noroeste de Paquistán, como forma de presión para evitar a educación das nenas, taxas de alfabetización menores ao 17% entre nenas de 15 e 24 anos en Níxer, unha mulher morta cada media hora por dar a luz sen asistencia médica durante o parto en Afganistán, a prohibición do divorcio en Filipinas ou o Vaticano ou directamente a realidade social para as mulheres de Arabia Saudita, ese socio da OTAN no que só en 2011 se aprobou o voto feminino e houbo que esperar a 2018 para que as mulheres puidesen conducir. Un reino da península arábiga no que aproximadamente 65% das mulheres con educación están desempregadas polas restricións para acceder ó mundo laboral, dado que só poden trabalhar, estudar, iniciar unha relación sentimental ou sacarse o pasaporte para viaxar se o seu gardián acepta tal cousa. Un país rexido por un réxime teocrático no que as mulheres deben vestir o manto de abaya, unha túnica que cobre todo o corpo menos a cara e as mans.
Para a mulher este mundo segue sendo un lugar perigoso e hostil debido á estrutura patriarcal e ós roles de xénero claramente desenhados para perpetuar a submisión da femia humana ós designios do machismo máis rancio. Segundo datos proporcionados por Nacións Unidas, cada día son asasinadas unha media de 137 mulheres ó redor do mundo pola súa parelha ou un membro da súa familia. O 35% das mulheres do planeta sufriron violencia física e/ou sexual por parte dun companheiro sentimental ou violencia sexual por parte doutra persoa distinta ó seu companheiro sentimental e preto dun 70%.
As mulheres adultas representan máis da metade das vítimas de trata de seres humanos detectadas a nivel mundial, uns 15 milhóns de mulheres de entre 15 e 19 anos foron obrigadas a manter relacións sexuais forzadas e un estudo realizado en 27 universidades dos Estados Unidos en 2015 revelou que o 23 por cento das estudantes universitarias fora vítima de agresións sexuais ou condutas sexuais indebidas. Á súa vez, unha de cada dez mulheres da Unión Europea declara sufrir ciberacoso desde a idade de 15 anos, o que inclúe recibir correos electrónicos ou mensaxes de texto non desexados, sexualmente explícitos e ofensivos, ou ben intentos inapropiados e ofensivos nas redes sociais. O risco é maior para as mulheres novas con idades comprendidas entre os 18 e os 29 anos. Os resultados dun estudo nacional efectuado en Australia demostran que case duas de cada cinco mulheres (39 por cento) de 15 ou máis anos de idade que participaron no mercado laboral durante o últimos cinco anos foron vítimas de acoso sexual no lugar de trabalho nese período. Nun estudo plurinacional realizado en Oriente Medio e África do Norte, entre o 40 e o 60 por cento das mulheres declarou sufrir acoso sexual na rúa. Mentres que na India rexístranse polo menos tres ataques con ácido á semana.
Durante séculos a menstruación supuxo incomprensíbelmente un tabú que situou a súa vivencia na superstición, o mito e o estigma social que relega á mulher a un papel de submisión fronte ó home
En Rusia unha mulher é asasinada cada 38 minutos, mentres que cunha taxa de 1,6 por cada 100.000 habitantes, América Latina é a segunda rexión con máis risco de mortalidade para as mulheres despois de África. No estado espanhol, desde 2010 foron asasinadas máis de 1000 mulheres a mans do terrorismo machista e durante o pasado ano denunciáronse máis de 1.000 agresións e abusos sexuais cada mes.
En 2019 as denuncias por agresión sexual incrementáronse nun 10,5% pese ó caso da Manada, os multitudinarios 8 de marzo ou a forza política e institucional do feminismo. A pesar de todo iso, ou quizais precisamente debido a esa demostración de forza e fartura coa situación de submisión e indefensión á que o machismo institucional e social pretende relegar ás mulheres, a reacción patriarcal móstrase cada vez máis desproporcionada no uso da violencia, pero isto non fai senón sinalar claramente que o patriarcado é débil canto máis forte é o feminismo, canto máis directamente se atacan as súas estruturas de reprodución social. Resulta sumamente importante conhecer as vivencias das mulheres, pero para iso resulta de xeito evidente vital conhecer e reforzar o suxeito político do feminismo. Non se trata dunha tarefa baldía ou que poida abandonarse para primar calquera outro interese que pode atoparse máis ou menos relacionado coa batalha pola igualdade e os dereitos das mulheres, pero que con todo non recae sobre os ombreiros do feminismo.
Obríganas a casar, son estigmatizadas, impídeselhes decidir sobre o seu corpo e sobre a súa sexualidade, négaselhes o acceso á educación e os dereitos máis básicos, viólanas e asasínanas polo feito de ser mulheres. Pero mesmo hoxe, chegar a afirmar isto, pasou de ser unha obviedade para calquera persoa comprometida coa loita feminista a ser considerado por moitos e mesmo moitas como unha afronta imperdoábel, algo que non debe pronunciarse, en definitiva un novo tabú. A causa da dor, o sufrimento e a opresión sufrida por milhóns de companheiras cada ano no mundo, resulta agora ofensiva ou ferinte para quen non só parecen renegar da tradición feminista, senón que tamén o fan do propio suxeito do feminismo. Renegan en definitiva da mulher. Hoxe o machismo avanza na súa axenda de sometemento envolto no falso veo do progresismo e as doutrinas do xénero, un curioso disfrace tecido con cinismo na propia opresión patriarcal que sustenta o cárcere das mulheres.