O fedor das liortas provocadas, das conspiracións e dos continuos “tamayazos” que agroman estes días das cloacas políticas do noso país non é novo, mais a intensidade do tufo suxire que algo podreceu definitivamente na maquinaria do réxime imposto por Madrid. Hai unha histeria eléctrica no aire, unha sensación de impotencia, mesmo un medo palpable. Os titulares da prensa servil e mantida berran que a capital galega é unha terra sen lei, que os bombeiros non saen, que a policía non patrulla. Poida que mesmo a alcaldesa nacionalista celebre aquelarres “bilduetarras“, elevada ao olimpo do eixo do mal político pola envexable suspensión hidroneumática do seu Citroën Xantia V6 Activa. Pode parecer un sainete propio dos nosos Entroidos, mais calquera con dous dedos de fronte e un mínimo coñecemento sobre como funciona a loita política no noso país sabe que isto non vai de horas extra, nin de cuadrantes laborais. Isto é simplesmente guerra sucia, o caciquismo de toda a vida adaptado aos nosos tempos. É o chiar das engrenaxes dese Ministerio de Colonias que é a Xunta, renxendo porque unha peza non encaixa na súa perfecta maquinaria de dominación.

O que estamos a presenciar na capital da Galiza non é un conflito administrativo, é un ensaio xeral de golpe brando. É a resposta visceral, case biolóxica, da estrutura colonial ante a presenza dun corpo estraño no seu organismo: o nacionalismo galego gobernando a civitas sagrada do Partido Popular e iso non se pode tolerar.
Para poder comprender a neurose do Partido Popular e do seu brazo executor, a Xunta, hai que aplicar un pouco de sentidiño sen anestesia a un mundo lobotomizado por décadas de manipulación e servilismo. Ese mundo onde os sipaios da pluma e os servos do Ministerio atoparon un ecosistema propicio. O Partido Popular galego non é un partido político ao uso, é o comité executivo da burguesía dependente, esa clase intermediaria e parasita que non ten función produtiva propia, senón que só serve de correa de transmisión para os intereses da metrópole. A súa única función histórica é manter a colonia tranquila e rendible para a tranquilidade de Madrid. E que pode ser máis preocupante para Madrid ca unha capital que contrapoña o modelo dunha Galiza sumisa, riquiña e parva, unicamente destinada ao turismo e á emigración?
Por iso poden tolerar ao PSOE. Diaño, mesmo se senten cómodos con eles. Os socialistas simplesmente supoñen a outra cara da mesma moeda ocupante, a versión amable do centralismo, plenamente necesaria para manter a ilusión de alternancia democrática sen tocar nin unha soa viga do edificio colonial que nos somete. Se a alcaldía caese en mans do PSOE, en San Caetano durmirían a perna solta. Pero que goberne o BNG… Iso é unha aberración na súa simulación particular. Supón unha herexía imperdoable que deben extirpar da vida política do noso país. Provócalles o mesmo terror atávico que sentían os señoritos cando vían baixar aos agraristas coas fouces erguidas.
Eses que hoxe, coa hipocrisía propia dos fariseos, sinalan o caos, falan da “turisficación”, da vivenda impagable, dos conatos de delincuencia e as drogas, son os mesmos que erradicaron calquera outro modelo produtivo que non sexa o extractivista para a nosa terra, os da Caixa B, o caciquismo e as fotos no iate co Narco.
A conversión de Compostela nun parque temático para o consumo voraz da meseta, a expulsión da clase traballadora dos seus barrios e a conseguinte lumpenización das marxes non son fallos de xestión de Goretti Sanmartín, son as consecuencias inevitables, matemáticas e crueis dun sistema económico deseñado para espoliar, desnaturalizar e dixerir a nosa cultura, os nosos recursos, a nosa terra. Galiza foi condenada pola división internacional do traballo a ser unha periferia de servizos, unha mina de enerxía barata e un xeriátrico disposto a servir de decorado para turistas libres e soberanos, quizais os únicos nesta milenaria terra. Cando desmantelas as forzas produtivas dun país e o entregas á especulación rendista, o que obtés é desigualdade. E a desigualdade supura violencia.
E é precisamente aquí onde a análise debe volverse un espello incómodo. O nacionalismo galego non pode permitirse a inxenuidade de pensar que anos de campañas centradas en gobernar a colonia van lograr mudar o signo da nosa terra. Hai que espertar do soño dogmático do institucionalismo e comezar a construír poder local como alternativa. Non estamos aquí para xestionar con eficiencia a miseria que nos deixa o Estado burgués español, nin se pode rematar de construír a liberación nacional utilizando as ferramentas do amo.
O nacionalismo galego debe comprender que a súa liña política non pode xirar exclusivamente en torno a administrar as escasas e trucadas xanelas de poder que deixa o sistema. O poder real non reside nos despachos do Pazo de Raxoi, atados de pés e mans por leis de estabilidade orzamentaria ditadas desde Madrid e Bruxelas.
O verdadeiro poder, o único capaz de romper o espiñazo do caciquismo, está fóra desas paredes. Está en recuperar o espazo comunal, nos milleiros de iniciativas populares que sosteñen a nosa cultura, o noso idioma, o noso mar, o noso rural. Debemos fomentar cidades e políticas comunais, recuperar o espírito da parroquia e do monte en man común, non como folclore, senón como base material para un contrapoder propio. Precisamos organizacións de base nas aldeas e comités nos barrios. Hai que atacar de raíz as estruturas de poder españolas, crear un tecido popular que non dependa de se o interventor municipal asina ou non unha nómina.
Porque o inimigo nunca dubida. Ollade a CRTVG, ese niño de terrorismo informativo. Un aparello de hexemonía cultural deseñado para lobotomizar ao noso pobo, un pozo inmundo de propaganda ao servizo do capital colonial. E xunto a eles, toda esa prensa mercenaria cebada con diñeiro público. Cando chegue o momento, e chegará, a hixiene democrática debe resultar imperativa. Haberá que depurar e desmantelar eses niños de mentiras, expropiando os medios de produción da realidade. E non, non é revanchismo, é pura loita de clases.
Estamos no ecuador da lexislatura e os cans de presa xa fican soltos, isto soamente é o pistoletazo de saída. Saben que as urnas se achegan e van utilizar cada táctica de guerra sucia, cada sabotaxe, cada mentira para recuperar o que consideran o seu cortijo.
O Partido Popular quere ver Compostela arder, metafórica ou literalmente, antes que vela libre. Pero esquecen que esta terra está feita de granito e de memoria. Esquecen que, baixo a chuvia eterna e aceda da historia, os esqueletos dos nosos seguen de pé, mirándoos cun aceno de ironía infinita. Non somos inquilinos na nosa propia patria, nin debemos pedir perdón ou permiso por defender e gobernar o que é noso por dereito. Somos os donos lexítimos que viñeron cobrar a débeda histórica. E non aceptaremos pago en especias, nin esa xestión eficiente do desastre na que nos queren agochar. Só aceptaremos a soberanía da nosa terra en mans do noso pobo. E que sigan ladrando, o seu medo é a medida do noso avance.