“A causa maior de revolucións, é que mentres as nacións avanzan ao trote, as constitucións van a pé.“
Thomas Macaulay
“A liberdade é a única reserva con que contan os pobos para crear o seu futuro“.
Alfonso Daniel Manuel Rodriguez Castelao

43 Anos dunha constitución tan celebrada por moitos no seu momento, como obsoleta resulta hoxe para un estado espanhol que corenta e tres anos despois, mira a ese antigo tratado como un flotador ó que tan só se aferran aqueles que por ansias de poder ou por medo ó futuro se negan a aceptar un cambio inevitábel.
En 1978 Pinochet preguntaba cínicamente se o pobo chileno debía avanzar en democracia ou continuar baixo o peso da ditadura que afogaba as súas esperanzas, a Fronte Sandinista levantábase contra a ditadura de Somoza, ETA asasinaba a 64 persoas en diferentes atentados terroristas, nacía Didier Drogba e o Liverpool facíase coa Copa de Europa ó derrotar nunha complicada final ó Bruxas por un gol a cero. Un mundo e un estado espanhol claramente diferentes, pero hoxe aquela Constitución segue marcando o paso dunha sociedade que non se reconhece no contexto de incerteza e medo que viu nacer aquel acordo imposto. Hoxe aquel pacto constitucional de mínimos, denótase claramente insuficiente ante unha realidade que superou a duras penas os medos e tabús dos ruídos de sabres cos que nacía esa arcaica Carta Magna.
Un punto de ruptura real para unha soberanía popular apartada da ficción do bipartidismo ou a mal chamada nova política, o evidente desafío territorial e de concepción do estado, a nova estrutura europea, as realidades migratorias ou a clara necesidade dun novo pacto xeracional, sexual e entre as diferentes minorías do estado, son só algunhas das cuestións que apuran á nosa sociedade para reformar de forma urxente e decidida a lei fundamental que debe rexer os dereitos e deberes de toda a sociedade
Aspectos como a cuestión territorial ou a coroa, demostran ás claras que os tempos mudaron no estado espanhol. Xa non se fala da República exclusivamente cun ton de anhoranza ou vinganza, senón que para un estado aparentemente democrático, a casa real resulta xa escandalosamente anacrónica polo seu sentido e polas súas formas.
Mesmo para moitos dos seus ata o de agora máis firmes defensores a monarquía comeza a ser claramente un estorbo, mentres que os diferentes pobos do estado parecen hoxe caminhar firmemente cara á constitución das súas propias repúblicas baixo o mandato soberano dos seus pobos. Unha institución pouco dada ó cambio como a coroa espanhola, onde dende fai tempo as vestimentas e formalidades máis mundanas pretenden dotar dun aire novo a un clan familiar – no que en virtude do artigo 57.1 da constitución espanhola, a prevalencia do home sobre a mulher na sucesión ó trono segue suponhendo un insulto á igualdade de xénero, dentro do maior insulto que para o conxunto da cidadanía que supón o acceso á xefatura do estado por mera herdanza familiar – resulta hoxe irreformábel e por tanto non pode seguir suponhendo o piar dunha “nación” en si mesma ficticia na súa propia esencia.
Tampouco no relativo á cuestión territorial supón unha maior axuda para os nosos pobos a Carta Constitucional espanhola. Desde a actual ameaza directa de rupturismo de Catalunya, ata os movementos nacionais continuamente crecentes en Euskadi, Galicia, Canarias, Asturias ou Andalucía, a realidade do equilibrio centralista espanhol parece tocar ó seu fin nos nosos días. Urxe, por tanto, alcanzar a capacidade de debuxar un roteiro que permita crear as condicións para unha vía á autodeterminación dos pobos no estado espanhol que poida abrir no futuro a capacidade de modelar a relación entre os mesmos en total liberdade e sen imposición de ningún tipo por parte de Madrid.
Urxe, por tanto, romper de forma decidida a concepción centralista do estado espanhol, a súa falsa historiografía, os seus órganos represores debuxados na reacción policial e xudicial contra as diferentes militancias soberanistas, sinalar firme e decididamente a relación entre o espanholismo de calquera signo e as posturas políticas claramente reaccionarias e comprender definitivamente que non existe ningunha alternativa socialista e internacionalista que non pase polo respecto á voz propia dos diferentes pobos que componhen hoxe o estado espanhol .
Non poderán posponherse eternamente a consultas de autodeterminación no estado espanhol e cada negativa a un plebiscito como procura de alternativas impostas desde unha concepción centralista, supón un paso firme para unha ruptura unilateral e abrupta das diferentes identidades nacionais do estado.
Unha Constitución con claras lagoas na súa conexión coa realidade social e onde unha lei electoral máis representativa ou a protección dos dereitos sociais como dereitos fundamentais de todas e todos os pobos que componhen o actual estado espanhol, preséntanse hoxe como necesidades, entre outras moitas, inherentes a unha vía democrática de transición que debe ocupar un espazo central no proceso de negociación e elaboración dun acordo que rompa o prolongado inmobilismo do actual estado espanhol filho da ditadura franquista, antólhanse hoxe como pasos innegociábeis para garantir unha certa estabilidade inmediata para a nosa sociedade. Resulta canto menos imprescindíbel romper a represión inherente ó cárcere de pobos que é hoxe Espanha para gran parte dos seus cidadáns.
Desde a actual ameaza directa de rupturismo de Catalunya, ata os movementos nacionais continuamente crecentes en Euskadi, Galicia, Canarias, Asturias ou Andalucía, a realidade do equilibrio centralista espanhol parece tocar ó seu fin nos nosos días
Comeza a Carta Magna espanhola a evidenciar as súas moitas carencias de forma evidente. Carencias propias dun documento que representa a voz dun pacto doutro tempo, un pacto doutra realidade imposta polo medo ao regreso da ditadura fascista. Non debe existir, por tanto, medo á reforma constitucional nunha sociedade democrática. Do mesmo xeito que non debe suponher nunca unha constitución un marco inmobilista para unha sociedade con necesidades cambiantes, como o é hoxe a sociedade inmersa no marco do estado espanhol, por vontade propia ou imposta.
Un punto de ruptura real para unha soberanía popular apartada da ficción do bipartidismo ou a mal chamada nova política, o evidente desafío territorial e de concepción do estado, a nova estrutura europea, as realidades migratorias ou a clara necesidade dun novo pacto xeracional, sexual e entre as diferentes minorías do estado, son só algunhas das cuestións que apuran á nosa sociedade para reformar de forma urxente e decidida a lei fundamental que debe rexer os dereitos e deberes de toda a sociedade. É hora de que sexa nosa propia voz a que de forma sólida e firme de paso á configuración dunha nova Constitución que dote de liberdade ós pobos e á clase trabalhadora que a día de hoxe conforman o estado espanhol.