“Se tivesses investido 1.000 euros en accións de Apple a principios de 2012, agora terías 1.670. Non está mal. Pero se tivesses investido 1.000 euros en coca a principios de 2012, agora terías 182.000: cen veces máis que investindo no título bolsista récord do ano!”
Roberto Saviano
«A droga é o produto ideal…A mercadoría definitiva. Non fai falta literatura para vender. O cliente arrastrarase por un sumidoiro para suplicar que lhe vendan…O comerciante de droga non vende o seu produto ó consumidor, vende o consumidor ó seu produto. Non melhora nin simplifica a súa mercadoría. Degrada e simplifica ó cliente.»
William Burroughs
Se neste artigo comezase a falar da Benzoilmetilecgonina, con toda probabilidade a maioría dos lectores non saberían exactamente a que me estou referindo, pero a cousa mudará rapidamente cando o nome que apareza en escena sexa o da cocaína, todos sabemos de que estamos a falar cando falamos de cocaína… Despois de todo, xa fai moito tempo que o mito lúdico lhe ganhou a partida á pura química. A branca, coca, farlopa, mandanga, perico, merca… Centos de nomes para denominar un simple alcaloide cristalino, que sen dúbida se coroou polos seus propios méritos como a raínha das drogas recreativas en medio mundo.
Desde o errado artigo 344 bis, co que ba Espanha pretendían regular e castigar o consumo e tráfico de drogas en pleno goberno de Carrero Blanco, ata hoxe, a historia do estado espanhol cos estupefacientes é unha historia longamente marcada pola morte, o dinheiro negro, a corrupción e especialmente por moi altas doses de hipocrisía e cinismo.
Atrás parecen quedar os escuros anos oitenta, unha década xa esquecida na que a heroína dinamitaba a vida social de moitos barrios acompanhada pola pobreza e a desesperación e cuxos principais protagonistas, en forma de mozos consumidores, eran facilmente identificábeis a primeira olhada: exércitos de auténticos zombies filhos da clase obreira neutralizados ó ritmo que contaminaban o seu torrente sanguíneo e quizais, tamén algún pequeno filho de papa froito da movida, atrapado sen remedio polo seu inconsciencia nas redes dunha substancia que pronto pasaría a converterse no inimiga número uno para as autoridades.
Se tivésemos que ponher-lhe banda sonora a aquela xeración, sen dúbida as desgarradoras notas do singular «Heroin» da Velvet Underground serían as elixidas. Un son desgarrador e unha letra hipnotizante para tentar acompanhar e comprender unha xeración perdida entre pico e pico. Unha consecuencia directa do desconhecemento, que lanzou a miles de mozos a unha procura sen sentido entre as súas veas e a morte. Un sedante social, un absurdo cimentado entre política e prohibición.
O longo experimento da cruzada contra as drogas mostrou sobradamente a súa ineficiencia, prohibir determinado tipo de substancias non só non fixo que estas sexan menos alcanzábeis, senón que deu como resultado unha masa de consumidores inconscientes en mans de mafias criminais
“Parece mentira” que fose a recente morte do conhecido narcotraficante Manuel Charlín e o curioso titular eloxioso do medio de comunicación de “La Voz de Galicia” o que puxese unha vez máis sobre a mesa o tema do tráficos de drogas no estado espanhol. Nun estado no que cada hora son centos os gramos de cocaína que asolagan os nosos despachos, banhos públicos, reservados, clubs, cadros de mandos, vestiarios, prostíbulos, camerinos, fogares… Resulta certamente hipócrita tratar á cocaína como unha auténtica desconhecida, como un accidente no caminho unicamente próximo para a nosa sociedade na ficción.
Moito tempo antes de que a acción da xustiza actuase incomprensibelmente contra a obra do xornalista Nacho Carretero, “Fariña”, foi a propia sociedade espanhola a que decidiu aplicar o denso manto da censura sobre a realidade do consumo de estupefaciente no noso país. Cánnabis, heroína, cocaína, anfetaminas, MDMA e centos das máis novas e inestábeis substancias psicoactivas, asolagan nestes momentos as nosas rúas destinadas ó noso consumo interno ou simplesmente como un alto no seu caminho para a continuación percorrer inexorabelmente cada unha das capitais europeas.
A pesar da estrita regulamentación estatal e internacional sobre a produción, comercio e uso de substancias psicotrópicas, a estratexia do prohibicionismo hai moito tempo que se destapou como totalmente fútil á hora de loitar contra unha sociedade que sendo claros, desfruta colocandose. Desde o velho e refinado consumidor de vinho, pasando pola nova adicta ao MDMA nas súas sesións de música electrónica, o yuppie desinhibido tras esa última raia de cocaína no servizo ou o típico consumidor compulsivo de heroína, unha infinidade de perfís e roles totalmente variados e en ocasións contraditorios, continúan e continuarán paseándose polo lado escuro da conciencia alterada a pesar das temíbeis consecuencias legais. Tradicionalmente a droga cimentouse socialmente como un piar mestre en todas as culturas ó longo da historia da humanidade, nin a moralidade, a legalidade ou a relixión, parecen chegar a comprender que hai portas que xamais poderán rematar de pecharse. Só o sexo podería chegar a competir coas drogas para alzarse coa coroa do tabú máis estendido, e como no caso da sexualidade, os continuos intentos por eclipsar o consumo de drogas e a súa prohibición non puideron achegar ó conxunto social outra cousa excepto a ignorancia e as consecuencias derivadas desta.
Galiza comezou a exportar cocaína á península do mesmo xeito que anteriormente exportara alimentos durante a Guerra Civil e hoxe exporta enerxía: sen apenas repercusións positivas para a nosa terra, pero si cos seus grandes efectos negativos para a mesma.
O negocio da droga no estado espanhol supón na súa maior parte un negocio clandestino, un complexo armazón oculto entre as opacas redes de narcotráfico internacional, nas que a figura do consumidor unicamente cobra importancia no seu papel de xerador de valor real durante o proceso de intercambio monetario pola mercadoría. Podería nestas linhas falar de que o quilogramo en Espanha subiu de 34.087 euros ata os 34.369, citar que os principais países de procedencia son Bolivia, Colombia e Perú ou mesmo achegar elocuentes datos sobre o «lixeiro» descenso da adulteración da cocaína no estado espanhol durante o último ano. Suponho que para buscar maior repercusión nestas páxinas, para mendigar os seus clicks, debería internarme nalgún barrio depauperado polo mercadeo da droga e forzar a máquina ata rematar recibindo unha pedrada que conseguise pegalos a todos vostedes ó televisor durante o seu almorzo: A Liña, Villaverde, as Tres Mil, A Cañada, Virgen del Carmen, o Raval…Todos eles barrios ós que acudir unicamente durante unha semana para espremer as declaracións e testemunhos dos seus vecinhos, para a continuación desaparecer sen deixar rastro. En realidade ós mass media non lhes interesa mergulharse na realidade oculta neses barrios, do mesmo xeito que tampouco a vostedes lhes interesa conhecer como nos anos 80 Galiza puido converterse na principal entrada de droga a Europa. Dita información non concentra o interese da audiencia porque para iso teriamos que mergulharnos demasiado no tempo, e a memoria histórica é un exercicio non desenvolto en demasía no noso país.
A peculiar orografía, os miles de quilómetros de costa, a dificultade das nosas rías ou a experiencia no mar, xogaron un importante papel á hora de transformar Galiza nunha pequena Sicilia, pero non debemos esquecernos da presenza da gran protagonista: a pobreza. Nos anos oitenta, nunha nación empobrecida e adormentada tras décadas de sometemento ó papel de despensa e celeiro de Madrida, o narcotráfico veu suponher para gran parte da súa poboación, unha das escasas oportunidades reais para escapar rapidamente da miseria nun territorio arrasado polos caciques e no melhor dos casos a indiferenza da capital do estado espanhol. Galiza comezou entón a exportar cocaína á península do mesmo xeito que anteriormente exportara alimentos durante a Guerra Civil e hoxe exporta enerxía: sen apenas repercusións positivas para a nosa terra, pero si cos seus grandes efectos negativos para a mesma.
A desmesurada presenza da droga na Galiza arrebatou a vida a decenas de mozos nados nos anos setenta, unha auténtica xeración perdida entre a inercia dun desastre que moi poucos viron vir. Os convulsos anos oitenta lanzaron ó noso país ó precipicio da precariedade económica, cunha taxa de paro disparada por riba do 21% e unha alarmante falta de servizos sociais e sanitarios. A droga comezou a desembarcar na Galiza, atrapando sen aparentes alternativas a miles de mozos, nunha cruel cadea humana na que as grandes cantidades de cartos e a dose garantida, impediríalhes ver o perigoso coctel do que inconscientemente eran participes ó ritmo dos Chichos, Os Chunguitos, o Torete ou o Vaquilla. Pronto ó luxo da heroína sobre a mesa seguiulhe o cárcere, os tiróns, os axustes de contas, miles de afectados por hepatites, cirrosis, sida, as temidas sobredoses… Miles de mozos arrastrándose polas rúas para buscarse a vida, vítimas dunha auténtica epidemia que arrastrou a familias e barrios enteiros nun inferno totalmente desconhecido ata ese momento.
Un capítulo á parte merecería o estudo económico do impacto da droga na Galiza, segundo informes do Instituto de Estudos Fiscais, cada ano un 1% da riqueza do noso territorio, o equivalente ó negocio anual de toda a industria eólica ou do sector lácteo galego, desaparece no noso tecido social destinado ó gasto sanitario e as perdidas de produtividade evaporadas entre inhalacións e as rápidas rutas das planadoras. Cunha clara tendencia a criminalizar todo esforzo por implementar un maior conhecemento ós consumidores, e sen unha estratexia de actuación clara contra a drogodependencia máis aló do ineficiente empenho pola mera prohibición, Galiza continuará perdendo directamente 133 milhóns de euros anuais polo consumo de drogas ilegais entre a súa poboación.
Nos fardos que desembarcaban na Galiza durante os anos oitenta conxugábase a ignorancia acerca das drogas no estado espanhol, a necesidade dun pobo abandonado á súa sorte e a cobiza sempre presente no sistema capitalista. Coa morte de Manuel Charlín, no estado espanhol volvemos ter á cocaína encima da mesa, pero de novo fixémolo desde a máis profunda hipocrisía, con demasiado corte e moi pouco interese por conhecer os seus verdadeiros efectos, algo que sen dúbida calquera consumidor ou estudoso da droga lhe diría que é a peor forma de achegarse a ela. Moitas quintas perdéronse completamente na Galiza por esa ignorancia e avaricia, un pequeno número de familias comeron daquel po branco e moitas outras sufriron nas súas carnes as súas consecuencias en forma de morte ou lenta agonía no intento por escapar da máis absoluta dependencia.
Desde o errado artigo 344 bis, co que Espanha pretendía regular e castigar o consumo e tráfico de drogas en pleno goberno de Carrero Blanco, ata hoxe, a historia do estado espanhol cos estupefacientes é unha historia longamente marcada pola morte, o dinheiro negro, a corrupción e moi altas doses de hipocrisía e cinismo
Atrás quedaron xa os tempos nos que Sito Miñanco podía permitirse falar co párroco da súa localidade para que a procesión da Virxe do Carmen –patroa dos marinheiros– se demorase ó día seguinte con tal de facilitar unha descarga, as relacións do cártel de Medellín –liderado por Pablo Escobar– cos narcos galegos ou a ostentación do Cambados en Segunda B e o Pazo Baión. Por desgraza a Fariña televisiva volveu inevitabelmente facer de Sito Miñanco, Laureano Oubiña ou os Charlines grandes figuras para unha xeración de mozos carentes de melhores referentes cos que acceder ó desexo do éxito. Non esquezamos que hoxe o salario mínimo mensual no estado espanhol sitúase en apenas 1000 euros, mentres que un patrón de barco pode chegar a levar 30.000 euros por descarga, 18.000 o mecánico e 15.000 cada marinheiro.
Todo isto, pese a que os grandes luxos xa non se dan con tanta facilidade como en décadas pasadas. O inicio das dificultades comezou coa Operación Nécora e países como Guinea Bissau ou Senegal, así como o roteiro alternativo a través dos contedores que cada día chegan ós portos espanhois procedentes de Latinoamérica que diminuíron considerabelmente a importancia das rías galegas nos roteiros do narcotráfico internacional. Pero os novos clans da droga continúan situando a Galiza como un punto intermedio entre os paramilitares colombianos, as diferentes guerrilhas, os cárteles e os consumidores europeos. Os clans galegos seguen sendo sen dúbida relevantes nun mercado vinculado á corrupción política e o lavado de dinheiro. Mentres tanto, o prohibicionismo e a xa establecida hipocrisía social en no estado espanhol, continuarán facendo o que fixeron sempre na parte menos importante da foto. Políticos, avogados, Gardas Civís, axentes de aduanas, banqueiros…Todos eles resultan aínda hoxe necesarios para o correcto funcionamento do sistema, todos eles resultan vitais nun negocio que continuará en activo mentres existan consumidores dispostos a pagar por unha raia de cocaína sobre a mesa. Algo que nos guste máis ou menos, sen dúbida vai continuar sucedendo.
O intenso repunte tras a invasión norteamericana da exportación de heroína procedente de Afganistan, a compracencia internacional cos narcogobernos en México e Colombia, a estreita relación entre as canles do dinheiro negro dos cárteles e o sistema económico mundial ou a estreita relación entre narcos e gobernantes, segue sendo hoxe sendo un secreto a voces.
A nosa negativa e temor a encarar un debate serio sobre as drogas no noso país, tan só nos ten levado a enterrar o problema, encerrándoo en barrios empobrecidos para exponhelo á luz unicamente nos nosos máis sensacionalistas matinais ou na ficción, unha ficción que a miúdo nos leva a crer que os estados cuxa política está ou estivo en mans do poder dos narcos e o seu dinheiro son algo demasiado alheo á nosa realidade. É hora de ponher fin a unha sinistra roda, na que da man do prohibicionismo, a tetracaína e outras merdas, unida ó sangue de miles de persoas en América Latina, pero tamén en Europa, continúan a día de hoxe adulterando o produto final para uns consumidores igualmente indefensos e desinformados.
O longo experimento da cruzada contra as drogas mostrou sobradamente a súa ineficiencia, prohibir determinado tipo de substancias non só non fixo que estas sexan menos alcanzábeis, senón que deu como resultado unha masa de consumidores inconscientes en mans de mafias criminais cuxa adulteración do produto e disputas polo dominio do mercado causa cada ano miles de mortos no mundo. O “dereito ás drogas” é en definitiva, un dereito civil inmemorial, depende por tanto do conxunto social arrebatarlhe o dominio do mesmo ás mafias criminais e políticas. A nosa saúde, seguridade e economía, sen dúbida agradecerano.