
Como xorde “A historia dunha loita”?
“Historia dunha loita” xorde de algo que non podía ter imaxinado nunca. A minha maneira de verme no mundo e nesta loita é bastante rueira, bastante de estar coa xente. Por todo isto, cando me ofreceron esta oportunidade hai dous anos, nun primeiro momento dixen que non. Dixen que non porque non me vía como heroína de cómic. Pensaba dalgunha maneira que non podía colocarme aí. Pero co tempo convencéronme de que sería unha ferramenta útil para seguir, para chegar a un público máis novo ao que doutra forma sería máis complicado poder transmitir-lhe a mensaxe da loita abolicionista. Finalmente dei-lhe prioridade a iso, a capacidade para chegar a máis xente e decidín exponherme unha vez máis, pero nesta ocasión dunha maneira moito máis profunda dado o impacto que xerou en min volver ponhelo todo en imaxes. Ao final creo para min tamén é un paso máis nesta loita persoal e política.
Falouse moito nestes tempos acerca da educación sexual e os valores feministas destas novas xeracións, consideras que nos atopamos ante xeracións menos machistas tal e como moitos analistas e políticos empénhanse en sinalar?
Ao contrario do que se podería esperar, o machismo parece aumentar. O patriarcado e o capitalismo foron impregnando a súa forma de ver as cousas entre a mocidade. Pasa moito nas persoas adultas que damos por feito que os mozos saben cousas que quizais non poidan saber por elas mesmas. Por exemplo, deixamos a educación sexo-afectiva ao carón, unha educación que pretendía ser feminista e que deixamos en mans da industria da explotación sexual que se encarga de que a reacción patriarcal e neoliberal sexa máis forte que nunca. Temos un grave problema, temos que crear esa contracultura, pero témolo moi complicado dado que a xente nova sofre un auténtico bombardeo de mensaxes misóxinos e reaccionarios. Especialmente coa expansión da Internet, coas redes sociais. Estamos nese punto no que nos enfrontamos de golpe con esta realidade. Cando eu mesma comecei a ser activista, atopábame con que a sociedade non entendía que a prostitución tivese repercusión ou fóra un problema primordial na loita pola igualdade de mulheres e homes, no benestar, na xustiza social, pero agora si o entenden. Enténdeno porque viron o perigo en casa, porque tenhen visto que os seus mozos consomen ese tipo de pornografía a idades cada vez máis novas, edúcanse nela de maneira sexista. Porque aos poucos, mediante as redes, entenden que iso é o sexo.
Un dos capítulos do libro céntrase na pornografía, que papel xoga este elemento na explotación sexual?
Sen ningunha dúbida é a maior ferramenta que ten o patriarcado e o capitalismo para reforzarse. É o márketing da prostitución.
Cal é o perfil do putero?
Rompendo co imaxinario e cos estereotipos que poden existir socialmente, non existe un perfil do putero. Calquera pode ser un putero. Non importa a súa condición económica, o seu status social ou a súa idade, o único que tenhen en común é que son homes e que son machistas. Para anteponher os seus desexos sexuais aos dereitos humanos das mulheres e convertelas así en mercadoría, sen dúbida un home ten que ser profundamente machista. Na actualidade é certo que mesmo a policía alerta de que non só demanda de prostitución vai en aumento, senón que ademais son os mozos máis novos os que máis demandan a prostitución. Isto ten sentido volvendo ao tema anterior, volvendo a como a industria criminal xera unha demanda para que este negocio siga rodando e siga beneficiando a uns poucos. No meu relato tenho discernido tres tipos de puteros en base a como se comportaban connosco:
- O “ putero simpático”: había moitísima xente que me dicía que non todos os puteros son malos, que hai algúns que tamén tratan ben ás prostitutas ou van soamente a falar. No meu artigo “A revolta das putas”, desenvólvoo un pouquinho máis, falo de como estes puteros son os que poden chegar a facernos máis dano. Non só queren acceder ao noso corpo a cambio dun bihlete – porque é o que fan, nos cinco anos que estiven atrapada neste sistema prostitucional, non conhecín a ningún putero que só vinhese falar – non só queren iso, senón que ademais tamén queren atopar a performance da noiva e a mulher carinhosa, esa que o escoita con atención. É dicir, por un bilhete queren atopar aquilo que non se pode comprar, nin vender. Pretenden comprar afecto. Desta forma obríganos a estar presentes en todo momento, impídennos disociarnos. Por desgraza a maioría sufrimos a violencia sexual, pero cando sofres unha violación ou varias cada día, a penetración como tal non ten o mesmo impacto debido á disociación, que aínda que é perigosa para nós a longo prazo, supón un mecanismo de protección. Pero o peor deste tipo de clientes é non poder disociarse e ter que sentir cando che están penetrando, o manoseo, o babexo, os intentos de bicos. Todo iso impáctanos moito máis neste caso, todo chegar a deixarche unha pegada moito máis difícil de tratar.
- O “ putero macho”: entenden que a súa masculinidade defínea a cantidade de mulheres ás que penetran. Principalmente son os que venhen ponher en práctica aquilo que aprenden na pornografía. A pornografía é para eles a teoría e a prostitución é onde exercen as prácticas que aprenderon para estendelas posteriormente a todas as mulheres. Ese é o gran problema, a prostitución serve como ponte daquilo que nun principio é considerado como fantasía. Algo que non é así, porque as mulheres que están a ser gravadas nas películas pornográficas sofren eses danos de verdade, non interpretan un papel. O que lhes sucede, sucede-lhes de verdade. Pero estes “puteros machos” só pensan en poder realizar esas prácticas e non lhes interesa en absoluto nin como estamos, nin como sentimos, nin nos preguntan absolutamente nada. A mulher é o de menos en todo este proceso.
- O “ putero sádico”: é un grupo bastante visibilizado, onde van os homes sádicos que en condicións alheas á prostitución serían directamente encarcerados? Pois acoden á prostitución. Alí as prácticas que levan a cabo son difíciles de narrar… Estamos a falar de prácticas de tortura, prácticas que nos danan profundamente, que nos deshumanizan…
Gustaríame engadir a estes tres perfiles de puteros un perfil que desde o meu punto de vista tamén debe engadirse ao perfil de putero, estou a falar dos homes que din aquilo de “eu non son putero, eu só vou tomar unha copa”. Unha copa a un prostíbulo ou a un piso, porque ultimamente os pisos van en aumento. Desde o meu punto de vista, estes homes tamén son puteros. Aínda que non chegan a consumir prostitución, quen contribúe a normalizar eses campos de concentración exclusivos para mulheres empobrecidas, quen pensa que se poden tomar unha copa tranquilamente e divertirse cos seus colegas mentres manosean, mentres regatean, mentres directamente fan o imbécil, tamén son puteros. Cando pagas tres veces o prezo dunha copa é porque pagas por esa mercadoría que está exposta aí, ese dinheiro vai aos petos do proxeneta. É dicir, forman parte, fomentan e sostenhen este sistema prostitucional.
Este trabalho pretende debuxar o horror que sentías cos abusos, e as feridas emocionais que che causaron e que, xa como sobrevivente, seguen supurando dor, que sentes cando escoitas que unha parte do feminismo refírese á prostitución como trabalho sexual?
Creo que hai unha parte de desconhecemento. Hai que diferencia quen fala por desconhecemento e quen ten pleno conhecemento do que está a facer e ten outras intencións. Creo que para chegar ao que representa a prostitución fai falta un proceso, temos que informar, temos que romper con moitísimos esquemas que temos moi metidos dentro. Xeralmente confío en conversar con companheiras e sobre todo con ponher no centro a cuestión da sexualidade e a cuestión dos puteros. Porque cando ponhemos no centro a sexualidade masculina que entende que a súa satisfacción sexual debe estar por encima de todo, as feministas que opinan que a prostitución é un trabalho, non tenhen moitos argumentos para defender esa postura. Debemos afastarnos un pouquinho do tema da libre elección, non só no movemento feminista, senón en todos os proxectos sociais, pero especialmente no caso do feminismo. As mulheres sempre corremos o perigo de ser as que máis pagamos o prezo de todas as inxustizas.
Existen secuelas físicas ou emocionais tras exercer a prostitución?
Fixéronse moitísimos estudos sobre este tema. Eu sufrino en primeira persoa, pero non se trata só da minha palabra. Sempre digo que saín da prostitución fisicamente hai 14 anos, pero psicoloxicamente sigo saíndo todos os días. Estou a descubrir cousas que pensaba que nin existían, pero que tenhen que ver co dano que fixo a disociación en min.
Ata hai pouco pensaba que se non sentía nada, é que estaba ben… Pero non sentía nada porque estaba desconectada da minha capacidade emocional. Agora empezo a darme conta do dano. Hai mulheres que sobreviven fisicamente, porque tamén hai mulheres que non sobreviven, pero son irrecuperables desde o punto de vista psicolóxico. Disto tamén temos que falar, porque os danos que sufrimos ao ser convertidas en mercadoría, tamén debido ao consumo de cocaína e de alcol, a violencia física, psicolóxica, socioeconómica, cultural, todas estas violencias que nos atravesan, déixannos nunha situación de absoluta vulnerabilidade
Cando nos ponhen ao dispor de homes por unha simple transacción económica na que nós somos unha mera mercadoría para o lecer e o gozar e o negocio dalgúns, as secuelas son inevitábeis. Podemos falar tamén das enfermidades de transmisión sexual que eles nos contaxian, porque socialmente sempre fomos consideradas ao longo da historia como portadoras de enfermidades, pero son os puteros os que nos traen esas enfermidades e logo lévanas ás súas casas, porque a maioría dos puteros son homes que tenhen un compromiso cunha mulher, sexa a súa parelha, a súa noiva ou a súa esposa.
Tamén vivimos con medo, a xente non pode conectar con esa sensación de vivir constantemente con medo. Chegamos a obsesionarnos por medo a contraer unha enfermidade de transmisión sexual, medo á violencia que podamos sufrir entre esas catro paredes a soas cun putero, medo a que che poidan asasinar… É un suma e segue, que é imposíbel que non nos deixe pegada. Preocúpame que haxa unha parte da sociedade que entenda e comprenda os tocamentos que poden producir uns danos terríbeis nas vítimas, pero que non sexa capaz de entender o dano terríbel que pode producir a prostitución. Unha parte da sociedade que ademais chega a afirmar que podería ser un trabalho. En ningún trabalho – e conhecemos as condicións de explotación laboral e de alleamento, a disociación, todos o sabemos– pero en ningún trabalho quen che paga, che manosean, babéante, penétrante, utilízate coma se foses un obxecto. Non é para nada comparábel.
Refíreste aos prostíbulos como ‘campos de concentración’, supón a tercería locativa un paso imprescindíbel para lograr erradicar a prostitución?
A tercería locativa é un paso moi importante na loita por abolir a prostitución, é algo no que o movemento abolicionista espanhol leva pedindo desde o 95. Pero isto agora mesmo non é suficiente, non haberá grandes presións por parte dos grupos de presión proxenetas para que isto non sexa así, porque no momento histórico que vivimos por mor da pandemia, todo está a moverse ao virtual. Por tanto isto é unha medida moi importante, pero ten que vir acompanhada doutras moitas medidas que persigan todas as formas de proxenetismo, especialmente tendo a mirada posta sobre o proxenetismo virtual.
Considera que realmente resulta posíbel abolir a prostitución no estado espanhol?
Si, claro que é posíbel. Se non fose posíbel non atoparía a forza para seguir facendo o que estou a facer e o que estamos a facer as abolicionistas. Dinnos moito iso de que é utopía, pero iso é o que move aos movementos de loita pola xustiza social, a utopía, o poder alcanzar ese mundo certamente posíbel. Noutros países leváronse a cabo, Suecia fai máis de vinte anos empezou a ponher en práctica medidas abolicionistas e podemos ver que ese trabalho ten unha repercusión. Hai que entender que abolir a prostitución non é erradicar a prostitución, non é sinónimo directo, é unha consecuencia, pero unha consecuencia a longo prazo. Atopámonos sempre con esa pregunta de e mentres tanto? Pois mentres tanto temos todas as demandas abolicionistas: que prohiban todas as formas de proxenetismo, que se cren políticas públicas de axuda ás mulheres que están en situación de prostitución ou que están a un paso de caer na prostitución durante esta crise que estamos a sufrir. E non só unha axuda económica, senón tamén formación, terapias, acceso a vivenda, acompanhamento psicosocial, asesoramento xurídico, isto é o que entendemos nós por dereitos e isto pódese facer xa e débese facer xa. Pódese empezar a multar aos puteros, porque entendemos que un bilhete non exime de responsabilidade a un agresor sexual. Debemos fomentar e ponher en práctica esa educación sexual e afectiva en valores feministas.
E temos un exemplo claro tamén, porque a segunda república era abolicionista, non é algo que non se poida ponher en práctica, que non se poida alcanzar, e sobre todo non podemos pensar iso, porque temos memoria e sabemos que outras mulheres, antes que nós loitaron e conseguiron cousas. Eu creo que como feminista véxome na obrigación de coidar ese legado e ser consciente diso. Tenho a obrigación ética e moral de loitar por un mundo melhor que o que eu atopei, para que ningunha mulher pase polo que eu pasei, para que ningunha nena sexa violada, marxinalizada, lanzada á prostitución e convertida en mercadoría para o goce dos homes.
Confías no actual Ministerio de Igualdade para avanzar neste obxectivo?
En máis dunha ocasión afirmei que non confío no estado e nas súas institucións, nin tampouco nos partidos políticos. No que confío é no movemento feminista e no que representa. Neste momento somos a sociedade civil organizada e temos unhas demandas claras, estamos a ponhelas sobre a mesa, estamos a esixilas, o papel que tenhen os partidos políticos é defendernos como interlocutoras válidas e ponher en práctica aquilo que esiximos. Ata hai uns meses cría que estabamos a un paso de conseguir esa lei abolicionista do sistema prostitucional, pero logo pasaron moitas cousas. Preocúpame que cando falemos de abolir a prostitución e de aplicar esta lei abolicionista desde o ministerio de Igualdade se diga que non hai un consenso, que hai un debate aberto no feminismo. Pero con todo, cando se refiren á lei trans, din totalmente o contrario e non tenhen en conta o que estamos a dicir, o que estamos a denunciar desde o movemento feminista.
Cando falamos da lei abolicionista do sistema prostitucional, hai que ter en conta que non depende exclusivamente do ministerio de Igualdade, hai outros ministerios que están profundamente tocados por este tema e que tenhen tamén unha responsabilidade moi grande. Está o ministerio de Interior, está o ministerio de Trabalho, o de Saúde… É dicir, hai moitos ministerios que se poden ponher as pilas xa e facer isto posíbel. Non é só unha cousa que dependa exclusivamente do ministerio de Igualdade. Aínda que si que debe ser impulsada desde aquí. Pero ao final, necesita do apoio destoutros ministerios.
En moitas ocasións acúsase ao abolicionismo de non reparar nas mulheres que exercen a prostitución, que hai de certo nesta afirmación?
É unha afirmación moi recorrente. Creo que cada parte escoita o que lhe convén. En realidade, creo que as mulheres abolicionistas, e algúns homes tamén, escoitamos moi de preto e acompanhamos procesos de mulheres que nos contan en primeira persoa o que están a vivir. É absolutamente falso que as abolicionistas non estamos a escoitar ás mulheres prostituídas, quizais digan isto porque xustamente escoitamos a aquelas que non tenhen voz e que non tenhen esa repercusión mediática da que sonhen gozar aquelas que defenden que a prostitución nun trabalho. Curiosamente, no seu relato as defensoras de regular a prostitución non nos están contando como chegaron aí e que é o que ocorre cando estás entre catro paredes cun putero. O seu discurso é un discurso oco e baleiro.
Nós, as abolicionistas, ó relato das mulheres prostituídas engadimos-lhe a análise que necesita calquera realidade social. Agora mesmo defínome como unha experta, pero non polo feito de pasar pola prostitución, iso non me converte nunha experta, como da mesma maneira as mulheres que sufriron a violencia de xénero non se converten en expertas en violencia de xénero. É necesario escoitar as voces de xente especialista para poder situarnos.
Para terminar, Que lhes dirías ás nosas lectoras e lectores para que merquen este cómic, para que merquen “A historia dunha loita”?
Poderia-lhes recomendar que compren o cómic ou que esixan ás súas bibliotecas municipais que o tenhan. Hai xente que quizais non dispón de medios, pero pódese facer un chamamento a que as bibliotecas municipais o merquen para que se poida prestar. Creo que é un trabalho que nos serve para abrir os olhos e á vez é un relato que non nos deixa bloqueadas, ofrece esa esperanza para lograr saír dese bloqueo que nos pode dar un acontecemento ou un testemunho moi duro. O cómic dá un paso máis aló da linha do meu trabalho, especialmente vai servir para humanizar a todas as mulheres e as relacións entre mulheres e homes. Non é un cómic só para mulheres, precisamente é un cómic tamén para homes, para novos homes, porque é importante que se dean conta de que isto non só aféctanos e destrúenos ás mulheres, senón que destrúe tamén a súa capacidade humana de empatizar e gozar da relación con outra igual.