“Tomar a posesión dun escano sempre é preferible a empuñar as armas. Esta é a cuestión escueta, clara e democrática que se dilucida neste novo escenario, nesta oportunidade.”
José María Aznar
“Eu falo con todos, intelectualizo aos militares e militarizo aos intelectuais.”
“Todos temos que dar algo para que uns poucos non dean todo.”
Argala
O 9 de outubro de 1976, seis exministros franquistas – Manuel Fraga Iribarne, Federico Silva Muñoz, Laureano López Rodó, Cruz Martínez Esteruelas, Gonzalo Fernández de la Mora e Licinio de la Fuente – fundaron Alianza Popular. Este partido herdou parte do peso institucional do franquismo e constituiuse como a alternativa política de gran parte das elites da ditadura fascista española, co obxectivo de pilotar o que posteriormente sería coñecida como a modélica transición española. Con todo, esta transición non foi outra cousa que a tutela política dos restos do poder franquista, intentando evitar a toda costa calquera tipo de estalido revolucionario por parte do proletariado do estado. Lograron alcanzar esta misión co firme e interesado respaldo do PSOE e o PCE.
Algúns, aínda hoxe, defenden ferreamente as firmes conviccións democráticas dese partido. Outros, quizais os menos, mostrámonos incapaces de esquecer a biografía política de Manuel Fraga: primeiro Secretario Xeral do partido e membro do Consello de Ministros franquista que ordenou o fusilamento de Julián Grimau, escuro mandante tras o burdo montaxe que quixo ocultar o asasinato de Enrique Ruano ás mans da policía do réxime e responsable político directo das ordes que cobraron as vidas dos traballadores de Victoria. Tampouco esquecemos os berros de “¡Franco, Franco, Franco!”, que a organización dese partido lanzou ao aire ante uns 3.000 simpatizantes, recordando e reivindicando a figura do ditador recentemente finado.
Non esquecemos isto, como tampouco podemos esquecer as máis de 2.200 fosas comúns, os 114.000 desaparecidos ou as miles de rúas e símbolos do franquismo que perduran no noso entorno inmediato como perpetuo homenaxe aos vitimarios que encheron o estado español de sangue e lágrimas tras o golpe de estado fascista e a posterior Guerra Civil. A pesar de que poida sorprender a moitos, especialmente a aqueles cuxos pais e avós estaban ao mando do gatillo, o xuramento do mozo apóstolo do franquismo como xefe do estado por mandato directo do ditador e unha Lei de Amnistía, unicamente destinada a garantir a impunidade dos crimes e o latrocinio das elites da ditadura, non proporcionaron consolo algún a todas aquelas familias obreiras a quen lles arrebataron a esperanza dun mundo mellor, o dereito a construílo activamente e finalmente as vidas dos seus seres queridos.
O franquismo pasou a integrarse na monarquía sen pedir perdón nin permiso, pero todos aqueles que se atreveron a sinalalo foron catalogados como disidencia política e como tal foron perseguidos con toda a saña posible polas vellas estruturas policiais, políticas e xudiciais da ditadura, agora branqueadas cun leve verniz aparentemente democrático para os máis despistados. Os torturadores e altos mandatarios da ditadura gozaron de impunidade e un trato de favor ante os seus crimes que posteriormente se repetiría con aqueles que atentaron contra a farsa democrática durante o 23-F ou con aqueles que decidiron facer uso do terrorismo de estado para impoñer a sangue e lume a unidade de España.
Os indultos aos cérebros do GAL Barrionuevo e Vera, golpistas como Armada ou a normalidade na vida de torturadores como Juan Antonio González Pacheco, máis coñecido como Billy el Niño, convivían na sociedade española co silencio absoluto acerca das súas víctimas ou dos resortes do franquismo que aínda perduraban na xudicatura, os mandos policiais e militares e o suntuoso rastro de sangue que unía os beneficios do Ibex cos campos de concentración franquistas e o traballo escravo. E por riba de todo iso, un silencio enxordecedor de gran parte da sociedade e a constante inacción dunha esquerda máis preocupada por ser aceptada que por esixir xustiza e honrar aos seus.
Por todo iso, a renuncia do partido vasco Euskal Herria Bildu a que sete dos seus candidatos poidan exercer a representación política que o seu pobo ten a oportunidade de outorgarlles mediante unha consulta democrática, resulta totalmente incomprensible. Asier Urribarri, Lander Maruri, Begoña Uzkurrum, Agustín Muiños, Juan Carlos Rojo e José Antonio Torre Altonaga, son cidadáns vascos que cumpriron as súas débedas con Madrid e que, por tanto, gozan dos mesmos dereitos políticos que calquera de nós neste sainete político que supoñen as eleccións burguesas españolas.
A decisión de ceder ante as presións dos herdeiros dos vitimarios de Julian Grimau e Enrique Ruano, ou ante a cómplice pasividade e os oportunistas intereses electorais dos asasinos de José Lasa Arostegui «Joxean» e José Ignacio Zabala «Joxi», entre moitas outras vítimas do GAL, non pode de ningún modo entenderse como un paso de cara á paz ou a convivencia democrática entre os nosos pobos, senón que conscientemente debemos encadralo como outra incomprensible cesión ante as espurias dinámicas e as arbitrarias lóxicas dun Estado español aínda en mans de quen nunca pediu perdón sincero ou exerceu unha reparación real ante os miles de asasinados e represaliados políticos por parte dun poder despótico con sede en Madrid.
E é por iso que mentres a ralea ultra de Covite e Vox corrían rapidamente a apuntarse un tanto por unha nova cesión ilóxica da esquerda abertzale, Partido Popular e PSOE abrían de novo as portas a unha revisión da lexislación existente, deixando claro que as promesas de paz e o cambio das armas polas urnas non foron outra cousa que un gran engano. Tampouco Unidas Podemos e os restos do PCE falaban nesta ocasión da importancia da reinserción como sí fixeron durante a campaña de acoso sufrida pola excarceración de centos de violadores a raíz dunha polémica decisión do Ministerio de Igualdade español do que forman parte. E é que do mesmo modo que tras o procés, o independentismo catalán nunca logrará avanzar cara aos seus obxectivos políticos na democracia española, e os seus líderes serán sempre contemplados como unha ameaza a neutralizar, por todas as caras do omnipresente nacionalismo español, os representantes políticos abertzales son e serán sempre para Madrid unicamente terroristas. E iso non o vai poder mudar esta última concesión nin ningunha outra, dado que por moitas cesións políticas que se outorguen a Madrid, sempre resultarán insuficientes para un sector ultra que só se dará por satisfeito cando o xerme do independentismo desapareza definitivamente do Estado.
Neste texto permítanme que un non entre a profundar ou valorar as posibles dinámicas electorais que propiciaron este desenlace tan sorprendente, dado que independentemente de que se trate de garantir a gobernabilidade aos herdeiros de aqueles que pretenderon enterrar a toda unha xeración de militantes revolucionarios vascos en cal viva ou o simple desexo de acadar a Lehendakaritza mediante o abandono de calquera compoñente revolucionario do independentismo vasco, en aras da participación das dinámicas políticas do marco electoral imposto por Madrid, a decisión e a liña política adoptada por EH Bildu deben ser xulgadas e emendadas unicamente pola militancia política de Euskal Herria. Tan só me vou permitir facer mención a que o oportunismo, entendido como decisións que buscan obter beneficios persoais ou de grupo sen ter en conta os principios e obxectivos da loita de clases e que obstaculizan o avance cara a unha sociedade independente e socialista nos nosos pobos, na que a clase traballadora teña o control e a propiedade dos medios de produción e se eliminen as desigualdades sociais, supón sen dúbida algunha unha traizón absoluta á clase obreira e, neste caso, ao legado da revolución vasca.
Hoxe, unha vez máis, aqueles que nunca pediron perdón ou se arrepentiron dos seus crimes políticos, seguirán esixindo afondar na claudicación das vítimas, mentres que qaqueles que aínda sufrimos o peso represivo do Estado español e a herdanza directa do franquismo, seguiremos loitando por non ser súbditos dunha monarquía indecente e dun parlamento que permite que as nosas rúas recorden aos asasinos franquistas, mentres sinalan co dedo acusador a aqueles que xa pagaron amplamente a súa débeda coa sociedade. Cabe agora preguntarse de que lado está EH Bildu e a socialdemocracia española nesta disputa polo relato, polo futuro e polo poder. En responder correctamente a esta pregunta, xogámonos gran parte das nosas alternativas como militantes revolucionarios. Dado que a necesidade de facer claudicar á disidencia, non cesará de modo algún en Euskal Herria.