«Unha prensa libre pode ser boa ou mala, pero sen liberdade, a prensa nunca será outra cousa que mala.«
Albert Camus
«O teu conhecemento sobre o que está a pasar é só superficial e relativo.«
William S Burroughs
«Nunca esquezas que vés dunha longa lista de buscadores da verdade, amantes e guerreiros.
« Hunter S. Thompson
Cando o goteo de información da organización mediática internacional WikiLeaks comezou a chegar ás nosas vidas a través de documentos filtrados e diversas fontes anónimas, en moitos casos provenientes do interior dos propios estados que se verían seriamente alterados pola filtración deses documentos, poucas persoas e escasos medios de comunicación dubidaron da lexitimidade de lanzar luz contra a opacidade da política local e internacional, que dunha forma ou outra, afecta a diario ás nosas vidas. Julian Assange, o seu creador, emerxeu entón á esfera pública como un moderno Robin Hood encargado de roubar información ó poder para ponhela ó dispor dos pobos. Pero en tempos de propaganda, a revolución no acceso á información, pronto se atopou con poderosos inimigos ós que facer fronte. Algúns deles, emerxeron mesmo entre os que se suponhían elementos aliados.
O lanzamento de WikiLeaks, en decembro do ano 2006, centrou gran parte das súas revelacións na política exterior estadounidense, con especial atención ás Guerras de Iraq e Afganistán e ós abusos cometidos polas súas tropas de ocupación en senlhos territorios. Plans para derrocar gobernos, masivas venda de armas, asasinatos selectivos, revolucións guiadas por intereses foráneos… As tramas diplomáticas e as entulheiras da espionaxe e a realidade política máis afastada do escrutinio democrático, pronto conseguiron que a imaxe de WikiLeaks e a do propio Julian Assange, se visen seriamente afectadas por unha ampla campanha de propaganda estadounidense, destinada a lograr mediante unha presión sutil e en ocasións non tan sutil, transformar ó adaíl da liberdade de información nun apestado para os medios occidentais. Medios de comunicación que ata ese momento non dubidaran en levar ás súas portadas a información fornecida polo propio Julian Assange, pasaron en apenas semanas e sen motivo aparente a criminalizar a súa figura.
WikiLeaks realizou o trabalho máis básico para calquera xornalista: destapar a verdade oculta tras o manto de mentiras institucionais
Críticas ós seus métodos xornalísticos, acusacións de filtrar información para favorecer ó goberno ruso e unha acusación por violación menor e acoso sexual, pechada pola Fiscalía de Suecia unha vez o «inimigo público» se atopou finalmente en mans do poder, fixeron que o foco social se desprazase oportunamente da vital información fornecida por WikiLeaks, ó circo mediático montado ó redor do seu fundador e ó cerco que o estado Norteamericano tinha levantado sobre el. A poucos medios lhes importaban xa as imaxes de soldados estadounidenses disparando con total sangue frío ó reporteiro da axencia Reuters, Namir Noor- ELDEEN e a nove persoas máis, os asasinatos de civís afgáns como resultado das accións militares, as continuas violacións de dereitos humanos en Guantánamo e Abu Ghraib, a masiva espionaxe da Axencia Nacional de Seguridade (NSA) a mandatarios europeos ou as multimilhonarias vendas de armamento estadounidense a Arabia Saudita, posteriormente utilizado para na guerra de Iemen. A campanha de desinformación logrou sen apenas esforzos solapar nas portadas a un valente esforzo xornalístico en busca da verdade tras a versión oficial.
O bloqueo financeiro de Bank of America, Visa, Mastercard, PayPal e Western Union que chegou a cortar o 95% do financiamento de WikiLeaks, o celo da Fiscalía de Suecia nun caso que finalmente abandonou en falso, as continuas presións ó goberno ecuatoriano para dilapidar os seus valores como estado traizoando a promesa de asilo dada a Julian Assange ou a campanha de desprestixio global lanzada contra WikiLeaks nos «máis prestixiosos» medios de comunicación de masas, atenderon sen dúbida a unha campanha orquestrada desde Estados Unidos para lograr desviar a atención dos crimes de guerra cometidos por ese estado e as continuas violacións da legalidade internacional, unha e outra vez sinaladas desde WikiLeaks.
O xuízo contra WikiLeaks é a disxuntiva de Morfeo, a elección entre a pílula vermelha e a pílula azul
Caracterizado como egocéntrico, obsesivo e paranoico polos creadores de opinión pública global, tras ser expulsado da Embaixada de Ecuador en Inglaterra, na que permaneceu recluído case oito anos -unha condena xa de seu innecesaria para un xornalista sen delito algún ás súas costas– nestes momentos, Julián Assange atópase nun cárcere de alta seguridade en Belmash, ao sueste de Londres, onde cumpre unha indefinida condena por violar a súa liberdade condicionada á espera da súa extradición a Estados Unidos, tras a lamentábel decisión dun tribunal británico que deixa en mans de Washington o poder executar a súa anhelada vinganza contra o xornalismo libre. En Estados Unidos Asasnge pode chegar a ser sentenciado ata con 100 anos de cárcere por relevar diferentes informes secretos que probarían a intervención de Estados Unidos en diferentes actos ilegais, entre eles numerosos crimes de guerra. Curiosamente, en toda esta trama de ilegalidades descubertas polo trabalho de investigación de WikiLeaks, tan só Julián Assange pagou ata o de agora coa privación de liberdade polos seus actos. O descubrir a maldade, parece gozar nos nosos días de peor prensa que a maldade mesma.
Con claros síntomas de degradación física e psicolóxica tras a continua e implacábel persecución levada a cabo polas autoridades norteamericanas, Assange enfronta agora unha posíbel condena de 170 anos de cárcere, debido aos 17 cargos que se lhe imputan, entre os cales se inclúen desde conspiración para cometer espionaxe, ata piratería informática.
Washington consegue a extradición de Assange pola filtración de 250 mil mensaxes diplomáticas e preto de 500 mil documentos confidenciais acerca das actividades do exército estadounidense en Iraq e Afganistán. Unha acción que segundo o executivo norteamericano tería comprometido a súa seguridade nacional e posto en perigo a vida de numerosos soldados, axentes e colaboradores, curiosamente, non fai mención algunha a xustiza ou o propio goberno estadounidense ás claras violacións á legalidade internacional e ós dereitos humanos fundamentais destapados grazas a esas mesmas filtracións. Tampouco parece existir reflexión algunha na sociedade estadounidense acerca da responsabilidade final do seu propio estado á hora de contravir a legalidade máis básica e ponher en serio perigo a vida do seu persoal, pero podemos acusar a un xornalista de ponher en risco a vida do persoal militar cando é o seu propio goberno o que os sitúa nunha potencial situación de risco ó terse saltado calquera normativa internacional e violar dese modo a legalidade de estados soberanos e os dereitos máis básicos do ser humano? A resposta de xeito evidente debería ser negativa, WikiLeaks realizou o trabalho máis básico para calquera xornalista: destapar a verdade oculta tras o manto de mentiras institucionais. Pero hoxe, consentimos que un inocente sente no banco por isto.
O lanzamento de WikiLeaks centrou gran parte das súas revelacións na política exterior estadounidense, con especial atención ás Guerras de Iraq e Afganistán e aos abusos cometidos polas súas tropas de ocupación en senllos territorios
O xuízo a Julian Assange foi un xuízo á xustiza en si mesma, á liberdade de expresión, á liberdade de prensa, ó xornalismo, á política e á sociedade global no seu conxunto. O xuízo contra WikiLeaks é a disxuntiva de Morfeo, a elección entre a pílula vermelha e a pílula azul. Existe un risco real de socavar definitivamente a liberdade de expresión se Assange é finalmente enterrado en vida nun cárcere estadounidense, ou se o que é máis probábel, finalmente non logra superar a continua tortura sicolóxica á que se está vendo sometido, tal e como xa sinalou o relator especial de Nacións Unidas para a Tortura, Nils Melzer.
Assange e WikiLeaks abriron unha nova xanela ó mundo e ó xornalismo internacional, unha xanela de realidade crúa e sen edulcorantes. Pero o que se atoparon tras ela, tras ese titánico esforzo contra o sistema, foi un mundo no que a verdade importa menos que as tiradas dos xornais, os pagos de favores políticos ou a sutil e pacífica convivencia entre poderes. Incluído nesta escura engrenaxe o xornalismo, dominado na actualidade por grandes grupos mediáticos, xa indiferenciables do mercadeo de poder ó que se supón deberían vixiar. O servilismo británico ó Imperio, as corruptelas de Lenín Moreno, a inapelábel decadencia do Times, a CNN ou El país, a indiferenza dos velhos valores europeos ou as dinámicas da diplomacia internacional… Todo funcionou lentamente, case de forma automatizada e inconsciente, para que unha vez máis, o exceso de luz non derrube a nosa ficción global.
Julian Assange enfróntase hoxe a unha caza de bruxas moderna, ó indocumentado martirio da verdade, insiro en plena época da comunicación global. Ningún de nós poderemos dicir nun futuro que ninguén sabía o que estaba a pasar. Simplesmente, preferimos sacrificar e sepultar a verdade, a ter que espertar ante ela.