«O outro día lía os últimos textos do falecido Tony Judt, con quen comparto ser beneficiaria do Estado de benestar británico, a educación gratuíta e a cobertura médica para todos. Judt denuncia a inxenuidade da minha xeración, que creu que eses privilexios durarían para sempre. Agora están a desaparecer, se non o fixeron xa. En Nova York recortan os bonos de comida para as familias pobres. É obsceno que as perdas dos banqueiros as tenhan que pagar os bebés máis pobres da comunidade.»
Zadie Smith
Resulta complicado falar de democracia cando un sistema impón os seus postulados, resulta complicado falar de solidariedade cando o individualismo e a procura depredadora do máximo beneficio son fomentados e perpetuados polo sistema en aras da supervivencia dun modelo económico e social que cada día sacrifica –sen mostrar apenas arrepentimento– a miles de individuos ante o todopoderoso altar dedicado á ditadura comercial do dólar.
Historicamente, intelectuais como o sociólogo polaco Zygmunt Bauman, parecen esquecer o feito de que o marco do estado de benestar europeo non nace exclusivamente como un acto de xenerosidade que os diferentes estados asumen cos seus cidadáns, senón que é precisamente a crecente ameaza dun sistema comunista –baseado na organización política dos cadros obreiros para a súa emancipación– o que fai reaccionar a unha rexión aínda moi debilitada pola cruel batalla ideolóxica e militar que durante a IIGM se librou no seu territorio. Non existía outra alternativa viábel para os grandes estados europeos, non resultaba de ningún modo factíbel naquel momento para a maquinaria capitalista implantar directamente en Francia ou Alemanha un modelo baseado na depredación natural do indefenso, tal e como hoxe se esta levando a cabo, por iso o estado de benestar –esa especie de pacto que supostamente garantía o cesamento as hostilidades abertas entre patronal e proletariado– supuxo un movemento de defensa fronte ó comunismo, fronte á URSS, unha mera estratexia militar do gran capital que lhe permitía encarar a batalha final fronte ó sistema comunista, sen temor algún ás numerosas quintas columnas socialistas presentes no seu propio territorio e que naquel momento si parecían dispostas a organizar ó proletariado europeo para esixir os seus dereitos.
Esquecía Bauman que as políticas de Mijaíl Gorbachov e a definitiva caída do bloque soviético en 1991, non foron máis que a constatación da morte dun sistema alternativo ó capitalismo que levaba xa décadas sufrindo unha cruel agonía froito da incapacidade política e o sinsentido militarista imposto por Washington. Non foron os logros sociais nin tampouco a tan traída liberdade da cidadanía o que finalmente conseguiu derrotar ó modelo comunista, tan só as armas e a manipulación do discurso puideron convencer á poboación mundial para asinar un pacto co dianho, dándolhe dese modo vía libre para derrotar ó único oponhente que ata hoxe mostrouse realmente capaz de plantarlhe cara.
As consecuencias non se fixeron esperar, as desregularizacións, a privatización, a subcontrata como método para garantir a precariedade ou o florecemento dos numerosos monopolios que hoxe controlan nos mercados globais servizos tan básicos como a información ou a enerxía, transformaron aquel espelhismo do estado de benestar nun auténtico pesadelo para a clase trabalhadora. Unha vez derrubado o muro que separaba a lóxica comunista da « idílica» realidade do libre mercado, o gran capital gozou de soberanía para poder estender con total impunidade os seus tentáculos, con iso dotou ás súas multinacionais dunha capacidade sen precedentes para buscar e explotar man de obra ou recursos naturais por todo o noso planeta. Só así un pode explicar con certa consistencia a pegada anglo-holandesa nas verteduras en Nixeria, os rastros de sangue congolenha nos nosos dispositivos electrónicos ou a presenza de precarios soldados afroamericanos nas rúas de Bagdad.
O motor da historia continúa sendo hoxe a loita de clases, unha loita na que a clase trabalhadora móstrase por agora derrotada e sen aparente capacidade de reacción
Admitamos que nunha cousa si acerta o eminente e popular sociólogo polaco, «a desigualdade está entre nós para quedar», non se trata dunha crise temporal ou dunha serie de malas decisións económicas e políticas, a concentración da riqueza, os colapsos bancarios e os posteriores rescates con cartos públicos ou o cada vez máis próximo colapso ecolóxico son partes tan inherentes ó sistema capitalista como o son a procura do máximo beneficio, a competencia ou a innovación. Debemos comezar a mentalizarnos acerca das palpábeis consecuencias do noso modelo económico e social, non podemos seguir durante moito máis tempo escondéndonos nas nosas acomodadas vidas occidentais finxindo que non está a suceder nada no mundo. De feito o esgotamento dese modelo comezou a levar as súas máis crueis prácticas de explotación e precariedade a cada vez máis fogares dentro de nosas propias fronteiras, por todo iso as alternativas hoxe resultan máis vitais que nunca.
Bauman falábanos do fracaso de movementos sociais como o dos indignados ou as primaveras árabes, referíndose a eles como alternativas que pretenderon lograr –resistindo nas rúas– que as súas esixencias fosen atendidas, pero esquecía nese punto que estas protestas pouco ou nada tiveron que ver en ningún momento cun desafío ao modelo capitalista imperante. As acampadas en Madrid ou O Cairo, carecían dunha base proletaria ou anticapitalista sólida e preferente. Hoxe, do mesmo xeito que na orixe da socialdemocracia europea, tan só a pantasma do comunismo poderá lograr que os cimentos do capitalismo máis salvaxe volvesen cambalearse, tan só un modelo real e palpábel en confrontación co capitalismo podería lograr que este se sentise realmente ameazado, que unha vez máis se mostrase disposto a afrouxar as cadeas da súa explotación para verse obrigado a sentar á mesa de negociación coa firme intención de atender ás demandas da masa proletaria. Masa social que debería pola súa banda aspirar sempre a un cambio social real e non ó pactismo. O motor da historia continúa sendo hoxe a loita de clases, unha loita na que a clase trabalhadora móstrase por agora derrotada e sen aparente capacidade de reacción. Tan só unha ofensiva firme e decidida podería comezar a trazar o caminho que nos leve a retomar parte dos nosos dereitos perdidos, tan só o recuperar a conciencia proletaria, a rabia e rebeldía do explotado, podería desvelarnos desta longa noite de pedra que supón para a clase obreira o capitalismo.
30 anos despois da caída da URSS, a máxima segue sendo a mesma “socialismo ou barbarie”
Trabalhadores do mundo, unídevos!