“‘Cánto pesa e cómo fede!’, que di a vella labrega co negro cadaleito ás costas que leva impresa a palabra ‘Lex’; ou o petrucio co machado ao lombo: ‘A nosa Terra non é nosa, rapaces’… Eu erguía a miña ollada cara as figuras do tríptico en percura de resposta a eses enigmas, e os ollos de don Ramón e Castelao semellaban sorrir e contestarme: “levas camiño de comprendelo”. Eu pergúntome, e pergúntovos tamén, se aquelas estampas non seguen a ter vixencia coma daquela, e se agora tamén levamos camiño de comprendelo, nestes tempos de exterminio do campesiñado, de trebón que non cesa sobre a xente mariñeira, de recrudecida agresión ao proletariado, de espoliación colonial reduplicada, até de atávica ofensiva contra o noso idioma, contra o seu idioma, o de Castelao e de don Ramón de Trasalba””¡Sí! ¿Independencia, para lograr el qué? Para nosotros, en primer lugar, para ser nosotros mismos, para ser hombres africanos, con todo lo que nos caracteriza, para lograr una vida mejor y para que podamos identificarnos con el resto de la humanidad en la tierra. “
Xosé Manuel Beiras
“Si! Independencia, para lograr que? Para nós, en primeiro lugar, para ser nós mesmos, para ser homes africanos, con todo o que nos caracteriza, para lograr unha vida mellor e para que podamos identificarnos co resto da humanidade na terra.”
Amílcar Cabral
“Para o pobo colonizado, o valor máis esencial, por ser o máis concreto, é primordialmente a terra: a terra que debe asegurar o pan e, por suposto, a dignidade.”
Frantz Fanon
Podería comezar estas liñas amosando a miña sorpresa ante a recente decisión do Tribunal Supremo español, dotando de autoridade, que non de razón ou sentido, ao recurso que a celulosa española con domicilio social en Madrid, pero cruentas repercusións sobre o territorio e a poboación galega, interpuxo contra a sentenza da Audiencia Nacional que o 16 de xullo de 2021 declaraba nula a prórroga concedida polo Goberno en funcións de Mariano Rajoy, que pretendía deste xeito garantir a escuso a localización da empresa na ría de Pontevedra ata 2073.
Do mesmo xeito, podería tamén tentar analizar os máis de sesenta anos transcorridos desde que, en plena ditadura, a chamada Empresa Nacional de Celulosas decidiu ocupar as beiras dunha ría galega, para producir pasta de papel a partir da madeira do eucalipto, citar os informes internos nos que a propia empresa cotizante en Madrid alerta da contaminación por mercurio nas augas subterráneas, afectando non só ao marisco e peixe da ría, senón tamén á saúde dos propios traballadores e os veciños que estoicamente soportan a carga coa que outros se lucran a prudente distancia, e mesmo reflexionar detidamente sobre este modelo de explotación implementado por unha empresa capaz de obter cada ano no noso territorio millóns de euros en dividendos para os seus accionistas, pero que apenas deixa valor engadido en Galiza.
Sen dúbida, a eucaliptización do noso territorio ata converterse nunha polvoreira que ameaza as nosas vidas cada estación seca, a perda da identidade dos nosos montes ou a absoluta falta dun modelo de xestión e ordenación forestal, abandonado aos intereses dun despacho na capital española, tamén terían reservado un lugar nun artigo que tratase a realidade de Ence e os seus efectos sobre a vida dos e das galegas. Aquí, probablemente, aparecerían nomes como o de José María Aznar, Emilio Pérez Touriño, Josep Borrel, Manuel Fraga, Felipe González, Juan Abelló, José Luis Méndez, Isabel Toucino, Pascual Fernández e tantos e tantos outros…
Falar de Ence, é, por tanto, falar de caciquismo, corrupción, loita ambiental, capitalismo e especialmente é tamén falar de colonialismo. Só podemos entender a decisión do Tribunal Supremo español como unha decisión proveniente dun órgano dunha administración colonial exóxena á vontade do noso pobo. Unha decisión ditada en firme contraposición á vontade de goberno local, o ánimo das asociacións ecoloxistas, as diversas comunidades de montes e a gran parte da poboación galega, amplamente concienciada e mobilizada politicamente para lograr a recuperación da ría de Pontevedra das mans de intereses alleos á realidade do noso pobo.
Unicamente estruturando unha cosmovisión capaz de encarar sen tutelas a nosa realidade como pobo, logrando deste xeito establecer unha acción política que actúe sobre as relacións de explotación e desigualdade establecidas polo dominio español, coa firme determinación de subvertelas mediante a conquista dunha voz independente, lograremos conquistar as ferramentas para facernos posuidores do noso futuro político, económico e cultural. Mentres isto non sexa así, as decisións das estruturas do Estado español, seguirán sen responder aos nosos propios intereses ou a unha lóxica vinculada de modo algún coas necesidades de desenvolvemento produtivo da nosa nación.
E é nese marco de supeditación aos intereses de Madrid, emanada da nosa situación de colonia interna española, que mesmo as voces supostamente progresistas da centralidade do estado se teñen dignado a apoiar abertamente a ultraxe á nosa soberanía como pobo. Non é de estrañar que Unai Sordo, UXT ou diversos actores do españolismo suave actúen en defensa dos intereses do seu propio pobo fronte á nosa vontade nacional, por firme e razoable que esta sexa, nin do mesmo xeito pode sorprendernos que versos soltos de nosa propia poboación, alienadas polo dominio represivo e propagandístico do estado se asimilen inferiorizados e acepten a vontade do verdugo a cambio dun salario pola súa servidume e a lapidación dos seus recursos naturais en aras do beneficio inmediato dunha burguesía foránea que logrou ocupar as súas mentes e o noso territorio.
Aqueles que hoxe pretenden xustificar a sentenza da parroquia de Lourizán e gran parte do rural galego por uns postos de traballo escasos e temporais, son os mesmos que xustificarían a presenza de Shell en Nixeria, a United Fruit Company en Nicaragua, a sueca Boliden en Doñana ou a depredación do turismo sobre o arquipélago canario. Aqueles que lonxe de loitar pola soberanía e liberdade de decisión dos nosos pobos, pretenden convencernos de que mediante a obediente submisión ante os designios do amo un anaco do saco de pan que nos rouban. Tal e como asegura atemporalmente o noso bardo Eduardo Pondal, «sóo vos iñorantes e féridos e duros, imbéciles e escuros non vos entenden, non».
Sexamos conscientes, por tanto, de que a matriz do noso futuro, debúxase na loita pola liberación nacional, resultando vacua calquera esperanza que pretenda resolver os nosos problemas mediante sentenzas emanadas das estruturas represivas e parasitarias establecidas polos nosos carcereiros. Esta nova fase que encara o conflito contra a empresa española Ence, debe enmarcarse sen vacilación algunha na mobilización social e política galega, indubidablemente entrelazada coa loita pola independencia nacional da Galiza. Tan só mediante a unidade popular galega, capaz de enfrontar radicalmente os intereses de aqueles que, mediante a exclusión de nosa propia voz, buscan lucrarse coa explotación dos nosos recursos naturais e a nosa forza de traballo, lograremos poñer freo a situacións de inxustiza como a que representa a propia Ence, pero tamén o espolio eléctrico, a AP-9, a praga eólica ou a lenta agonía da desindustrialización e o desamparo do rural, froito todas estas situacións dunha planificación deseñada e implementada moi lonxe da nosa propia terra.
O futuro de Ence, é inseparable do futuro do colonialismo español. Os seus xuíces comprendérono perfectamente, farémolo tamén nós?