“O obreiro ten máis necesidade de respecto que de pan.”
Karla Marx
“Comer sen liberdade non é comer, é nutrirse”
Fina Varela
O 10 de marzo de 1972, a policía franquista espanhola disparaba contra unha protesta sindical nos estaleiros ferroláns da Empresa Nacional Bazán, asasinando a dous responsables do comité local de Comisións Obreiras, Amador Rey e Daniel Néboa. Tamén resultaban feridos ó redor de medio centenar de manifestantes. Ó contrario que a situación nas factorías de Cartaxena e Cádiz, controladas polo Sindicato Vertical do réxime franquista, os trabalhadores do estaleiro de Bazán decidiran plantar cara á decisión imposta desde Madrid o 7 de marzo dese mesmo ano, que pretendía imponher un convenio interprovincial que non reconhecería as firmes demandas dos trabalhadores galegos, encaradas a disponher dun convenio propio co que se lograse eludir o sindicalismo amarelo propio do franquismo e deste xeito, poder ponher parte do proceso de toma de decisións en mans da clase trabalhadora.
O 8 de marzo, mediante unha asemblea, os trabalhadores de Bazán deciden rexeitar o convenio interprovincial imposto polo réxime franquista e convocan unha nova asemblea para o día 9 de marzo. A resposta do estado espanhol, a través da empresa, é inmediata, despedindo a seis dirixentes sindicais de Comisións Obreiras. José María Riobó, Manuel Amor Deus, José Díaz Montero, Ramiro Romero, José Miguel Rey y Alfonso Couce, son expulsados dos seus postos de trabalho e prohíbenlhes a entrada á factorí. O que terminará xerando varios incidentes entre os trabalhadores e a seguridade da empresa, nos que Ramiro Romero resulta agredido polos gardas de seguridade á entrada do estaleiro. Tras conhecer estes altercados, o persoal decide cesar totalmente a súa actividade e concentrarse como forma de protesta ata que se retiren os despedimentos.
A melhor homenaxe a Amador e Daniel e a todos aqueles homes e mulheres que protagonizaron a loita obreira xurdida na ría de Ferrol, sen dúbida é continuar a loita.
Ás nove e media da manhá, preto cinco mil trabalhadores mantenhen o pulso contra a empresa e contra a ditadura espanhola. O director tenta chegar a algún tipo de acordo cos trabalhadores, pero estes seguen firmes nas súas reivindicacións iniciais: esixen a reincorporación dos companheiros despedidos e algún tipo de sanción para os gardas que agrediran aos trabalhadores nos primeiros enfrontamentos. Á primeira hora da tarde e tras as ameazas da dirección da empresa co posíbel inicio desaloxo mediante a forza, a policía decide asaltar o estaleiro cunha violencia inusitada. Os enfrontamentos trasládanse ás rúas de Ferrol, os trabalhadores mantenhen o puxo, pero pronto se escoitan os primeiros disparos por parte da policía franquista.
O 10 de marzo máis de 4000 trabalhadores atópanse co peche das portas do estaleiro cando se dirixían ao interior da factoría, tras un proceso de deliberación mediante unha asemblea, decídese saír en manifestación cara ó barrio de Caranza para unirse aos trabalhadores do estaleiro de Astano. Antes de poder alcanzar o seu obxectivo, na estrada de Castela coa Avenida das Pías, a policía franquista intercepta ós manifestantes e esíxelhes que disolvan a concentración. Ante a negativa dos trabalhadores ferroláns, comezan as duras cargas policiais. Fronte os disparos con munición real por parte da policía franquista, os manifestantes deféndense co lanzamento de pedras e todo o que atopan ao seu alcance. Amador Rey e Daniel Néboa, son asasinados durante estas cargas indiscriminadas e centos de trabalhadores resultan feridos de diversa consideración. A cifra exacta segue sendo a día de hoxe unha incógnita, dado que os feridos deciden non acudir aos hospitais para evitar posíbeis detencións. A pesar da cara desigualdade en canto á potencia de fogo e a munición ó seu alcance, os manifestantes logran facer retroceder ás forzas policiais, que tenhen que retirarse aos seus cuarteis e defenderse ante varios intentos de asalto ós mesmos.
Os comercios e diferentes empresas de Ferrol deciden pechar as súas portas en mostra de solidariedade cos folguistas que nese momento aínda resisten ante a dura represión franquista. A ditadura franquista decide nise momento curtar o acceso á cidade e as comunicacións telefónicas, suspéndese a actividade lectiva e desprázase un buque de a Armada espanhola fronte ó Ponte das Pías como método de intimidación. As forzas policiais deciden imponher o toque de queda e cercar a cidade. As permanentes patrulhas desatan unha onda de represión desaforada e representantes dos trabalhadores tenhen que negociar para evitar a intervención do exército na cidade. Tan só o 20 de marzo Bazán regresa á actividade, o balance das xornadas de loita obreira nas rúas de Ferrol lanza esa xornada 2 trabalhadores mortos, 16 feridos de bala e decenas por outras lesións de diversa consideración, 160 despedidos, 101 detidos, 60 encarcerados e 54 multados con entre 50.000 e 250.000 pesetas. Ata o día de hoxe, nunca ninguén foi levado ós xulgados ou tivo que responder polas dúas mortes ou polos feridos causados pola represión franquista durante as protestas obreiras nadas na ría de Ferrol.
O 10 de marzo de 1972, a policía franquista espanhola disparaba contra unha protesta sindical nos estaleiros ferroláns da Empresa Nacional Bazán, asasinando a dous responsables do comité local de Comisións Obreiras, Amador Rey e Daniel Néboa
Centos de represaliados, centos de trabalhadores despedidos, procesado e encarcerados. Centos de fogares que sufriron incontábeis xornadas de auténtico pánico front a idea de que algún membro non regresase a casa tras unha xornada de repartición de panfletos ou unha manifestación na que simplesmente esixían os dereitos da clase obreira, pánico ante a persecución policial, os asaltos aos seus fogares día tras día e a continua presión sobre as súas familias e companheiros. E fronte a todo iso, centos de mulheres valentes, centos de mulheres militantes, organizadas, firmes na defensa da clase trabalhadora, os seus principios democráticos e fronte á tiranía do réxime franquista. Nomes que tamén foron protagonistas daquela loita e que non dubidaron en vencer ó medo e ponherse á fronte da mesma cando a represión franquista e o sangue dos seus companheiros asolagaba as rúas de Ferrol. Baixo o berro e amnistía e liberdade, «as mulheres do 72» ocuparon o baleiro deixado polos escapados, os detidos e os represaliados, erixíndose nunha das principais claves do cambio que brotou durante aquelas xornadas de loita obreira fronte á ditadura e a extenuante explotación laboral que a acompanhaba.
Nun clima de pobreza e profunda desigualdade, elas, as mulheres obreiras do tardofranquismo ferrolán, tiveron un papel primordial na loita pola amnistía dos presos políticos por mor dos sucesos do 10 de marzo. Pero tamén participaron activamente nas reivindicacións laborais e democráticas desde a militancia política activa, organizaron manifestacións durante as xornadas de protesta daquel 10 de marzo, lograron pechar comercios, ofreceron refuxio ós que lograron escapar, atenderon aos feridos e participaron activamente na mediación para lograr a amnistía dos represaliados. Todas elas sufriron nas súas carnes algún tipo de represión e non poucas remataron exiliadas ou en prisión pola súa conciencia política. Pero tristemente, durante moito tempo ningunha delas logrou ver o seu nome reflectido nas crónicas que posteriormente narraron o sucedido durante aquelas xornadas de loita obreira, permanecendo longo tempo baixo unha inxusta sombra que non reconheceu o seu verdadeiro papel como auténtico motor de cambio fronte ó franquismo. Unha profunda inxustiza en certo xeito reparada por distincións como a de “Republicanas de Honra”, outorgada medio século despois dos sucesos daquel marzo do 72 pola Comisión pola Recuperación dá Memoria Histórica da Coruña. Un xusto, valente e necesario reconhecemento á auténtica dimensión destas mulheres.
O 10 de Marzo de 1972 e as xornadas e meses posteriores supuxeron unha loita dura fronte á represión dun réxime autoritario e os últimos alentos dun ditador xenocida, pero tamén debuxaron a faísca do cambio. Aquel conflito laboral supón aínda hoxe un exemplo de loita, dignidade e compromiso fronte á inxustiza. Un legado que debería dotar de sentido e razón á mobilización obreira nun tempo no que de novo os nosos dereitos sociais e laborais atópanse ameazados e a resposta política e o sindicalismo combativo resulta máis necesario que nunca. O sacrificio daqueles homes e mulheres, os anos de militancia activa, mobilizacións e resistencia fronte á represión nunha batalha que parecía perdida, debuxan hoxe a certeza de que só queda resistir, avanzar e levantarse tras cada decepción, tras cada golpe. Porque foron, somos. E porque somos, serán. A melhor homenaxe a Amador e Daniel e a todos aqueles homes e mulheres que protagonizaron a loita obreira xurdida na ría de Ferrol, sen dúbida é continuar a loita.
«O esforzo común, o xuntarnos para pelexar polas cousas ten un resultado importante, ademáis de que temos que seguir alerta, porque as cousas non se conseguen eternamente».
Sari Alabau