“Soamente preservando as nosas enerxías autóctonas, a nosa capacidade creadora, é como poderemos contribuír á civilización universal incorporando a ela as nosas creacións inéditas.”
«Se aínda somos galegos e por obra e graza do idioma.»
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
«¡Casteláns de Castela, / tratade ben ós gallegos: / cando van, van como rosas; / cando vén, vén como negros! /… Van probes e tornan probes, / van sans e tornan enfermos, / que anque eles son como rosas, / tratádelos como negros.»
Rosalía de Castro
A linguaxe, un mecanismo polo que somos o que somos. Unha arma contra o esquecemento, unha ferramenta para lograr crecer, evolucionar e poder legar os nosos esforzos e o global da nosa experiencia ás xeracións futuras. Un símbolo común, un sonho compartido, un recordo constante, un paso decidido ao futuro.
Resulta recorrente o debate en redes acerca da imposición do galego, unha elaborada teoría baseada na suposta politización do seu uso levada a cabo por terroristas galegofalantes sen compaixón e as trabas e impedimentos que a poboación foránea atopa na súa experiencia diaria na Galiza. Presidentes incapaces de conxugar as súas intricadas formas verbais, turistas presuntuosamente perdidos debido á súa rebelde toponimia e trabalhadores públicos pouco menos que escravizados ata lograr conhecer o uso básico do idioma materno dun pobo no que pretenden trabalhar ao longo da súa vida. Algo quizais compresíbel para nenos que alcanzan o seu dominio en primaria, pero de xeito evidente insufríbel para aqueles que pretenden sacar adiante unha oposición.
Non imos deixar que sexa na terra nai do galego onde o noso idioma común desapareza
Contan as malas linguas que nin a valerosa e castellanoparlante Gloria Lago logrou civilizar ás recónditas aldeas de irredutibles galaicos que a cotío resisten por obra e graza do seu idioma os intentos apenas disimulados de colonización cultural desde a suposta imparcialidade e o cínico e incomprensíbel recurso a unha falsa racionalidade para tentar imponher unha visión única e uniforme de evolución cultural. Pouco lhes importa a estes inhorantes, féridos e duros o descenso inusitado de falantes do idioma galego nos núcleos urbanos, o seu descenso igualmente alarmante entre a mocidade, a poboación xeral da Galiza ou a súa soterrada sanción en numerosas institucións públicas e especialmente no campo académico. Non sacia o seu ánimo de imposición a realidade dun idioma que sobrevive en práctica situación de lingua estranxeira entre a súa propia poboación, nin a súa exclusión de cada vez máis sectores vitais para o desenvolvemento común dun pobo. Pretenden devolvernos a unha longa noite de pedra nesta ocasión de forma definitiva, pretenden domarnos e castrarnos cernando o noso acervo común. Aquilo que a pesar da súa inusitada e prolongada invención da historia, a súa ocupación militar e a súa represión policial, permitiunos seguir vivos e libres.
E resulta curiosa por tanto o alienamento mental daqueles que desde a suposta esquerda repiten os velhos mantras da ditadura fascista para tachar de vítima ao vitimario, para falar de opresión por parte do oprimido. Resulta ridículo ter que argumentar fronte a eles a necesidade dun idioma vivo e propio na nosa saúde pública, os nosos centros de ensino ou nos nosos bares e rúas. Resulta abafante buscar palabras apenas perdidas para narrar a vergonha sometida que sobrevive en gran parte da nosa poboación que aínda hoxe considera que no banco debe falarse en castelán ou que non se pode usar con preferencia o idioma galego cando non se está na aldea. Resulta triste e abafante perder o tempo en lembrar os velhos tics de sanción franquista cando a nosa propia lingua cantouse ante reis, narrou gloriosas batalhas e aínda hoxe sobrevive con boa saúde entre unha comunidade lingüística de milhóns de falantes ao redor do mundo.
Non sacia o seu ánimo de imposición a realidade dun idioma que sobrevive en práctica situación de lingua estranxeira entre a súa propia poboación
E é por iso que non imos deixar que sexa na terra nai do galego onde o noso idioma común desapareza, non o imos permitir porque nos apoia a razón, porque o noso dereito para expresarnos, ser atendidos nas institucións públicas ou poder gozar da nosa cultura en galego, non depende das vosas apetencias, necios caprichos ou aparentemente pétreos privilexios. Tal e como a dinastía filipina foi incapaz de erradicar a nosa voz das fronteiras portuguesas, tampouco os Borbóns nin as súas raíces estendidas ao longo do estado espanhol poderán erradicar o uso do idioma galego do noso propio pobo. E por iso hoxe, o día das letras galegas, quero dedicar estas humildes verbas ao combate contra a opresión cultural, a denunciar a constante imposición dun idioma alheo que quere borrar as nosas propias pegadas e o sinalamento do indigno respaldo a esta empresa levado a cabo por aqueles que con cínico sorriso din ser demócratas, mentres pretenden someter a un pobo.
«Ai neniña, en galego nunca s’escribiron os recibos das contribucions.“
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao