Fidel eterno

«Ese é o pobo, o que sofre todas as desdichas e é por tanto capaz de pelexar con toda a coraxe! A ese pobo, cuxos caminhos de angustias están empedrados de enganos e falsas promesas, non lhe iamos dicir: «Imos dar», senón: «Aquí tes, loita agora con todas as túas forzas para que sexan túas a liberdade e a felicidade!»

La Historia me absolverá

Fidel sobreviviu a máis de 600 plans de asasinato por parte da intelixencia estadounidense e pouco podían imaxinar naquel entón, os que con tanto empenho tentábano asasinar, que non se podería facer desaparecer a súa semente. Iso supuxo Fidel Castro para moitos: un líder, un revolucionario, un combatente; pero ante todo, un mestre e unha semente de esperanza para os que algunha vez se sentiron oprimidos por un mundo, que a pesar da crueldade das revolucións, as fai parecer xustas e necesarias ante os olhos dos máis desfavorecidos. Un mundo e unha realidade que mudou moito desde o asalto ó cuartel Moncada, a partida do Granma, a infinidade de travesías na montanha ou os tempos do período especial. Un mundo que baixo a mirada de Fidel Castro viviu realidades como o fin do réxime do apartheid, o final da guerra fría ou o iniciou da que sería chamada guerra contra o terror. Onde infinidade de personalidades adaptaron a súa biografía e o seu pasado ós novos tempos, pero onde ó comandante Fidel Castro seguiríaselhe xulgando sempre baixo a lupa dun conflito xa esquecido e que ata hoxe, aínda afoga á ilha cun bloqueo inquebrantábel.

Sen dúbida, son moitas as miradas coas que un pode achegarse á realidade de Cuba e con iso en certa medida ó legado dos Castro e a revolución. Moitos datos, moitas realidades e non menos mentiras e manipulacións vertidas nunha guerra eterna entre dúas concepcións diferentes do mundo.

Ninguén que hoxe critique a Fidel Castro debe esquecer o motivo do inicio da súa loita. Unha razón, nacida un 10 de marzo de 1952. Día en que Fulgencio Batista, ponhía fin á orde constitucional, derrocando ó goberno democrático de Carlos Prío Socarrás e dando comezo a unha ditadura que convertería á ilha no “ traspatio” dos Estados Unidos. Unha extensión do poder estadounidense, onde o xogo e a prostitución dotaban de suntuosos beneficios a personaxes como Meyer Lansky e Lucky Luciano, ambos membros destacados do crime organizado dun país que como declarou o propio Earl T. Smith –ex-embaixador dos Estados Unidos en Cuba– ante o seu senado, posuía tal control sobre a nación caribenha, que a vontade do embaixador estadounidense podía equipararse, senón superar, á do propio presidente cubano.

Hoteis de luxo, clubs de strip- tease, casinos, lugares turísticos e grandes cantidades de terras cultivábeis, que suponhían unha realidade da Cuba prerevolucionaria, xestionada entre corruptelas e violencia por gánsteres americanos en convivencia cos funcionarios da ditadura e o beneplácito do propio Imperio. Tras iso, sería tempo para a historia dun pobo: o asalto ó cuartel Moncada, a viaxe a México, onde os destinos de Fidel e Ernesto Guevara uniríanse para sempre e o esperado 1 de xaneiro de 1959 coa entrada dos barbudos na Habana.

Persoalmente, escribirei a minha visión de Cuba con dúas anécdotas sucedidas durante unha das minhas estancias na ilha. Ambas sucedidas nun deses paseos sen guía, nin horarios polas súas rúas. No que supón unha viaxe de verdade, sen unha idea concreta da realidade de Cuba, só co medo e a esperanza que produce nun mozo idealista atoparse cos ollhs abertos por primeira vez fronte unha visión diferente á das grandes cidades occidentais. Unha realidade ancorada nunha construción antiga e esfianhada, golpeada, pero non por iso peor, nin moito menos falta de encanto ou de atracción. Unha ilha que resultaba distópica para moitos e unha utopía en loita para outros tantos.

Un dos melhores lugares para conhecer a pulsión dun pobo seguirán sendo sempre as vellas tabernas, afastada dos locais de moda do lugar e escuras, ás veces baleiras e ás veces en silencio, pero nunca durante demasiado tempo cando comeza a pesar o alcol. Foi nesa contorna onde me atopei por primeira vez con Vladimir, un mozo cubano que a pesar do seu nome, pouco ou nada sabía ou quería saber do velho líder soviético. Tan só lhe interesaba a súa próxima viaxe a Italia para reunirse coa súa irmá e a roupa. Medio este da moda polo que a través dos turistas, podía conseguir a duras penas distinguirse ante as mozas do seu barrio ás que tan continuamente e de forma tan abusiva se ofreceu durante a nosa estancia na ilha entre copas de ron envolto en plástico e uns puros ós que aínda hoxe, asocio inevitabelmente coas noites da Habana. Falamos de coches, viaxes, e de sonhos. Os sonho do que un mozo cubano cría era o estado espanhol, simples sonhos en realidade. Castelos no aire cimentados por quen entre a cautela dos Castro co exterior e as fanfarronadas dos turistas estranxeiros, chegara a ver nun mero turista galego calquera a un patentado. Pouco podía imaxinar o meu velho amigo Vladimir acerca dos meus esforzos como estudante e filho de agricultores para comprar ese bilhete á súa realidade, nin o que supuxo en privacións e esforzos esa viaxe nos meses posteriores ó meu regreso.

Pronto se derrubaron os muros que aínda naquela cantina cubana separaban ó velho sistema comunista cubano de occidente. Debuxábase a nosa particular ponte Glienicke entre cigarros, alcol e esa música de Carlos Puebla que tanto nos gusta ós estranxeiros e suponho que tamén a moitos cubanos, polo menos a algún deles. Unha música capaz de converter mediante o seu encanto nun fervente revolucionario ata ó máis rancio representante do politicamente correcto. Tal e como reconhecía o mismísimo ex ministro Margallo nun faladoiro televisivo en linhas xerais pouco apenada coa morte do Comandante Fidel.

Comezou entón unha conversa sobre desafiuzamentos, especulación inmobiliaria, as condicións de trabalho nas multinacionais suecas do moble nas que naquel entón trabalhaba o meu companheiro de viaxe e outras realidades que se abriron paso ós poucos entre o fume dos habanos e a incredulidade da parroquia cubana que naquel momento, e atraídos xa polas historias deses contacontos capitalistas, abarrotaban a pequena taberna onde comezaban a escasear alarmantemente as reservas de cervexa e polo con arroz.

Pouco ou nada querían crer dese país que tinha casas baleiras mentres os seus habitantes durmían nas rúas e moito menos dun país onde as condicións de trabalho superaban con fartura ás horas e o esforzo que moitos cubanos consideraban necesarios para levar unha vida plena. Concluíu o noso primeiro achegamento ó debate sociopolítico en Cuba, cunha afirmación tan taxante como certa: «Se eu tenho que trabalhar tanto e tan duro… Para que quero un televisor novo? Se non tenho tempo para gozalo, vou ó Malecón coa minha botelha de ron e que se remate o mundo» O que falaba era José Trindad, camareiro desa taberna decorada con bufandas e bandeiras do Athletic onde nos atopabamos xa en plena madrugada habaneira, e ata ese momento, mero observador da conversación.

Gardamos silencio, e simplesmente asentimos antes de adquirir unha última botelha de ron e dirixirnos ó Malecón. Un lugar de fuxida para moitos, tamén para nós nese momento. Dous mozos europeos naquel entón con escasas perspectivas de futuro e que nos conformábamos coa tranquilidade e a vitalidade dunha cidade que a pesar de estar a caer a anacos, continuaba levantada e orgullosa fronte quen tan duramente a golpeaba.

A todos rematara xulgándonos a morte. Tras a marcha de Fidel, moitos celebraron en embaixadas ou sobre coches regados de licor nas rúas de Miami ou en Madrid. Non se botará de menos a Fidel nos conselhos de administración de ningunha empresa, nin o farán tampouco as grandes companhías armamentísticas, as petroleiras ou algunha desas coalicións «liberadoras» no medio Oriente. O legado do comandante cubano deberá pervivir nunha pequena ilha do caribe reina do beisbol, doutora do mundo e mestra de revolucionarios e persoas desfavorecidas en todo o planeta. Un proxecto colectivo que foi capaz de adiantarse ós índices de benestar social marcados na axenda da ONU para 2015 e de facelo cunha clara proxección internacionalista. Unha pequena ilha coas melhores condicións para a maternidade de América Latina, sen casos de desnutrición severa rexistrados e con subsidios e gratuidades dedicadas a custear en parte os alimentos, o transporte, teléfono, auga, electricidade, a Saúde Pública e a Educación dos seus habitantes.

Suponhen para Cuba e a súa revolución as súas principais vitorias as logradas nos campos da educación e a saúde pública, campos estes nps que ata os seus inimigos concedéronlhe o seu xusto reconhecemento. Un país sen un só neno na rúa, cun ensino primario universal e onde 63% das prazas universitarias en están ocupadas por mulheres. Un país cun bloqueo por unha guerra da que non formou parte militarmente e da que non debe sentirse culpábel por librar unha dura batalla ideolóxica. Supón o bloqueo estadounidense unha perda estimada para a economía cubana, segundo o seu propio goberno dun 116 mil 800 milhóns de dólares. Unha realidade a do bloqueo estadounidense á ilha que reflicte fielmente a necesidade de someter ó inimigo, a todo o que se poida permitir pensar diferente.

Tras a súa morte dedicaron case tantas páxinas contra Fidel como eloxios dedicaron as rotativas e os comunicados de Occidente a ditadores e tiranos de toda índole con suficiente petróleo como para silenciar as nosas conciencias. Pero se podemos estar seguros de algo, é de que a pesar de todos os mares de tinta que poidan correr, non quedará tras Fidel ningún Daesh, ningunha guerra extractiva, nin os grandes casos de corrupción baixo o seu mandato ós que nos afixemos na política de Occidente.

Non todo foron logros na revolución cubana, un pronto comproba no sentir das súas rúas o eterno compás das súas obras, o surrealismo do seu transporte interurbano ou a ineficacia de quen quere afastar á mocidade da perversión de occidente, pero vese incapaz fronte ó peso das divisas.

Desconhezo en que momento exacto conhecín ó protagonista da minha segunda anécdota cubana e desconhezo tamén o seu nome. Son incapaz de lembralo e mentiría se dixese o contrario. Tan só podo lembrar o traxecto por unhas rúas escasamente iluminadas pero cheas de vitalidade e unha rara sensación de seguridade. Cando un caminha o suficiente por cada recuncho da Habana, pronto se decata de que os roubos ou as agresións non son algo que realmente deba temer dos cubanos, non podo negar versións dalgún accidente ilhado, pero desde logo, aquela noite e sendo sincero, no meu estado, non podía imaxinar un lugar melhor por onde pasearme cun cartel de estranxeiro colgado sobre as minhas costas.

Era a nosa última noite na Habana, e tras atoparnos cunhas compatriotas gaditanas ó principio da mesma, dirixiámonos con elas e cun dos seus amigos cubanos a unha festa nun hotel, do cal supoho non vos sorprenderá, que non lembre tampouco o nome. Cruzamos as rúas da Habana facendo paradas en cada recuncho, como tentando empaparnos da ilha antes de partir ó noso bloque da realidade. Os seus bares, os seus cans rueiros, os paladares e ese sen fin de vehículos e persoas que animan unha noite, a cubana, que aínda brinda máis protagonismo á luz dos cigarros que á deficiente iluminación pública.


Como dixen antes, non lembro o nome do noso anfitrión cubano, chamareilhe Miguel por comodidade e porque a pesar da minha mala memoria para os nomes, apostaría firmemente a que ese é o nome co que se presentou. Miguel era filho dun reconhecido doutor cubano e dunha profesora da facultade de Dereito da Universidade da Habana. Un mozo culto, cunha conversación certamente agradábel e sempre disposto a achegar algún dato curioso ou brilhante sobre a historia e os logros dun país, o seu, do que uno non chegaba a saber ben se se mostraba en maior medida orgulhoso ou simplesmente fastidiado pola súa existencia.

Sentados nun enorme patio sevillano mentres gozabamos da música e a temperanza dos mojitos, falamos de todo o que un mozo cubano pode falar cando se lhe pregunta con verdadeiro interese por conhecer as súas respostas. Falamos de política, falamos acerca da revolución, de Fidel, pero especialmente lembro falar esa noite de Camilo Cienfuegos. Miguel sentía especial devoción por Camilo e polo que puido ser e non foi. Dirixíase a Fidel e Raúl como os barbudos cun ton claramente despectivo e en certa medida cargado de rancor, pero cando se decidía a loar ante os seus interlocutores as vitorias da súa, a pesar de todo, querida Cuba, o nome de Camilo parecía servirlhe como unha especie de catalizador entre unha revolución que puido ser, pero que para moitos cubanos nunca culminara.

Non quero dicir que Miguel tivese razón nas súas formulacións e nin moito menos comparto as súas teorías da conspiración revolucionaria ou algunhas das súas severas criticas a un personaxe, Fidel, que ó contrario que Camilo Cienfuegos ou o Ché, tivo que facer fronte a realidades ás veces demasiado complexas mesmo para un velho revolucionario.

A voz daquel mozo cubano acomodado, era a dunha parte da poboación que comezaba a desconectarse duns mandatarios que bloqueaban sistematicamente, froito do contexto xeolpolítico da ilha, as súas eternas aspiracións de progreso económico e social. Miguel queixábase de xeito repetitivo do escaso soldo que o seu pai, un reputado médico cubano cobraba no seu país en comparación coas ganancias dun dos seus tíos que trabalhaba como empregado nunha cadea de talheres en Michigan.

As súas últimas palabras antes de despedirnos caminho do hotel foron «Tan só en Cuba un médico reputado podería recibir axuda dun simple mecánico sen estudos, pero tan só aquí unha familia humilde de campesinhos como foi a do meu pai, podería sentir o orgulho de formar ó seu filho como médico de maneira gratuíta. Resulta complicada a disxuntiva de querer subir no escalafón, tratando de non esquecer de onde vén un»

Cando uno fala durante un longo tempo cun cubano, non pode evitar a percepción de dialogar cun pobo que se atopa ante unha pregunta vital. Unha pregunta sobre a concepción do seu futuro, a cal nós hai moito tempo, en Europa temos a sensación de ternos equivocado na súa resposta.

Coa morte Fidel marchou unha figura crave na vida de todo cubano, un mentor ou un inimigo acérrimo. Un home que viviu e marcou un século desde a súa propia patria. Con moitas máis luces que sombras para un legado, como herdanza para os desarraigados do noso mundo. Un revolucionario dos que realmente nunca rematan de morrer. Coa morte de Fidel, o futuro de Cuba non é o futuro de Raúl Castro nin de ningún outro mandatario cubano, nin tan sequera o do PCC como moitos aínda pensan. O futuro de Cuba será unha vez máis o futuro dunha nación e do seu pobo. Como sempre foi desde que o 8 de xaneiro de 1959 Fidel e os seus barbudos baixaran da serra para entregar ó pobo unha alternativa ó modelo imposto polo seu vecinho do Norte.

El concepto de Revolución de Fidel Castro

Contido de YouTube

Comparte

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *