«Un día chegan uns homes ó bosque e plantan un poste de telégrafos. As árbores acollen con sorpresa a chegada do novo invitado, pois consideran que é un máis entre eles. Séntense cegados polo seu aspecto: consideran que os fíos telegráficos son as súas ramas interminabeis; froitos os aisladores de cristal, tronco esvelto e liso, o poste froito de carpintería. Estas árbores son seres bondadosos e inocentes, ós que lles gusta abrigar niños de paxaros entre as súas ramas, cantar melodías que imitan o fragor do mar contra as rocas, a marcha dun tren de vapor ou o murmurio do vento, e convidan o poste telegráfico a realizar este tipo de cousas para que se sinta como un máis deles».
O bosque animado, Wenceslao Fernández Flórez

Máis de 10.700 hectáreas calcinadas segundo datos oficiais, aldeas enteiras pasto das chamas, decenas de vivendas, vidas truncadas e xoias como o museo etnográfico courelá reducidas nun dicir amén a meras cinzas.
Galiza posúe aproximadamente un millón e medio de hectáreas forestais distribuídas na súa maior parte en minifundios privados, que fan do bosque galego un conglomerado de pequenas parcelas desorganizadas, unicamente homoxeneizadas pola negra sombra do eucalipto. Unha omnipresente especie invasora que ó longo dos anos transformou a superficie forestal do país nun baldío inflamábel, destinado especialmente á intensiva explotación capitalista da coñecida árbore gasolina. Si a isto lhe sumamos a realidade dun rural totalmente abandonado á súa sorte e unha flagrante falta de prevención e abandono dese medio por parte da Xunta de Galicia, o resultado é unha selva de maleza convertida nun escenario perfecto para os incendios forestais.
Certamente, os detonantes destes grandes incendios son diversos. Aínda que posiblemente entre todas elas destaque especialmente a rápida perda de conciencia acerca do rural e a súa profunda incomprensión por parte dunhas autoridades, que no mellor dos casos, unicamente contemplan o mesmo como unha contorna libre para a especulación e a explotación económica cortoplacista e sen planificación algunha. Cando o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou o desaloxo de máis de 30 núcleos de poboación debido ós incendios, con total seguridade permanecía en gran medida alleo á situación real dos máis de 500 evacuados na provincia de Lugo ou os 200 veciños que debían deixalo todo atrás en Ourense. Politicamente, tan só se trataba de cifras, pero tras elas escondíase vidas.
As vidas de persoas que vían como tras o abandono dos seus núcleos de poboación por parte das diferentes institucións, tras décadas de servizos básicos negados ó rural galego, tras o acoso e derribo ás súas formas de vida e a impotencia de ver como os sectores produtivos das nosas aldeas eran esquecidos por aqueles que nunca creron no seu inmenso potencial para o noso país, agora o lume convertíase na sentenza final para a súa forma de vida, para o pulmón e o corazón da nosa terra.
Arma política, xanela á especulación ou a privatización da nosa terra, terreo para a explotación enerxética ou mero entretemento cinexético, sexa cal for a versión coa que o Partido Popular contempla ó rural galego, atópase moi afastada da urxente necesidade dun rural vivo, un medio tradicional para potenciar a riqueza e a saúde do noso propio país
Curiosamente, cando o lume era un elemento común no rural galego, cando os labores de limpeza dos nosos montes e mesmo os terreos agrícolas eran pasto das chamas de forma controlada polos seus veciños, os grandes incendios non supuñan unha constante para os nosos bosques. O rural vivo, o que durante séculos supuxo o principal aceno de identidade territorial da Galiza, era un rural engraxado dentro da súa profunda desorganización e división, un medio coidado e protexido polos seus propios habitantes, quenes vían na súa contorna inmediata non só unha fonte económica, senón tamén un fogar, unha parte irrenunciable da súa identidade.Ese supón o motivo principal polo que a ninguén que coñeza medianamente a dinámica do rural galego poderíaselle pasar pola cabeza sinalar ao conxunto dos seus veciños ou ós seus costumes como posibles causantes de incendios de tal magnitude. O cambio climático, o propio abandono do campo e o caótico desenvolvemento urbanístico, totalmente alleo á tradicional distribución do terreo na Galiza, resultan motivos de peso que provocaron que os incendios en terras galegas tórnense especialmente virulentos e incontrolables.
De igual modo que temos que falar de pirómanos cando existen persoas que intencionadamente plantan lume ós nosos montes, tamén debemos facelo de políticas incendiarias cando estas son en parte responsables da gravidade da situación. Unhas políticas que nos deixan a ilustrativa imaxe dun AVE detido polo efecto das chamas cando abandonaba a nosa terra con destino á capital de Espanha. Unha viaxe que fala do abandono do rural, da fuxida e o profundo espolio da nosa terra.
As repetitivas denuncias pola falta de contratación de persoal en plena alerta de incendios, a laxitude á hora de aplicar a normativa en vigor e a rápida privatización de parte dos labores contra incendios, son só algunhas das causas polas que a día de hoxe xa podemos comezar a falar de responsabilidades políticas tras unha nova onda de destrutivos incendios na Galiza. Non basta con culpar ó cambio climático, un goberno galego cuxa xestión prometía labores antiincendios «máis eficientes» e «máis baratas» e que, con todo, terminou facendo das brigadas un negocio, ademais dunha arma electoral, debe asumir profundas e inmediatas responsabilidades.
Certamente, os detonantes destes grandes incendios son diversos. Aínda que posiblemente entre todas elas destaque especialmente a rápida perda de conciencia acerca do rural e a súa profunda incomprensión por parte dunhas autoridades, que no mellor dos casos, unicamente contemplan o mesmo como unha contorna libre para a especulación e a explotación económica cortoplacista e sen planificación algunha
A precariedade dos Brigadistas do Seaga e a «mala formulación» da política rural por parte do Goberno autonómico, son a cara visíbel dunha política forestal deseñada durante o pasado século desde Madrid por unha dereita que ó longo do tempo centrouse exclusivamente en favorecer os intereses das multinacionais espanholas da industria da pasta de papel e máis recentemente a un sector enerxético descontrolado no seu ordenamento na Galiza.
A posta en marcha polo Partido Popular dunha «Lei de Montes» que facilita a recalificación de terreos queimados pasados 30 anos –tempo máis que asumíbel para a especulación empresarial– e directamente abre a porta á privatización dos montes públicos para cultivos forestais intensivos, supón simplesmente un paso máis nunha serie de políticas altamente irresponsábeis dos populares espanhois na nosa terra. Actuando como un partido autárquico nas súas formulacións, o Partido Popular xactábase coas súas actuacións de desprezar ás organizacións ecoloxistas, sindicais e numerosos expertos que lle indicaban desde hai varias semanas que a súa política contra os incendios na Galiza estaba de novo profundamente equivocada. Tan só foron necesarias as fatídicas e xa soadas condicións de 30 graos de temperatura, menos do 30% de humidade e ventos de máis de 30 quilómetros por hora, para desgraciadamente darlle a razón ó mundo no seu litixio contra o Partido Popular Galego.
Aínda recordo, facendo un pouco de memoria, a precampaña das eleccións municipais de 2007, cando o que é hoxe ex presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, utilizou sen pudor algún ás vítimas do lume como arma arroxadiza para criticar a xestión do goberno do bipartito na Galiza. «Con nosotros no moría gente en los incendios, y con ellos, cuatro personas» declarou entón o presidente dos Populares galegos durante o mesmo o verán de 2006 no que o PP da Coruña ditou ós seus alcaldes a instrución de pospor a constitución das brigadas contra incendios para poder acusar o Goberno de PSdeG e BNG de lentitude na súa xestión. Unha decisión claramente politizada, que saíu á luz mediante unha misiva asinada por quen sería a futura alcaldesa de Betanzos, María Faraldo, e que estalou na cara da Xunta cando tamén o seu mandato se tinguiu de morte polo lume.
Arma política, xanela á especulación ou a privatización da nosa terra, terreo para a explotación enerxética ou mero entretemento cinexético, sexa cal for a versión coa que o Partido Popular contempla ó rural galego, atópase moi afastada da urxente necesidade dun rural vivo, un medio tradicional para potenciar a riqueza e a saúde do noso propio país e a nosa terra. Por iso resulta urxente recuperar o noso propio destino como pobo, a nosa soberanía política e ser conscientes con todo isto de que non existe ouro nos bancos que poida pagar a beleza e a vitalidade dun monte tinguido co verde das nosas árbores tradicionais. Por todo isto, lumes nunca máis.