“Cando desapareza a subordinación escravizadora dos individuos á división do traballo, e con ela, a oposición entre o traballo intelectual e o traballo manual; cando o traballo non sexa apenas un medio de vida, senón a primeira necesidade vital; cando, co desenvolvemento dos individuos en todos os seus aspectos, medren tamén as forzas produtivas e corran a chorro cheo os mananciais da riqueza colectiva, só entón poderá superarse totalmente o estreito horizonte do dereito burgués, e a sociedade poderá escribir nas súas bandeiras: De cada quen, segundo as súas capacidades; a cada quen, segundo as súas necesidades!
Karl Marx
“A mesma nova sociedade, ao longo dos dous mil cincocentos anos da súa existencia, non foi nunca máis que o desenvolvemento dunha ínfima minoría a custa dunha inmensa maioría de explotados e oprimidos; e isto é hoxe máis que nunca.”
Friedrich Engels
“A humanidade comezará verdadeiramente a merecer o seu nome o día en que cesa a explotación do home polo home.”
Julio Cortázar
Mentres escrevo estas liñas, polo menos 95 persoas perderon a vida en Valencia a causa das inundacións provocadas pola DANA. Persoas que se atopaban nos seus postos de traballo, dado que políticos e empresarios decidiron non dar a voz de alarma para evitar perder un día de explotación da súa forza laboral. Isto non é apenas unha traxedia natural; é un crudo recordatorio da brutalidade inherente ao capitalismo. Esta traxedia non só revela a magnitude dos desastres asociados ao cambio climático, senón que expón unha crise creada e amplificada polas condicións de explotación, especulación e alienación propias dun sistema económico onde o valor da vida humana quedou totalmente subordinado ao lucro capitalista.
A maioría destas mortes ocorreron en polígonos industriais aos que os traballadores acudiron acosados polos seus xefes. A cobiza da burguesía e a extrema precariedade dunha clase traballadora que non pode permitirse perder o posto de traballo, forzada a garantir o prato diario nas súas casas, obrigaron a estes traballadores a presentarse nos seus postos pese ás alertas, co tacto da auga baixo as botas e a sombra dunha traxedia anunciada. Este panorama desolador bota luz sobre o papel que o traballo asalariado desempeña no sistema capitalista: unha cadea unicamente sustentada pola quietude social que nos impide sentir o peso das nosas propias cadeas. Na relación laboral capitalista, o obreiro queda alienado, indefenso ao carecer de control sobre o seu propio tempo, as súas condicións laborais ou mesmo a seguridade da súa propia vida. O obreiro convértese noutra propiedade dos seus xefes.
Deste xeito, baixo a cruel lóxica do capital, a clase traballadora é obrigada a arriscar mesmo a súa vida, aínda cando a traxedia fora previamente avisada por meteorólogos e expertos. Porque na realidade capitalista, os traballadores non son vistos como seres humanos, senón como simples instrumentos de produción, ferramentas para a acumulación de riqueza nas mans de sátrapas como Juan Roig Alfonso. Non houbo suspensión da actividade laboral, as máquinas continuaron en marcha nos polígonos industriais mentres a vida humana quedaba atrapada nunha rede de obrigacións forzadas, sen opción a desobedecer. Miles de obreiros atrapados entre a realidade da auga sobre os seus pescozos e a perspectiva de quedarse sen emprego, sen a posibilidade de encher a despensa familiar ou mesmo de enfrontarse ao desafiuzamento ás portas do frío inverno. O obreiro, encadeado ao seu traballo, ás facturas que non agardan, ás súas débedas, ás súas necesidades máis básicas, cada día máis inalcanzables debido ao encarecemento da vida… O obreiro que non pode cuestionar a orde de presentarse no seu posto de traballo, aínda cando está en xogo a súa propia vida. A esencia da explotación capitalista provoca centos de mortos polo terrorismo patronal ante o silencio e a complicidade dos responsables políticos e os sindicalistas vendidos ao capital.
E cal é a resposta do Estado español ante esta traxedia? Mobilizar morgues portátiles, enviar helicópteros nos que os precarios servizos de emerxencia arriscan a vida para rescatar a quen as dinámicas capitalistas puxeron en perigo e promover chamados á calma cando os mortos xa se contan por decenas, nun cínico intento de conter a ira popular. Unha estratexia desesperada para minimizar o escándalo das súas propias neglixencias e omisións. O aparato estatal capitalista, mesmo os seus organismos de seguridade e rescate, non están deseñados para previr nin para protexer, senón unicamente para paliar os danos, para amortecer as consecuencias cando o sistema fallou. Algo demasiado habitual nun sistema precisamente deseñado para fallar á clase traballadora. Un sistema abocado á necropolítica, no que empresarios e políticos burgueses deciden quen merece vivir e quen debe morrer nun xogo macabro no que se nos priva de calquera tipo de decisión real.
Cando un goberno privatiza servizos esenciais, como a Unidade Valenciana de Emerxencias, sementa o terreo para a traxedia e xoga impunemente á ruleta rusa coa vida de centos de traballadores. Baixo o capitalismo, todo o que supón un dereito para o pobo, como é a infraestrutura básica de seguridade, é percibido polas elites burguesas como unha oportunidade de negocio ou un posible nicho onde aplicar recortes. No colmo do cinismo e da barbarie, poden aplicar eses recortes para investilos directamente no asasinato ritual de animais, para goce e desfrute do máis casposo e sádico da burguesía «patria». Cando o goberno privatiza servizos destinados a soster ao pobo nos peores momentos, faino porque, na súa lóxica, a eficiencia non reside en salvar vidas nin en protexer á poboación, senón en reducir custos e maximizar o lucro para o sector privado. Non esquezamos nunca o claro carácter de clase do Estado burgués, convertido unicamente nun ente que busca asegurar que todo o sistema se incline en favor do capital, aínda que isto signifique deixar desprotexida á xente cando literalmente a auga lle chega ao pescozo.
En Valencia, a DANA desbordou os ríos, inundou rúas e puxo en evidencia a fraxilidade deste sistema capitalista, deixando claro que non é a natureza a que castiga ao ser humano, senón que é o propio capitalismo o que bota a gasolina que provoca estas traxedias. Cando o capital controla todos os recursos dispoñibles, cando a vida e o traballo están unicamente ao servizo duns poucos, cando a prevención se converte nun negocio e o empresario decide sobre a vida dos seus traballadores, as traxedias suceden unha tras outra, agardando a que o pobo esqueza, agardando a que todo pase, para que a carne de canón regrese aos seus postos de traballo até a seguinte vítima da cobiza capitalista.
O capitalismo leva dentro de si a semente da súa propia destrución, incapaz de resolver as crises que el mesmo xera. A destrución que hoxe vemos nas rúas inundadas de Valencia non reflicte unicamente os efectos devastadores dunha tormenta, senón que reflicte tamén un sistema en crise, incapaz de garantir a vida, a seguridade e a dignidade de quen o sostén. Agora toca decidir cantos mortos máis podemos soportar antes de rachar coas regras impostas pola necropolítica capitalista, canto dor podemos soportar antes de erguernos para, por fin, decidir sobre as nosas propias vidas, o noso propio tempo, o noso futuro.