“Galicia só merecerá respecto cando abandonemos a nosa mansedume”
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Organizados a través de improvisados grupos de WhatsApp, mediante un rudimentario coador rescatado dun armario perdido nalgunha casa obreira ou simplesmente coas mans cubertas por unha luva, froito da laboriosa cadea de produción na que, en condicións normais, remataría o maldito material que hoxe tentan erradicar das nosas praias. Sen unha noción clara acerca dos futuros efectos adversos sobre o corpo humano ou sobre o mellor modo de evitar posibles danos colaterais sobre a contorna na que numerosos voluntarios exercen nestas primeiras horas unha desesperada acción ante a neglixencia e a desvergoña das institucións galegas e españolas. Con vontade, unha certa dose de inconsciencia e seguramente vítimas dun profundo desencanto, tras comprobar que pasaron os anos, pero que realmente poucas cousas mudaron cando as verteduras deste sistema ameazan a nosa terra. A nosa saúde, o noso fogar.
Polo menos desde o pasado 13 de decembro, parte do litoral galego viuse tinguido de branco tras a aparición de grandes cantidades de pellets de plástico nas nosas praias. Aparentemente, todos eles procedentes dun accidente, no que un barco baixo bandeira de convenencia de Liberia perdía seis contedores. Un deles cargado con millóns destes microplásticos. Vinte e dous anos despois do naufraxio do “Prestige” fronte ás nosas costas, contaminando extensas áreas do litoral e causando graves danos aos ecosistemas mariños, no considerado maior desastre ambiental da nosa historia. Tras o “Mar Exeo” (1992), o “Casón” (1987) e o “Urquiola” (1976), nada parece mudar
A fraxilidade de corredores marítimos como o de Fisterra e o egoísmo e desprezo pola nosa terra de armadores unicamente embutidos na dinámica cainita, froito do sistema capitalista, no que todo se pode mercar e todo ten un prezo, volven lanzar sobre as nosas costas o froito maldito dunha modernidade mal entendida e unha industria apicada de costas ao ser humano. Unicamente enfocada ao maior sacrificio no altar do máximo beneficio económico.
Hoxe, como onte, as respostas políticas chegan mal e tarde. Os silencios tentan ocultar as evidentes responsabilidades e os cruces de acusacións entre meras marionetas deste modelo económico, responden exclusivamente o interese dos marionetistas. Mentres tanto, o veleno expándese cada vez por máis puntos do noso litoral, ocupando territorios, espazos e corpos dos que xa dificilmente poderá ser xamais extraído.
Os sacos de 25 quilos, aparentemente propiedade da empresa polaca Bedeko Europe, mostran nos nosos areais a clara hipocrisía daqueles que insisten en que utilices popotes de millo para consumir as túas bebidas, non adquiras bolsas refugables na túa compra ou optes por bastonciños para os oídos de bambú. Eses que hoxe gardan un moi oportuno silencio fronte un novo desastre ambiental. As mesmas voces, os mesmos rostros que nestes intres fan cálculos electorais de cara a tentar adiviñar como poderá afectar isto a súa cada vez máis exigua cota poder e descolgan o teléfono unicamente para tentar tranquilizar aos donos deses roteiros comerciais nos que se converteron as nosas costas. Nada vai mudar, todo seguirá igual de rendible para eles, igual de arriscado, igual de nefasto para as nosas vidas.
Mediante un rudimentario coador, simplesmente coas mans cubertas por unha luva de plástico e sen unha noción clara acerca dos posibles efectos adversos. Así combatemos as consecuencias dun novo desastre, alleos á necesidade de mudalo todo. Alleos á urxente necesidade de botalos das nosas institucións, as nosas praias, as nosas vidas. A urxente necesidade de deixar atrás este sistema económico. No fondo do noso ser, somos conscientes de que só deste xeito poderemos evitar un novo decembro no que recibir veleno nas nosas costas. Só así poderemos evitar a cruel depredación do noso fogar, baixo a tutela española ou o espolio dunha bandeira de conveniencia izada nun ferro vello flotante entre tantos outros que sucan as nosas costas.
Mentres tanto, só queda acumular miseria tras miseria, cribalo sobre algún coador caseiro e escollelo cunha pinga de bile nas nosas entrañas, despois esperar a que desde o goberno central ou o ministerio de colonias decidan recollelo e volta a empezar, seguir igual, esperar ao próximo desastre ambiental, indignarse, actuar, protestar en redes, mobilizar á xente, lanzándonos con anhelo en pos do día en que todo poida mudar. Pero non sucederá, porque non importa canto dano fagan ou canto parezan arrepentirse, nunca teñen suficiente, non importa a frecuencia coa que se produzan estes desastres e o moito que fodan a vida da xente, sempre teñen que reducir as medidas de seguridade, aumentar os beneficios e volvelo facer todo outra vez. Ese é o sistema no que vivimos, ese é o teu verdadeiro inimigo.